DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 14 de xullo do 2017

O Pazo da Cultura acolle ata o 3 de setembro unha mostra de traballos fin de grao

22 estudantes de Belas Artes converten un final nun comezo

Máis da metade das propostas creativas apostan polo vídeo e a fotografía


ImageComo unha especie de ritual de despedida, o Pazo da Cultura acolle un verán máis a exposición Do final e do comezo que recolle unha selección dos traballos fin de grao de estudantes de Belas Artes que remataron neste curso a súa carreira. A mostra, comisariada polo profesor Nono Bandera, inaugurouse este xoves e poderase visitar ata o 3 de setembro.
A mostra convértese para o alumnado nunha oportunidade de facer balance dos últimos meses de traballo pero tamén de amosar os coñecementos adquiridos nos catro anos da carreira. Deste xeito poñen en valor a súa creatividade, frescura e innovación nun intre de tránsito entre o mundo académico e o profesional, podendo ao tempo traballar nun espazo museístico e singular.

M. Del Río | Vigo
Como unha especie de ritual de despedida, o Pazo da Cultura acolle un verán máis a exposición Do final e do comezo que recolle unha selección dos traballos fin de grao de estudantes de Belas Artes que remataron neste curso a súa carreira. A mostra, comisariada polo profesor Nono Bandera, inaugurouse este xoves e poderase visitar ata o 3 de setembro. A exposición convértese para o alumnado nunha oportunidade de facer balance dos últimos meses de traballo pero tamén de amosar os coñecementos adquiridos nos catro anos da carreira. Deste xeito poñen en valor a súa creatividade, frescura e innovación nun intre de tránsito entre o mundo académico e o profesional, podendo ao tempo traballar nun espazo museístico e singular. O acto inaugural contou coa presenza do comisario, Nono Bandera; Silvia García, decana da Facultade de Belas Artes; Carmen Fouces, concelleira de Cultura e os vicedecanos/as Susana Cendán de Organización Académica e Profesorado, e Marcos Dopico de Imaxe e Calidade, xunto con Manuel Morquecho, responsable da Área de Extensión Cultural do campus de Pontevedra.

En total expóñense as propostas artísticas de 22 estudantes, seleccionados entre 47 solicitudes. Bandera explica que en total hai neste curso 103 alumnos e alumnas matriculados para facer o TFG, cuxa realización e defensa son de carácter obrigatorio, se ben a participación nesta exposición é de carácter voluntario. El, como comisario, xunto con Susana Cendán, vicedecana de Organización Académica e Sol Alonso, coordinadora da montaxe audiovisual, foron os encargados da selección das obras.

Nono Bandera explica que “Do final e do comezo dá unha idea moi aproximada das tendencias en canto a plantexamentos creativos das xeracións máis novas”. O vídeo e a fotografía teñen unha presenza “moi notable”, xa que doce dos proxectos expositivos apostan por estas disciplinas. Pero tamén hai espazo para cinco esculturas e instalacións “moi interesantes”. Nesta edición hai un número reducido de proxectos en pintura, explica o comisario, “un medio tradicional en outras convocatorias que nesta edición só ten unha peza”. Os outros catro proxectos son de debuxo e gravado, tanto en procesos dixitais como nos máis tradicionais como o gravado calcográfico. En resumo, trátase dunha selección na que “os medios son totalmente abertos” remarca Bandera, que engade que “o máis interesante da nosa mostra é que os estudantes poden contar cun espazo museístico inmellorable para presentar o seu traballo, xa que na nosa facultade non dispoñemos de moitos espazo”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós