DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 12 de xullo do 2017

Alumnos e alumnas de cinco titulacións conforman unha iniciativa bautizada como 'Campus Illa San Simón'

15 estudantes pontevedreses presentarán no Sinsal Son Estrella Galicia catro proxectos que unen tecnoloxía e creación artística

O día 20 darán a coñecer os seus traballos, nun evento co que arrancará o festival


ImageAs sinerxías entre as novas tecnoloxías e a creatividade son o nexo común que une a 15 estudantes de graos de Pontevedra no proxecto Campus Illa San Simón. Trátase dunha iniciativa coordinada por profesores de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes na que participan alumnas e alumnos de cinco titulacións e que se insire dentro da programación do Festival Sinsal Son Estrella Galicia, que se celebra do 20 a 23 de xullo na illa de San Simón. O proxecto universitario consiste nun programa combinado de obradoiros docentes e desenvolvemento de proxectos, nos que os alumnos e alumnas levan traballando varias semanas divididos en catro grupos. Os resultados de cada un deles serán presentados o día 20 en San Simón, no que será o evento inaugural do festival.

M. Del Río | Vigo
As sinerxías entre as novas tecnoloxías e a creatividade son o nexo común que une a 15 estudantes de graos de Pontevedra no proxecto Campus Illa San Simón. Trátase dunha iniciativa coordinada por profesores de Ciencias Sociais e da Comunicación e Belas Artes na que participan alumnas e alumnos de cinco titulacións e que se insire dentro da programación do Festival Sinsal Son Estrella Galicia, que se celebra do 20 a 23 de xullo na illa de San Simón. O proxecto universitario consiste nun programa combinado de obradoiros docentes e desenvolvemento de proxectos, nos que os alumnos e alumnas levan traballando varias semanas divididos en catro grupos. Os resultados de cada un deles serán presentados o día 20 en San Simón, no que será o evento inaugural do festival.

Á fronte desta actividade están os profesores Ignacio Barcia e Fernando Suárez, de Belas Artes e Oswaldo García, de Ciencias Sociais e da Comunicación, que este mércores presentaron en rolda de prensa o Campus Illa San Simón acompañados polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho. Detallaron os catro proxectos que se están a desenvolver e explicaron que detrás deles hai estudantes dos graos de Belas Artes e Comunicación Audiovisual, os mestrados en Libro Ilustrado e Animación Audiovisual e en Dirección de Arte en Publicidade e o programa de doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea. O vicerreitor do campus fixo fincapé na colaboración de SinsalAudio e o Consello Social, “que permite dar a coñecer e poñer en valor o talento do noso campus”. Explicou que estes espazos de “experimentación e de creatividade a través das novas tecnoloxías e as vangardas” son unha fiestra a través da cal o campus se achega á contorna, se dá a coñecer e transfire á sociedade todo o seu valor.

Para poñer en marcha esta iniciativa, a organización contou coa colaboración de especialistas en diversos aspectos do uso da tecnoloxía con fins creativos, como Roi Fernández, artista transmedia; Manuel Outeiro, director de procesos de construción; Marta Verde, experta en programación creativa e sistema interactivos; Berio Molina, artista sonoro; María Castellano, creadora especializada en wearables e Alberto Valverde, artista e tecnólogo. Os docentes coordinadores tamén remarcaron que, aínda que esta sexa a primeira edición do Campus Illa San Simón, “este é un proxecto con vocación de continuidade que se apoia en experiencias puntuais dos últimos anos”. Neste sentido, Juan Manuel Corbacho salientou que estes proxectos do alumnado poden ser de utilidade para organismos como concellos ou deputacións á hora de poñer en valor o seu patrimonio e agarda que os proxectos poidan perdurar e estenderse con este obxectivo.

O Campus Illa San Simón é unha das actividades que se inclúe na iniciativa CREA S2i, o proxecto de especialización do campus pontevedrés, xa que o seus obxectivos pasan por xerar sinerxías entre os diferentes eidos de coñecemento “que consoliden e desenvolvan as potencialidades de docencia, investigación e transferencia tanto internamente como, moi especialmente, en relación coa contorna social, cultural e económica”.

Catro proxectos que verán a luz o día 20

Os quince estudantes levan semanas traballando en grupos multidisciplinares nos que desenvolven catro proxectos que van dende as instalacións sonoras e a realidade aumentada ata escultura, animación 3D e experiencias espazo-temporais. O primeiro dos proxectos está sendo desenvolto por Aitana Tubío, Carlota Rivas e Iago Fernández, que dan forma a un percorrido ou refuxio cuberto con paredes de látex nas que se xera unha vibración a través de cinco motores en cada parede conectados a dous arduinos. A estes motores “lles fabricaremos unha pestana de metacrilato que producirá o movemento” e repartidos por toda a estrutura e recollidos en cápsulas adheridas ao látex, producirán diferentes ritmos de vibración.

Un segundo grupo de alumnos e alumnas, composto por Acacia Ojea, Adrián García, Marta Rodríguez, Héctor Ramos, Alejandro González e Nicolás Vázquez, traballa nunha “intervención sonora-escultórica que xera unha paisaxe sonora atendendo ás forzas xeolóxicas da illa de San Simón, é dicir, terra, mar e aire. Segundo explican os estudantes “esta serie de eventos naturais conforman o presente atemporal, alleo aos acontecementos históricos, que define o lugar”. Na súa proposta reúnen no miradoiro dos Buxos unha serie de gravacións musicalizadas, tomadas de diferentes localizacións da illa e distribuídas en catro altofalantes a xeito de esculturas. “O son interactuará coa luz do sol e a sombra dos espectadores a través dunha peza con sensores”.

Óliver Alonso e Yoseba Cuña traballan no terceiro proxecto, que toma como punto de referencia a illa nunha contorna tecnolóxica futura. “Esta peza narra unha historia que dá comezo no presente pero avanza ata unha visión futurista post-apocalíptica, producida pola subida do nivel do mar e a implicación das telecomunicacións na vida diaria”, explican. Os dos alumnos empregan realidade aumentada para narrar a historia, de xeito que a peza consta de tres esculturas brancas de preto de 1,5 metros de alto repartidas pola illa (unha molécula de auga, un fragmento de ADN e un condensador eléctrico) e unha aplicación móbil que emprega a cámara dos teléfonos para identificalas por separado e desencadear ao seu arredor as animacións en 3D que lanzan información ao usuario.

Finalmente, Ana Pérez, Helena Fernández e Laura Navarrete propoñen unha trampa oceánica, “unha instalación sonora que consiste nun refuxio de rede habitado por seres mariños, que nos atraen e chaman a nosa atención”. Propoñen ao público adentrarse na trampa e mergullarse nunha experiencia visual e sonora que evoca “diferentes momentos da illa, dende a súa aparición na literatura fantástica de Verne, ata a súa historia cos trobadores ou os mariñeiros, sempre ligada ao mar”. Os paseos xerados no seu interior serán traducidos a son, compoñendo con movemento dos corpos diferentes paisaxes sonoras.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós