DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 14 de xullo do 2017

A Escola de Enxe馻r韆 de Telecomunicaci髇 acolle esta actividade formativa

A segunda edici髇 do curso sobre ciberseguridade prepara o alumnado para defenderse fronte os ataques dixitais

As e os 29 participantes estanse a introducir nun sector moi demandado na actualidade


ImageTras o Wannacry e o NotPetya, os últimos ciberataques mundiais, nos que os piratas informáticos puxeron en xaque a empresas, bancos e institucións, queda claro que o mundo dixital non é totalmente seguro nin para grandes compañías nin para pequenos usuarios. Por este motivo e conscientes de que este é un novo mercado laboral, o equipo directivo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación organiza a segunda edición do curso Introdución á ciberseguridade. Esta actividade formativa de 44 horas de duración lévase impartindo dende o 1 de xuño e a súa docencia continuará ata o vindeiro 20 de xullo en horario de tarde.

Inés Tornero | Vigo
Tras o Wannacry e o NotPetya, os últimos ciberataques a nivel mundiais, nos que os piratas informáticos puxeron en xaque a empresas, bancos e institucións, queda claro que o mundo dixital non é totalmente seguro nin para grandes compañías nin para pequenos usuarios. Por este motivo e conscientes de que este é un novo mercado laboral, o equipo directivo da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación organiza a segunda edición do curso Introdución á ciberseguridade. Esta actividade formativa de 44 horas de duración lévase impartindo dende o 1 de xuño e a súa docencia continuará ata o vindeiro 20 de xullo en horario de tarde. A primeira edición deste curso, celebrada en 2016 e na que participaron 30 alumnas e alumnos, “serviu para dar pulo a un interese crecente no profesorado e alumnado cara a seguridade da información nas redes e nos sistemas e ademais puxo á escola no mapa da seguridade dixital”, explica Íñigo Cuiñas, director da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación. Este impulso viuse reflectido na creación da Cátedra Deloitte de Ciberseguridade e no encargo do reitor para poñer en marcha unha titulación de Mestrado en Ciberseguridade en colaboración coa Facultade de Informática da Universidade da Coruña.

Nesta edición ocupáronse 29 prazas das 30 ofertadas, polo que “a oferta foi adecuada á demanda” afirma o director da escola, ao que engade que “estamos especialmente satisfeitos porque a burocracia levounos a abrir o período de inscrición menos de dúas semanas antes do comezo das clases, o que limita a asistencia a moitos interesados que xa fixeran plans para esas datas”. O alumnado é principalmente estudante ou graduado nas diferentes titulacións de Enxeñaría de Telecomunicación e de Informática, aínda que tamén hai persoas doutras titulacións, así como profesionais en exercicio con outras orixes en canto a titulación pero con interese nos contidos e nas metodoloxías da ciberseguridade. Como novidades este ano, Cuiñas destaca que “incorporamos un módulo de seguridade no software, impartido por un experto de Deloitte”, pero “repetimos os poñentes en case todos os módulos, con algúns axustes nos contidos”. Ademais, moveuse o período docente para facilitar a asistencia ás persoas traballadoras e a aprendizaxe e consolidación dos contidos, xa que este ano o curso “estendeuse no tempo e só se imparte nas tardes dos xoves e dos venres”, explica Cuiñas.

Dez docentes que tratan distintos aspectos da ciberseguridade

Este curso está sendo impartido por dez profesionais que se dedican á ciberseguridade en empresas galegas e do resto de España e cada un deles está a desenvolver diferentes aspectos relacionados con este sector. O primeiro módulo é unha introdución á ciberseguridade, na que se dan a coñecer e entender os principais conceptos e termos empregados neste eido dende o punto de vista do márketing. O segundo módulo aborda o goberno da seguridade da información, no que hai que destacar a eficiencia por parte dos profesionais dos recursos dispoñibles para reducir os riscos na seguridade para os negocios. Na terceira parte do curso reflexiónase sobre a arquitectura da seguridade e as tecnoloxías que se empregan para a seguridade, así como a máis adecuada a cada caso e a cada presuposto. O seguinte módulo é o de securización de redes e sistemas, no que se explican conceptos e ferramentas do traballo diario das e dos administradores de redes e sistemas. As principais metodoloxías de auditoría técnica, así como o ciclo de desenvolvemento de software e o desenvolvemento seguro de aplicacións, compoñen a seguinte parte do programa. Posteriormente, abórdase a xestión dos incidentes dentro da xestión dos servizos TIC, entre os que destacan o equipo de resposta ante emerxencias informáticas (CERT), o centro de operacións de seguridade (SOC) e as redes de alerta temperá, ademais dos perfís profesionais que estes requiren. As e os asistentes reflexionan tamén sobre o desenvolvemento seguro de software e sobre os aspectos legais relacionados coa ciberseguridade en España. Nas últimas sesións lévase a cabo un caso práctico sobre a aplicación de todo o tratado ao longo do curso, no que se mostra o caso da xestión da seguridade da información na Axencia Estatal de Administración Tributaria. Por último, abórdanse os cambios que se esperan para o futuro, xa que moitos paradigmas en seguridade están mudando, tanto pola evolución tecnolóxica e as novas necesidades da empresa como polos novos actores que están a aparecer.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con n髎