DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 18 de xullo do 2017

Salustiano Mato e Elías Mera asinaron este martes un convenio marco de actuación

A Universidade tende pontes de colaboración coa Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao

Entre as medidas contempladas están a promoción das prácticas de estudantes


ImageCando o pasado mes de decembro o pleno do Consello Social da Universidade de Vigo aprobou os orzamentos universitarios na sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, en Ourense, os representantes académicos e empresariais presentes amosaron o seu desexo de potenciar a súa colaboración. Froito desa declaración de intencións, este martes Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Elías Mera, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, asinaron un convenio marco de colaboración entre as entidades que representan.

Rosa Tedín | Ourense
Cando o pasado mes de decembro o pleno do Consello Social da Universidade de Vigo aprobou os orzamentos universitarios na sede da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, en Ourense, os representantes académicos e empresariais presentes amosaron o seu desexo de potenciar a súa colaboración. Froito desa declaración de intencións, este martes Salustiano Mato, reitor da Universidade de Vigo, e Elías Mera, presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao, asinaron un convenio marco de colaboración entre as entidades que representan.

Durante o acto, que tivo lugar na sala de xuntas da asociación empresarial, Salustiano Mato destacou como o obxectivo deste convenio é “ofrecer un marco de colaboración que nos permita avanzar xuntos”. O reitor da Universidade de Vigo subliñou como o Polígono de San Cibrao “é un dos máis importantes de Galicia” e como “o campus de Ourense conta cunha fortaleza e futuro consolidados”. Neste contexto de actuación, remarcou o reitor, con esta iniciativa o que se pretende é “achegármonos ao territorio e aos empresarios”, levando a cabo iniciativas que permitan ao alumnado “prepararse mellor para mergullarse no mercado laboral” e desenvolvendo iniciativas formativas, de investigación e transferencia “que abran oportunidades de desenvolvemento para o territorio”.

Pola súa banda, Elías Mera destacou que coa sinatura deste convenio ábrese unha “conexión leal, permanente e exemplar entre as empresas e a Universidade de Vigo”. O presidente da Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao subliñou como “para o colectivo que represento é un orgullo poder planificar coa Universidade de Vigo fórmulas creativas de cooperación e vínculos estreitos en beneficio da comunidade educativa e das propias empresas”. “Fainos unha ilusión especial contribuír na orientación laboral e profesional dos universitarios, e máis nestes tempos de forte especialización das universidades. E tampouco oculto que os empresarios temos moitas esperanzas postas nos resultados das iniciativas deste convenio que buscan a conexión entre perfiles académicos e laborais. Os beneficios serán mutuos”, recalcou o presidente da entidade empresarial.

Características do acordo

O propósito do convenio asinado este martes é a realización de actividades e proxectos de forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese para as institucións implicadas. Entre as actividades apuntadas no convenio como de interese están promover e facilitar a realización de prácticas curriculares ou extracurriculares de alumnado en empresas integradas na Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao. Tamén se sinala a colaboración de empresarios desta asociación cos responsables de practicum en temas de orientación, co obxectivo de informar sobre os intereses e perfiles profesionais que demandan as empresas. A acollida de alumnado para a realización de traballos de fin de grao e fin de mestrado e a posta en marcha dun protocolo para a realización de visitas a empresas por parte dos estudantes son outras das medidas referidas no acordo.

Ademais, o convenio sinala outras actividades de interese posibles, como o desenvolvemento de proxectos de investigación; a realización conxunta de xornadas; a elaboración dun catálogo de cursos que cubra carencias de formación detectadas nas empresas; a realización dunha listaxe de empresas con convenio de cooperación educativa coa universidade; a participación das empresas en presentacións específicas do sector e a participación dos centros nas empresas no mesmo senso e aumentar a visibilidade da asociación nas páxinas web dos centros e/ou nos sitios que sexan axeitados para tal fin.

Constituirase unha comisión mixta con representantes designados polos órganos reitores das dúas partes en réxime de paridade. Esta comisión será o órgano encargado de facer a planificación, seguimento e avaliación das accións derivadas deste convenio marco e entenderá e resolverá todas as cuestións relacionadas con el e cos convenios específicos. O convenio terá unha duración de catro anos, sendo prorrogable.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós