DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 10 de xullo do 2017

Ángeles Cancela será a subdirectora e José Manuel Casas o secretario do centro

A Xunta de Escola confirma a Juan Picos como director da EE Forestal

Con 17 votos a favor, un en contra e unha abstención


ImageO profesor do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, Juan Picos, toma dende hoxe o relevo de Enrique Valero como director da Escola de Enxeñaría Forestal. O actual secretario do centro era o único candidato nas eleccións celebradas este luns e a Xunta de Escola deulle o seu apoio, con 17 votos a favor, un en contra e unha abstención, converténdose así no novo director da escola pontevedresa. Picos estará nesta etapa acompañado por Ángeles Cancela como subdirectora e José Manuel Casas como secretario do centro, ambos docentes con experiencia previa en cargos de xestión da escola en lexislaturas anteriores.

M. Del Río | Vigo
O profesor do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, Juan Picos, toma dende hoxe o relevo de Enrique Valero como director da Escola de Enxeñaría Forestal. O actual secretario do centro era o único candidato nas eleccións celebradas este luns e a Xunta de Escola deulle o seu apoio, con 17 votos a favor, un en contra e unha abstención, converténdose así no novo director da escola pontevedresa. Picos estará nesta etapa acompañado por Ángeles Cancela como subdirectora e José Manuel Casas como secretario do centro, ambos docentes con experiencia previa en cargos de xestión da escola en lexislaturas anteriores.

Tanto Picos como Cancela formaban parte do equipo directivo saínte, unha mostra de que “a nosa idea é poder ter un equipo coñecedor do centro para acompañar o traballo que se estivo a facer nos últimos meses, especialmente na modificación da memoria de verificación, o plan asociado á certificación do sistema de garantía de calidade, a solicitude de consideración do Grao en Enxeñería Forestal como titulación estratéxica no SUG, etc.” Neste sentido recorda que "malia o tamaño do centro, a súa especialización, a calidade do seu persoal, o impacto das investigacións levadas a cabo e as actividades de transferencia desenvolvidas son chave para achegar valor ao futuro do sector forestal e medioambiental de Galicia”.

Unha aposta por reforzar as sinerxías e avanzar na xestión da calidade

Picos destaca que a Escola de Enxeñaría Forestal “é o único centro universitario exclusivamente especializado no eido forestal, e está situado en Pontevedra, que pola súa concentración de centros de investigación e educación forestal, se constitúe nun polo de referencia para un sector estratéxico en Galicia”. Neste sentido subliña como unha das metas do novo equipo directivo “reforzar as sinerxías deste centro con outras entidades en todas as escalas: campus, Polo Tecnolóxico de Pontevedra, Universidade, SUG, sector forestal e centros de referencia a nivel estatal e internacional”. Picos tamén fai fincapé en que o centro foi “o primeiro do campus de Pontevedra en obter a Q de Calidade por ter o seu sistema de garantía de calidade certificado por ACSUG”, polo que considera clave “aproveitar este instrumento para seguir mellorando a xestión diaria, a calidade docente e a empregabilidade dos nosos egresados”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós