DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 10 de xullo do 2017

A cifra triplica a do ano académico anterior

O Gabinete Psicopedagóxico do campus despide o curso superando as 1800 consultas

O servizo pecha o venres a súa actividade ata o día 1 de setembro


ImageEste venres, 14 de xullo, o Gabinete Psicpedagóxico do campus de Ourense pecha a súa actividade ata o 1 de setembro e faino facendo un balance moi positivo dos resultados neste curso académico 2016/2017 que está a piques de rematar. As 1836 consultas atendidas durante este período triplican a cifra do curso pasado e amosan, tal e como destaca a responsable do gabinete, Isabel Ferreiro, “como cada día este servizo é máis coñecidos entre o alumnado, o noso principal usuario, e entre o profesorado, que cada vez nos deriva máis estudantes”.

Rosa Tedín | Ourense
Este venres, 14 de xullo, o Gabinete Psicpedagóxico do campus de Ourense pecha a súa actividade ata o 1 de setembro e faino facendo un balance moi positivo dos resultados neste curso académico 2016/2017 que está a piques de rematar. As 1836 consultas atendidas durante este período triplican a cifra do curso pasado e amosan, tal e como destaca a responsable do gabinete, Isabel Ferreiro, “como cada día este servizo é máis coñecidos entre o alumnado, o noso principal usuario, e entre o profesorado, que cada vez nos deriva máis estudantes”. A piques de pechar o curso, a psicopedagoga dá un último consello aos membros da comunidade universitaria para aproveitar estas vacacións: “que encarecidamente descansen a cabeza e volvan en setembro coas pilas recargadas”.

Á hora de facer balance da actividade desenvolvida ao longo do curso 2016/2017, a responsable do Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense sinala que o número de consultas atendidas foi 1836, que o número de alumnos e alumnas formados ascendeu a 1209 e que as horas de formación foron 61, repartidas en seis cursos. Estes datos, apunta, supoñen unha “grande evolución” respecto ao curso pasado, (no que atenderon 694 consultas, formaron 335 estudantes e impartiron 94 horas de formación), e sobre todo respecto ao curso 2012/2013, ano no que a psicopedagoga asumiu este gabinete e no que o balance recolle 379 consultas atendidas, 192 estudantes formados e 145 horas de formación. “Como se pode apreciar, ao ser cada vez máis coñecidos recibimos canda vez máis consultas, o que nos deixa menos tempo para a formación grupal e nos esixe máis tempo para a atención individualizada”, explica Isabel Ferreiro.

Asesoramento académico

O Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense quere “brindar unha asesoría multidisciplinar e integral nas áreas psicolóxica e psicopedagóxica co propósito de fortalecer a autonomía, a autoestima, a autoaprendizaxe e os valores fundamentais que propicien o equilibrio persoal e melloren a calidade de vida do alumnado”. Deste xeito, ofrece servizos fundamentalmente de asesoramento académico e atención psicolóxica. O asesoramento académico abrangue a atención individual ou colectiva sobre calquera cuestión relacionada co proceso formativo e a organización de cursos. A atención psicolóxica abrangue ao alumnado con problemas psicolóxicos que poidan interferir negativamente no seu rendemento académico e inclúe a promoción, prevención e atención en materia psicolóxica, entre outras cuestións. Sobre as máis de 1800 consultas do alumnado atendidas este curso académico, Isabel Ferreiro explica que son principalmente do eido académico, destacando cuestións como a planificación e a xestión do tempo; as técnicas de estudo e a xestión do estrés ante a realización de exames ou a presentación de traballos fin de grao ou mestrado. “O que si notamos é que cada vez son máis as consultas de estudantes que nas súas etapas educativas anteriores, antes de entrar na universidade, sufriron situacións de acoso escolar e iso xéralles dificultades á hora de, por exemplo, traballar en grupo”, comenta a psicopedagoga.

No que respecta aos cursos de formación, a responsable do Gabinete Psicopedagóxico sinala que habitualmente se intenta ofrecer cada curso unha programación renovada, o que fai que a demanda deste tipo de actividades sexa cada vez maior e haxa listas de agarda para acudir. Este 2016/2017, detalla Isabel Ferreiro, impartíronse concretamente actividades formativas de traballo en equipo; meditación e creatividade; técnicas de estudos como a lectura rápida e mapas mentais; acollemento dun can guía; superación ante a discapacidade e ioga da risa. O número de asistentes en cada curso variou en función das esixencias de cada actividade e a docencia correu a cargo de diferentes entidades ou persoas vinculados coa temática de interese.

Atendendo a diversidade

Por último, neste balance anual o Gabinete Psicopedagóxico destaca o apoio proporcionado ao alumnado con necesidades especiais que estuda no campus de Ourense. Este curso, a entidade fixo seguimento a través do plan personalizado a 23 estudantes con algún tipo de diversidade funcional, seguindo o protocolo de actuación establecido para estes casos a través do Plan Piune da Universidade de Vigo. Este plan, sinala Isabel Ferreiro, contempla que cada estudante con estas características conte cunha avaliación das súas necesidades, un plan de atención propio, que se forme e informe aos docentes que lle darán clases e que se faga un seguimento de cada caso ao longo do curso. Alén destes alumnos e alumnas neste servizo tamén atenderon cuestións puntuais de estudantes con necesidades específicas que non requiren dun plan individualizado para o desenvolvemento da súa vida académica.

O maior reto afrontado no caso do colectivo con necesidades especiais foi este curso a chegada ao campus de Lucy, o primeiro can guía, neste caso cadela guía, que se incorporou ás aulas da Universidade de Vigo. Despois dun proceso de selección para que lle fose concedido este apoio por parte da Fundación Once do Can Guía, Lucía González, alumna de cuarto curso do grao de Traballo Social con discapacidade visual, puido deixar de guiarse co bastón para facelo cunha cadela de raza labrador. O Gabinete Psicopedagóxico foi o encargado de apoiar a súa chegada ao campus e de explicar ao resto da comunidade universitaria como actuar ante a súa presenza.

Regreso o día 1 de setembro

Antes de pechar as súas portas, desde o Gabinete Psicopedagóxico aconsellan aos membros da comunidade universitaria que aproveiten as vacacións para “coller forzas”, para o que lles recomendan “que non pensen en nada da universidade, que se esquezan dela por completo”. Despois deste descanso, apuntan Isabel Ferreiro, “vémonos o día 1 de setembro”, coas sesión de traballo en equipo que o Gabinete Psicopedagóxico ofrecerá nas xornadas de benvida que terán lugar nos diferentes centros e escolas do campus os primeiros días do xa curso académico 2017/2018.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós