DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 14 de xullo do 2017

O Grupo de Investigación Medea Iuris organizou unha xornada sobre este tema

Unha ollada á corrupción desde a xurisdición penal e administrativa

A cita tivo lugar este xoves no Colexio de Avogados de Ourense


ImageO pasado mes de marzo asinouse un convenio entre a Universidade de Vigo e a Fundación Alfonso Martín Escudero para a creación do Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública, xestionado desde a Facultade de Dereito polo Grupo de Investigación Medea Iuris deste centro. Este xoves, a entidade celebrou a súa primeira actividade, unha Xornada sobre as xurisdicións penal e contencioso-administrativa na loita contra a corrupción pública. Nela, deronse cita expertos do eido académico e profesional para abordar unha das problemáticas que maior preocupación xera na sociedade en xeral e no eido xurídico en particular, como é a corrupción pública.

Duvi | Ourense
O pasado mes de marzo asinouse un convenio entre a Universidade de Vigo e a Fundación Alfonso Martín Escudero para a creación do Observatorio de Estudos sobre Corrupción Pública, xestionado desde a Facultade de Dereito polo Grupo de Investigación Medea Iuris deste centro. Este xoves, a entidade celebrou a súa primeira actividade, unha Xornada sobre as xurisdicións penal e contencioso-administrativa na loita contra a corrupción pública. Nela, deronse cita expertos do eido académico e profesional para abordar unha das problemáticas que maior preocupación xera na sociedade en xeral e no eido xurídico en particular, como é a corrupción pública.

A xornada, que se celebrou no Colexio de Avogados de Ourense, estivo organizada baixo a dirección académica dos profesores doutores da Facultade de Dereito ourensá Roberto O. Bustillo, director do observatorio, e Mª Dolores Fernández Fustes e a coordinación de Alejandro Pérez, secretario técnico do Colexio de Avogados de Ourense. O programa constou de dúas mesas redondas nas que participaron destacados especialistas do ámbito penal e administrativo, nomeadamente catedráticos procedentes de diferentes universidades estatais. Entre os relatores estiveron José Ramón Parada, avogado e catedrático de Dereito Administrativo; Miguel Á. Cadenas, presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia; Manuel Rebollo, catedrático de Dereito Administrativo da Universidade de Córdoba; Juan L. Gómez, catedrático de Dereito Procesual da Universidade Jaume I de Castellón, e Joan Josep Queralt, catedrático de Dereito Penal da Universidade de Barcelona.

Con esta iniciativa arranca a actividade pública dun observatorio que ten como obxectivos crear, impulsar e difundir coñecemento sobre aspectos xurídicos e metaxurídicos relacionados co fenómeno da corrupción do poder público. Para o desenvolvemento destes fins, o observatorio ten previsto desenvolver no marco da súa programación anual actividades de creación de coñecemento (encargo ou desenvolvemento de traballos de I+D+i); de promoción do coñecemento (apoio á edición de publicacións e organización de premios ou certames) e de difusión do coñecemento (conferencias, xornadas, cursos, foros e seminarios ou encontros académicos ou profesionais). Aínda que a súa sede está en Ourense, o ámbito de estudo do observatorio é estatal e internacional.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós