DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 18 de xullo do 2017

A inscrición está aberta ata o xoves 20 de xullo

Partovia, Cuntis, Laias e o Talaso Atlántico, aulas dunha nova edición do curso sobre termalismo

As actividades comezan o 25 de xullo en Carballiño e prologaranse ata o venres 28


ImageUnha viaxe por algúns dos centros termais máis importantes de Galicia: os Balnearios de Carballiño e Partovia, as Termas de Cuntis, o Balneario de Laias e o Talaso Atlántico en Oia. Esta é a atractiva proposta da XVI edición do curso de verán sobre termalismo que este ano estrea unha nova temática: Termalismo e vida saudable.O programa recolle unha serie de conferencias nas que se estudarán os beneficios das augas medicinais e mariñas para a saúde e un conxunto de actividades que servirán para pór en práctica os coñecementos teóricos aprendidos e para adestrar a futuros profesionais. Todas as persoas interesadas en coñecer a potencialidade dos hábitos termais para a saúde poden inscribirse nesta actividade ata o vindeiro xoves 20 de xullo.

Rut San Millán | Vigo
Unha viaxe por algúns dos centros termais máis importantes de Galicia: os Balnearios de Carballiño e Partovia, as Termas de Cuntis, o Balneario de Laias e o Talaso Atlántico en Oia. Esta é a atractiva proposta da XVI edición do curso de verán sobre termalismo que este ano estrea unha nova temática: Termalismo e vida saudable. Baixo este título, o programa, que se desenvolverá integramente nas instalacións dos balnearios, recolle unha serie de conferencias nas que se estudarán os beneficios das augas medicinais e mariñas para a saúde e un conxunto de actividades que servirán para pór en práctica os coñecementos teóricos aprendidos e para adestrar a futuros profesionais. Todas as persoas interesadas en coñecer a potencialidade dos hábitos termais para a saúde poden inscribirse nesta actividade ata o vindeiro xoves 20 de xullo.

Durante catro xornadas consecutivas que comezan o 25 de xullo, o curso contará coa colaboración dun “grupo multidisciplinar no que se inclúen profesionais de áreas como Medicina, Química, Farmacia, Xeoloxía, Fisioterapia, Bioloxía... que fan que a temática se trate desde diferentes puntos de vista e dunha forma moi completa”, explica o coordinador do curso José Luis Legido, catedrático do Departamento de Física Aplicada.

O atractivo dun curso itinerante

Este grupo de expertas e expertos ten marcado como un dos seus obxectivos dar a coñecer as diferenzas e as similitudes existentes entre os distintos balnearios, talasos e centros spa para, segundo o coordinador, “facer entender a problemática común coas augas, as necesidades do equipo profesional que debe estar ao fronte da empresa, o tipo de clientela... polo que resulta imprescindible o contacto directo cos centros termais”. Por isto, a visita a diferentes balnearios do territorio galego é unha das actividades principais do programa, que ademais fai que este curso resulte “un dos máis atractivos para o alumnado asistente polo seu carácter itinerante”, sinala Legido. Estas viaxes, engadidas á metodoloxía teórico-práctica, fan que este curso continúe ofertándose ano tras ano desde o 2001 con moi boa acollida entre os participantes, segundo amosan as enquisas e a ocupación das prazas.

Perfil e inscrición

A actividade está dirixida a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral. “Nas últimas edicións, ademais de membros da comunidade universitaria, participaron profesoras e profesores de secundaria e profesionais do sector interesados no tema das augas mineiromedicinais e nos tratamentos nos balnearios”, explica Legido. Para todas as persoas interesadas, tanto a inscrición como a programación do curso están dispoñibles a través da plataforma Culturxest. O custo da matrícula é de 26 euros para a comunidade universitaria e de 40 euros para o resto do público.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós