DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 14 de xullo do 2017

Son 50 décimas dirixidas contra don Diego Zernadas, o coñecido Cura de Fruíme

Descobren un manuscrito inédito escrito en galego culto en plenos Séculos Escuros

Xosé A. Fdez Salgado, profesor da FFT, transcribe e estuda unha longa carta en verso sen asinar e sen datar


ImageÉ unha longa carta en verso, sen asinar e sen datar, pero de arredor de 1770, con 50 décimas dirixidas contra don Diego Zernadas, o coñecido Cura de Fruíme, unha das figuras máis sobranceiras da Galicia da Ilustración. O profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Xosé A. Fernández Salgado acaba de publicar o libro Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas, publicado por Edicións Laiovento, no que dá a coñecer a edición e estudo dun manuscrito inédito, escrito en galego, que se encadra dentro do período coñecido como dos Séculos Escuros.
A escaseza de textos escritos en galego do século XVIII acrecentan a valía destas Cincuenta décimas e obrigan a matizar afirmacións sobre o anecdótico uso do galego escrito nesta altura.

D. Besadío | Vigo
É unha longa carta en verso, sen asinar e sen datar, pero de arredor de 1770, con 50 décimas dirixidas contra don Diego Zernadas, o coñecido Cura de Fruíme, unha das figuras máis sobranceiras da Galicia da Ilustración. O profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Xosé A. Fernández Salgado acaba de publicar o libro Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas, publicado por Edicións Laiovento, no que dá a coñecer a edición e estudo dun manuscrito inédito, escrito en galego, que se encadra dentro do período coñecido como dos Séculos Escuros.

A escaseza de textos escritos en galego do século XVIII acrecentan a valía destas Cincuenta décimas e obrigan a matizar afirmacións sobre o anecdótico uso do galego escrito nesta altura. “Á vista delas, semella máis ben que neste tempo existe unha escrita en galego, aínda que moitos deses textos non chegan a imprimirse. De aí a importancia da publicación deste manuscrito”, subliña Fernández Salgado, profesor do Departamento de Filoloxía Galega e Latina, ao tempo que fai fincapé en que as Cincuenta décimas non só son importantes pola súa datación nun tempo de escasa ou nula produción escrita, senón tamén polo tamaño do texto, 500 versos, o texto máis longo deste período despois das Coplas do Padre Sarmiento.

“A súa extensión, datación, redacción íntegra en galego e un rexistro lingüístico coidado converten as Cincuenta décimas contra don Diego Zernadas nun texto de referencia obrigada na Historia da lingua e literatura galegas”, recalca contundente o autor na introdución da obra.

Custodiado no arquivo da Fundación Penzol

O manuscrito que se edita atópase nun pequeno caderno de catro follas sen numerar e custódiase no arquivo da Fundación Penzol. “Eu estaba traballando nos arquivos da fundación nunha investigación que nada tiña que ver con isto e revisando unha caixa con documentos pendentes de catalogar atopei estas follas e, por suposto, ao estar en galego, chamaron a miña atención”, explica Fernández Salgado, ao que engade que “estes documentos poderían pertencer ao fondo de Xosé María Álvarez Blázquez”. Atopounos en 2011 e, dende entón, aproveitou boa parte do seu tempo libre en traballar nel, “sobre todo nestes meses de verán nos que diminúe o traballo docente”, explica o investigador.

Á importancia da datación e da extensión do manuscrito, o autor do libro engádelle outros aspectos. Por unha banda, non só está redactado totalmente en galego, “outros textos da época poden presentar partes en castelán”, senón que as décimas presentan calidade lingüística, “nelas emprégase un rexistro lingüístico culto, mentres que outros escritos da época son textos populares, que imitan o falar do pobo”, recalca Fernández Salgado. Por outra, o texto ten calidade literaria e o seu autor, aínda que descoñecido, é un “cabaleiro” culto que sabe versificar e coñece a Arte literaria.

Dúas edicións: unha case paleográfica e outra co texto actualizado

Co fin de achegar as décimas a varios tipos de destinatarios, tanto a investigadores como a lectores medios, o libro inclúe dúas edicións do manuscrito: unha case paleográfica, e outra co texto actualizado graficamente e con abondosas notas que facilitan a comprensión dunha obra centrada sobre todo na censura contra o Cura de Fruime, focalizada sobre todo nos Petitorios, que se viñan publicando dende 1745 co fin de recadar bens para o culto da Virxe das Dores, da que Zernadas era gran devoto. “Polo que parece o autor das décimas estaría ofendido pola crítica ou censura que o cura lle debía ter feito nalgún deles”, explica o autor.

Ademais, o volume inclúe tamén capítulos á parte de comentarios e conxecturas sobre a datación e autoría do texto e un completo e rigoroso estudo lingüístico, tanto gráfico, como gramatical e léxico.

O autor é experto na historiografía lingüística do século XIX

As liñas de investigación de Xosé Antonio Fernández Salgado céntranse no estudo da gramática e o léxico galegos, na historiografía lingüística, na lingua literaria e na edición de textos, sobre todo do século XIX. Verbo disto, é autor de varias edicións e estudos da obra de Marcial Valladares, como a Colección de refráns (2003), Poesía (2003) e a novela Majina, ou a filla espúrea (2011). Sobre el publicou tamén a monografía Marcial Valladares. Biografía dun precursor no Rexurdimento galego (2005) e varios artigos sobre o seu dicionario, a súa gramática e a súa proposta ortográfica.

Fernández Salgado é coautor tamén do Nivel Soleira da lingua galega (1993) e do Diccionario de Dúbidas da Lingua Galega (1991). Actualmente é o editor da revista Cumieira. Cadernos de investigación da nova Filoloxía Galega (nº 1, 2016) que publica o Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós