DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 13 de xullo do 2017

Manuela Elizabeth Rodríguez, 'MeliMolita', recolleu no seu caderno un percorrido polos postos da mostra

Unha alumna de Belas Artes premiada pola ilustración do Encontro da Artesanía Tradicional de Galicia


Image Un caderno en acordeón que recolle un percorrido polos diferentes postos, alternando planos medios con zooms aos obxectos e concedendo especial importancia á luz da escenas, valeulle á estudante de doutoramento Manuela Elizabeth Rodríguez, 'MeliMolita',o premio do obradoiro Debuxo na rúa con Urumo, celebrado ao abeiro do VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, celebrado en Agolada (Pontevedra) o 8 e o 9 de xullo. Coordinado por El Patito Editorial, o obradoiro incluía, por unha banda, a elaboración dun caderno en acordeón con Pablo Otero, que posteriormente tiña que completarse con debuxos da feira, seguindo as explicacións de Alfredo Ugarte, 'Urumo'.


Duvi | Vigo
Un caderno en acordeón que recolle un percorrido polos diferentes postos, alternando planos medios con zooms aos obxectos e concedendo especial importancia á luz da escenas, valeulle á estudante de doutoramento Manuela Elizabeth Rodríguez, 'MeliMolita',o premio do obradoiro Debuxo na rúa con Urumo, celebrado ao abeiro do VI Encontro da Artesanía Tradicional e Popular de Galicia, celebrado en Agolada (Pontevedra) o 8 e o 9 de xullo. Coordinado por El Patito Editorial, o obradoiro incluía, por unha banda, a elaboración dun caderno en acordeón con Pablo Otero, que posteriormente tiña que completarse con debuxos da feira, seguindo as explicacións de Alfredo Ugarte, 'Urumo'.

“Ao final da xornada, os cadernos expuxéronse ao público e un xurado outorgoume o premio, que consistía nun lote de produtos da feira”, explica 'MeliMolita', que neste intre está a cursar o programa de Doutoramento en Creación e Investigación en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo, tras graduarse en Belas Artes e realizar o Máster de Libro Ilustrado e Animación Audiovisual. Ademais da aprendizaxe de debuxo e contidos artísticos do obradoiro, a ilustradora destaca desta iniciativa do Encontro da Artesanía “a relación e intercambio cultural que permite establecer entre os debuxantes, a xente de Agolada, visitantes e artesáns. Considero que obradoiros deste tipo son moi importantes, xa que te dan a oportunidade de deixar o taller para debuxar os postos de artesanía directamente, véndoos con toda a súa actividade e movemento”. Así, a través do debuxo, xerábase segundo MeliMolita, un ambiente de diálogo constante cos artesáns que lle explicaban ás e aos participantes do obradoiro o proceso de elaboración e a historia que había detrás de cada unha das súas obras.

Autora dunha intervención artística no Hospital Provincial

'MeliMolita' é a autora da intervención artística que desde hai un ano ilustra as paredes da sala de espera de radioloxía pediátrica do Hospital Provincial de Pontevedra, onde un grupo de nenas e nenos xogan ás agochadas ao tempo e interactúan co espectador e cos elementos arquitectónicos que os rodean. Esta é a esencia de Xogar a esperar, a intervención artística de Manuela Elizabeth Rodríguez, desenvolvida ao abeiro dun acordo subscrito entre a Xerencia de Xestión Integral de Pontevedra e O Salnés e a Facultade de Belas Artes.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós