DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 13 de xullo do 2017

A colaboración enmárcase no proxecto internacional LMPI para a modernización do ensino da enxeñaría

A Universidade de Vigo asesorará a Vietnam para mellorar as súas titulacións no eido da ciberseguridade

Cooperarase con tres universidades asiáticas para poñer en marcha mestrados que ofrezan diplomas conxuntos


ImageA Universidade de Vigo ten previsto poñer en marcha no curso 2018-2019 o primeiro mestrado en ciberseguridade de Galicia, que terá carácter interuniversitario e se impartirá conxuntamente na EE de Telecomunicación de Vigo e na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Esta titulación, que aínda está pendente de iniciar o proceso de verificación, nacerá cunha importante compoñente internacional, xa que ao abeiro do proxecto internacional LMPI, se poderán expedir diplomas dobres ou conxuntos con tres universidades vietnamitas. Os acordos coas institucións asiáticas asináronse este xoves no marco dunha visita institucional da Ho Chi Minh City University of Technology, Vietnam National University of Agriculture e Hanoi University of Science and Technology, socios de Vigo no LMPI (Licence master professionnel en protection informatique).

M. Del Río | Vigo
A Universidade de Vigo ten previsto poñer en marcha no curso 2018-2019 o primeiro mestrado en ciberseguridade de Galicia, que terá carácter interuniversitario e se impartirá conxuntamente na EE de Telecomunicación de Vigo e na Facultade de Informática da Universidade da Coruña. Esta titulación, que aínda está pendente de iniciar o proceso de verificación, nacerá cunha importante compoñente internacional, xa que ao abeiro do proxecto internacional LMPI, se poderán expedir diplomas dobres ou conxuntos con tres universidades vietnamitas. Os acordos coas institucións asiáticas asináronse este xoves no marco dunha visita institucional da Ho Chi Minh City University of Technology, Vietnam National University of Agriculture e Hanoi University of Science and Technology, socios de Vigo no LMPI (Licence master professionnel en protection informatique). Trátase dunha iniciativa coordinada pola Uninettuno University de Italia e reúne 18 universidades de seis países europeos e dous asiáticos. A profesora da EET Ana Fernández Vilas, coordinadora local, explica que a finalidade é que “universidades europeas acheguen os seus coñecementos en ciberseguridade a institucións de Moldavia, Kazaxistán e Vietnam para mellorar a formación académica e profesional neste eido”. Dentro deste proxecto, a Universidade de Vigo traballará coas tres universidades vietnamitas para a modernización dos programas de ensinanza en enxeñaría e a posta en marcha dos futuros mestrados que terán diplomas conxuntos con Vigo.

Catro mestrados que ofrecerán diplomas conxuntos

O proxecto, que botou a andar en marzo, arrancou oficialmente coa visita dos representantes das universidades asiáticas a Vigo ao longo desta semana, que lles serviu para coñecer diversas iniciativas postas en marcha en relación á docencia virtual, ciberseguridade, programas internacionais de mobilidade, proxectos de investigación en novas tecnoloxías, etc. Este xoves mantiveron unha xuntanza do reitor vigués, Salustiano Mato, co que asinaron os convenios bilaterais que permitirán o intercambio de estudantes nos futuros mestrados. Deste xeito, apuntaba o vicerreitor de Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, “comezamos a internacionalizar o futuro mestrado galego en Ciberseguridade dende o seu nacemento”.

O mestrado interuniversitario de Vigo e Coruña en Ciberseguridade está previsto que arranque no curso 2018-2019 e que coincida no tempo coa posta en marcha dos mestrados nas tres universidades asiáticas, que ofrecerán diplomas conxuntos coa de Vigo. As titulacións das universidades vietnamitas serán de dous anos, mentres o galego será de ano e medio, e traballarase para poder fomentar a mobilidade de estudantes vigueses, que poderán facer seis meses extra de formación en Vietnam, para poder obter o dobre diploma, como explica a coordinadora local do LMPI en Vigo. Pola contra, estes acordos permitirán que as alumnas e alumnos vietnamitas poidan completar parte dos dous anos na EE de Telecomunicación.

Obxectivos específicos de Vigo no LMPI

O proxecto LMPI nace da urxencia de responder ás necesidades das empresas para perfeccionar a cualificación os seus técnicos e empregados e de crear novos cursos universitarios nas institucións asiáticas con carácter profesional para os estudantes. A finalidade do proxecto é, polo tanto, contribuír á protección dos sistemas e das redes informáticas das empresas de Kazaxistán, Moldavia e Vietnam, desenvolvendo a través da formación profesional (inicial e continua, presencial ou a distancia), tanto os recursos humanos, como as competencias dos cidadáns dos países interesados. Ana Fernández Vilas, explica que o proxecto LMPI se estrutura en tres áreas xeográficas e se centra no reforzo de capacidades na seguridade informática, no caso de Vigo traballando especificamente con Vietnam. Os tres obxectivos específicos desta colaboración pasan pola creación dos mestrados de ciberseguridade, cun dobre diploma da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación; a creación dunha plataforma en liña para proporcionar formación a distancia a profesionais neste eido e o establecemento dun centro de investigación no ámbito da seguridade das redes e dos sistemas de información. Precisamente como exemplo dunha plataforma a distancia para formación durante a vida, Domingo Docampo, comisionado do Campus do Mar Dixital, presentou á delegación asiática esta iniciativa e a súa funcionalidade na Universidade de Vigo, e resaltou a importancia deste modelo de cara a afrontar “o obxectivo específico relacionado coa formación durante toda a vida”.

No caso da colaboración entre Vigo e Vietnam, os coordinadores rexionais agardan que este proxecto permita que 24 profesores vietnamitas gocen de perfeccionamento na UE; que se creen seis programas profesionais, tres graos e tres mestrados onde os programas, os contidos dos cursos e os recursos pedagóxicos sexan dixitalizados e accesibles en liña. Ademais poderán poñerse en marcha tres centros de excelencia para a seguridade informática nas universidades asiáticas, así como tres ciberespazos didácticos, de xeito que 810 estudantes e 150 empregados de Vietnam poidan aproveitar esta formación, que se traducirá en 12 diplomas dobres ou conxuntos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós