DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 19 de xullo do 2017

A campaña 'Dasme un anaco?' busca estudantes e persoal que queira participar en programas de voluntariado

Doar tempo, doar solidariedade

Ademais dos proxectos propios da institución, tamén se pode colaborar con ONG


ImageOs motivos son moitos: por axudar ao próximo, por coñecer novas vías de realización persoal, por devolver á sociedade o recibido, por xustiza social, por ocupar o tempo de lecer, etc. e cada persoa elixe os seus para ser voluntario ou voluntaria. Por iso, A Universidade de Vigo pon en marcha a campaña Dasme un anaco? Faite voluntario, que busca membros da comunidade universitaria dispostos a compartir o seu tempo, coñecementos e solidariedade con outros. A institución ofrece unha serie de proxectos e programas de voluntariado, propios e alleos, que se adapten ao que busca cada individuo e que, ao tempo, sexan de utilidade a diferentes colectivos sociais e obxectivos diversos.

Duvi | Vigo
Os motivos son moitos: por axudar ao próximo, por coñecer novas vías de realización persoal, por devolver á sociedade o recibido, por xustiza social, por ocupar o tempo de lecer, etc. e cada persoa elixe os seus para ser voluntario ou voluntaria. Por iso, A Universidade de Vigo pon en marcha a campaña Dasme un anaco? Faite voluntario, que busca membros da comunidade universitaria dispostos a compartir o seu tempo, coñecementos e solidariedade con outros. A institución ofrece unha serie de proxectos e programas de voluntariado, propios e alleos, que se adapten ao que busca cada individuo e que, ao tempo, sexan de utilidade a diferentes colectivos sociais e obxectivos diversos.

Para ser voluntario ou voluntaria tan só é preciso ser membro da comunidade universitaria, dispor de tempo para dedicarlle o proxecto elixido e ter ganas e interese por colaborar. Os eidos de actuación son diversos, dende a terceira idade ou a infancia, ata o traballo con persoas drogodependentes, axuda a persoas con algún tipo de necesidade especial, voluntariado cultural e deportivo, proxecto de integración do alumnado estranxeiro, cooperación ambiental, etc. O obxectivo é, a través da participación en actividades solidarias, promover a integración da comunidade universitaria na realidade social como parte fundamental da formación persoal.

Programas propios ou colaboración con ONG

Para facilitar a participación da comunidade universitaria en actividades solidaria, puxéronse en marcha programas de voluntariado propios, por exemplo, o Gruvi, un proxecto que recupera equipos informáticos para doalos con software libre a entidades sociais da contorna; o Programa de Integración de Universitarios con Necesidades Especiais (Piune); o programa de acollida de estudantado estranxeiro ou o da Oficina de Medio Ambiente, que realiza actuacións no medio natural e de educación sensibilización da comunidade universitaria.

Ademais destes programas, a comunidade universitaria tamén pode optar por programas de ONG e fundacións que teñen acordos coa universidade, para traballar noutros eidos como saúde, cooperación internacional, xuventude, atención hospitalaria, acompañamento de persoas maiores, intercambio lingüístico, deportes, etc.

Tanto se se opta por un programa propio da Universidade como dunha ONG, as e os voluntarios terán unha póliza de seguro, un carné de voluntariado da Universidade de Vigo, así como o reembolso dos gastos de desprazamento que a colaboración ocasione e un certificado emitido pola Universidade que recolle a tarefa desenvolvida e as horas dedicadas. Ademais, as persoas voluntarias tamén disporán de formación, orientación e información de balde, para o que a institución académica programará obradoiros de formación básica de voluntariado no primeiro cuadrimestre nos tres campus, recoñecibles por créditos ECTS* e obradoiros de habilidades sociais e de comunicación no segundo cuadrimestre nos tres campus, recoñecibles por créditos ECTS* así como formación específica e promoción doutras accións promovidas dende a Universidade de Vigo ou en colaboración con outras institucións.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós