DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 10 de xullo do 2017

80 xogadores, 79 deles internacionais, participaron na competición

Sergey A. Fedorchuk gañou un disputado IV Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense

O certame celebrouse do 1 ao 7 de xullo na biblioteca universitaria


ImageDespois dunha dura semana de competición, o venres 7 de xullo rematou o IV Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense coa entrega de premios aos gañadores. Finalmente Sergey A. Fedorchuk, gran mestre ucraíno cun Elo maior de 2600 que ten estado entre os cen mellores xogadores do mundo, acadou o primeiro posto. Despois de liderar case toda a competición, o xogador fíxose cun torneo que este ano destacou pola calidade dos seus participantes, xa que 79 dos 80 xogadores eran internacionais e 26 deles mestres. “Foi un torneo moi bo, dun gran nivel de xogo”, destacou Lino Hermida, director da cita e da Asociación de Xadrez Ourensán Universitaria.

Duvi | Ourense
Despois dunha dura semana de competición, o venres 7 de xullo rematou o IV Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense coa entrega de premios aos gañadores. Finalmente Sergey A. Fedorchuk, gran mestre ucraíno cun Elo maior de 2600 que ten estado entre os cen mellores xogadores do mundo, acadou o primeiro posto. Despois de liderar case toda a competición, o xogador fíxose cun torneo que este ano destacou pola calidade dos seus participantes, xa que 79 dos 80 xogadores eran internacionais e 26 deles mestres. “Foi un torneo moi bo, dun gran nivel de xogo”, destacou Lino Hermida, director da cita e da Asociación de Xadrez Ourensán Universitaria, asociación que organizou o certame xunto á Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense.

O torneo, que contou coa colaboración da Deputación e do Concello de Ourense, desenvolveuse do 1 ao 7 de xullo polo sistema suízo Fide a nove roldas. As partidas, abertas ao público interesado, tiveron lugar na Biblioteca Rosalía de Castro do campus, sendo a competición é válida para Normas Internacionais de Xadrez, Elo Fide, Elo Feda e Normas para Mestres. O último día de competición, nun acto presidido por José María Faílde, director da Área de Planificación do campus de Ourense, entregáronse un total de 26 premios, 15 na categoría xeral, tres na Interelo (menos de 2200 Elo Fide), outros tres na de Afeccionado (menos de 2000 Elo Fide); outros tres na sub 1800 (menos de 1800 Elo Fide) e unha na de veteranos (máis de 55 anos). Tamén houbo un Premio Especial Provincial para o mellor clasificado ourensán, dotado con 120 euros. En total repartíronse 6480 euros en premios nas diferentes categorías, ademais de diversos trofeos.

Unha competición dura

O segundo posto foi para o gran mestre letón Ilmars Starostits e o terceiro para o tamén gran mestre nacionalizado francés Vladimir Lazarev. Entre os demais galardoados desde a organización destacan o premio de veteranos maiores de 55 anos, que foi para David Baltar Iglesias, e o Premio Especial Provincial para o mellor clasificado ourensán, que foi para Marcos Lorenzo Durán. Como mostra do disputada que estivo a competición, Arian González, mestre internacional gañador do III Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense, quedou nesta ocasión no posto 16. “A competición foi dura, moito máis que nas anteriores edicións”, apuntou Lino Hermida. Deste xeito, comentaron desde a organización, a parte alta do taboleiro estivo moi disputada entre os xogadores participantes, aínda que o posto de liderado de Fedorchuk foi bastante claro desde as primeiras partidas.

“O IV Torneo Internacional de Xadrez Campus Ourense amosou moito nivel desde o primeiro momento e desde a organización só nos queda felicitar a todos os xogadores participantes polo bo torneo que nos permitiron ter”, destacou pola súa banda Rodrigo Alberte Pivida, responsable da Área de Benestar, Saúde e Deporte do campus de Ourense. O cambio de celebración do certame do Pavillón de Deportes á nesta edición a Biblioteca Universitaria, apuntou, permitiu un mellor desenvolvemento da competición, xa que a nova ubicación se adaptaba mellor ás necesidades dos xogadores e do xogo. “Ano a ano o torneo vai consolidándose e dando pasos adiante. Esta edición foi o da mellora do nivel competitivo”, engadiu Rodrigo Alberte Pivida trala celebración da competición.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós