DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 07 de xullo do 2017

No marco da misión comercial USA-Ourense organizada pola Deputación Provincial

O campus explora vías de colaboración coa Chapman University

A súa directiva Loretta Sánchez visitou este venres as instalacións universitarias


ImageArredor dun centenar empresas e institucións, 75 ourensás e 22 estadounidenses, participan este xoves e venres na cidade das Burgas na segunda edición da misión comercial USA-Ourense, un encontro empresarial organizado pola Deputación Provincial no que empresarios e representantes institucionais analizan vías de negocio e cooperación en diferentes sectores. No marco da axenda dos participantes, este venres, día 7 de xullo, Loretta Sánchez, directiva da Chapman University, de Estados Unidos, visitou o campus de Ourense co obxectivo de valorar a apertura de vías de colaboración en cuestións de interese mutuo.

Rosa Tedín | Ourense
Arredor dun centenar empresas e institucións, 75 ourensás e 22 estadounidenses, participan este xoves e venres na cidade das Burgas na segunda edición da misión comercial USA-Ourense, un encontro empresarial organizado pola Deputación Provincial no que empresarios e representantes institucionais analizan vías de negocio e cooperación en diferentes sectores. No marco da axenda dos participantes, este venres, día 7 de xullo, Loretta Sánchez, directiva da Chapman University, de Estados Unidos, visitou o campus de Ourense co obxectivo de valorar a apertura de vías de colaboración en cuestións de interese mutuo.

A representante da institución académica norteamericana, que foi durante 20 anos congresista, foi recibida no Edificio de Facultades por Francisco Javier Rodríguez Rajo, director da Área de Desenvolvemento de Infraestruturas do campus de Ourense. O director de área foi o encargado de guiala polas instalacións universitarias e de explicarlle os estudos que se imparten neste campus, a investigación que nel se realiza, facendo fincapé no proxecto de especialización do Campus da Auga, e as principais características tanto do campus de Ourense como da Universidade de Vigo. Pola súa banda, Loretta Sánchez detallou como a Chapman University é unha universidade ubicada na cidade de Orange, no sur de California, que conta con arredor de 8000 estudantes e que destaca no eido das “artes liberais”, abranguendo desde a economía á música. A representante da Chapman University amosou o interese da súa institución académica en recadar información sobre o campus dado o interese que teñen en abrir vías de colaboración con universidades españolas para que os seu estudantes poidan vir a este país a ampliar coñecementos e perfeccionar o coñecemento do idioma e a cultura. Neste senso destacou como buscan destinos para os seus estudantes fóra das grandes cidades españolas, polas mellores condicións que lles brindan para os seus obxectivo formativos.

Sobre esta iniciativa, desde a organización da misión sinalan como “no ámbito académico e de transferencia tecnolóxica, o campus de Ourense ten a oportunidade no marco desta misión USA-Ourense de establecer contactos coa Chapman University, da mesma maneira que o fixo en Israel coa Universidade de Tel Aviv, considerada entre as dez mellores do mundo, alianzas propiciadas pola Deputación de Ourense co obxectivo de establecer liñas de investigación e tamén para abrir novas oportunidades de negocio para empresas ourensás dos ámbitos tecnolóxico, agroalimentario, turístico e industrial, entre outros sectores”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós