DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 19 de xullo do 2017

O Consello de Goberno deulle hoxe luz verde e tralo seu debate no Consello Social, remitirase á Xunta

Paso adiante do Vigo Tecnolóxico coa aprobación da memoria final do Grao en Enxeñaría Biomédica

A derradeira sesión do curso tamén aprobou o Programa para a contratación do persoal postdoutoral


Image Con 25 votos a favor, catro en contra e unha abstención, as e os integrantes do Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobaron este mediodía a memoria final do Grao en Enxeñaría Biomédica, que comezaría a impartirse no curso 2018-2019. Tras ser ratificado polo Consello Social da Universidade, que se reunirá a finais da vindeira semana, a memoria final será remitida á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que deberá decidir a súa incorporación ao novo mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego. “Tiñamos a oportunidade avanzar no Vigo Tecnolóxico con esta peza”, explicou Salustiano Mato, que tamén considera que a Universidade gañou unha oportunidade para o mundo “bio” a través da enxeñaría. A aprobación da memoria final do novo grao produciuse na derradeira sesión do órgano de goberno da Universidade do curso 2016-2017.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Con 25 votos a favor, catro en contra e unha abstención, as e os integrantes do Consello de Goberno da Universidade de Vigo aprobaron este mediodía a memoria final do Grao en Enxeñaría Biomédica, que comezaría a impartirse no curso 2018-2019. Tras ser ratificado polo Consello Social da Universidade, que se reunirá a finais da vindeira semana, a memoria final será remitida á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, que deberá decidir a súa incorporación ao novo mapa de titulacións do Sistema Universitario Galego. “Tiñamos a oportunidade avanzar no Vigo Tecnolóxico con esta peza”, explicou Salustiano Mato, que tamén considera que a Universidade gañou unha oportunidade para o mundo “bio” a través da enxeñaría. A aprobación da memoria final, que estivo precedida dun debate no que se puxo de manifesto o desacordo dalgúns membros do Consello en relación co proceso de elaboración e co contido do plano de estudos do novo grao, produciuse na derradeira sesión do órgano de goberno da Universidade do curso 2016-2017.

Ao longo das case catro horas e media que durou a sesión celebrada este mércores, ás e os integrantes do Consello de Goberno aprobaron, neste caso por unanimidade, outras cuestións da orde do día como o Programa para a contratación de persoal postdoutoral cara á intensificación investigadora do profesorado axudante doutor; os criterios de avaliación da produción de investigación e de transferencia aplicables aos méritos correspondentes ao ano 2016 e a Normativa de simultaneidade de estudos na Universidade de Vigo. Pola súa banda, o reitor, Salustiano Mato, deu conta no seu informe ao Consello de cuestións como a sinatura coa Xunta de Galicia do acordo para o financiamento dos traballos previos á rehabilitación do edificio Faraday, no que se localizará a sede institucional de Campus do Mar. Así mesmo, en relación co proceso de elaboración dos novos Estatutos da Universidade, Mato avanzou que se recibiron unha ducia de emendas que serán valoradas antes da celebración, previsiblemente en outubro ou novembro, do Claustro no que se procedería a debater a aprobación dos novos estatutos. O reitor da Universidade de Vigo, por outra banda, tamén fixo unha valoración moi positiva dos resultados preliminares do primeiro prazo de matrícula para o vindeiro curso, no que se rexistrou un lixeiro incremento respecto deste curso pasándose do 2120 aos 2182 matriculados. “Estamos nun 96% de ocupación e parece que se confirma esa estabilidade e mesmo un incremento da demanda”, explicou o reitor.

Un grao pensado para formar ao alumnado e coa vista posta na empregabilidade

Catro anos. 240 créditos ECTS. Unha oferta de 50 prazas. Un primeiro curso en común e dúas intensificacións (Biotech e Biomec) e prácticas no Hospital Álvaro Cunqueiro e en empresas do sector. Estas son as características máis salientables do Grao en Enxeñaría Biomédica, cuxa memoria final foi hoxe aprobada pola maioría de membros do Consello de Goberno, que tamén deron luz verde, neste caso por unanimidade ás memorias finais de modificación doutros sete títulos de grao e seis de mestrado, así como ás memorias finais doutros sete novos programas de máster e á modificación do mestrado en Ciencias mariñas, tecnoloxía e xestión de Campus do Mar.

A aprobación por 25 votos a favor, catro en contra e unha abstención do único novo grao que a Universidade de Vigo comezaría a impartir no curso 2018-2019, estivo precedida dun debate no que, tanto os representes do alumnado no Consello de Goberno, como o director da Escola de Telecomunicación, manifestaron o seu desacordo en relación co proceso de elaboración e co contido do plano de estudos do novo grao. No caso dos representantes do alumando, tanto Bettiana Hidalgo como Ernesto Vázquez-Rey lamentaron a escasa presenza de materias relacionadas coa bioloxía, mentres que o director da Escola de Telecomunicación, Íñigo Cuiñas, abstívose na votación por discrepancias sobre o procedemento de elaboración do plano de estudos. “Temos un novo grao da rama da Enxeñaría Industrial e aínda que non me cabe dúbida da capacidade técnica dos futuros titulados, non será unha oportunidade perdida?”, dixo Cuiñas.

Pola súa banda, o ex director da Escola de Enxeñaría Industrial, Juan Pou, asegurou que “a formación do alumando e a empregabilidade foron os obxectivos cos que se deseñou este grao”, que en ningún caso, dixo, debe confundirse co Grao en Ciencias Biomédicas. Pou considera que o Grao en Enxeñaría Biomédica “é unha gran oportunidade para a Universidade de Vigo, que conta co apoio do Consellería de Sanidade e coas empresas do sector” e que permitirá ao alumnado convertese en enxeñeiras e enxeñeiros biomédicos con dous enfoques: un centrado na electrónica, tratamentos hospitalarios, control e sinais en biomedicina (Biotech) e outro en implantoloxía, biomedicina, biomateriais e equipamentos (Biomec). Mato tamén destacou a participación no proceso dos responsables das facultades de  Bioloxía e Química e as escolas de enxeñería de Telecomunicación e Industriais, que era o único centro que cumpría cos requisitos para poñer o título en marcha.

Terceira edición do Programa para a contratación do persoal postdoutoral e outros asuntos

A aprobación da terceira edición do Programa para a contratación de persoal postdoutoral cara á intensificación investigadora do profesorado axudante doutor, foi outro dos puntos da orde do día ao que deu luz verde o Consello de Goberno. A vicerreitora de Investigación e Transferencia, Asunción Longo, destacou que o programa permitirá a contratación postdoutoral de 10 profesionais durante o vindeiro curso académico, cun contrato dunha duración inicial de dous anos, prorrogables. “O obxectivo da convocatoria é intensificar a capacidade investigadora do profesorado axudante doutor da Universidade, facilitando o desenvolvemento dun proxecto de investigación básica que permita acadar un elevado nivel de perfeccionamento e especialización que conduzan á consolidación da súa experiencia profesional”, dixo Longo.

Os criterios de avaliación da produción de investigación e de transferencia aplicables aos méritos correspondentes ao ano 2016 ou a Normativa de simultaneidade de estudos na Universidade de Vigo, foron outras cuestións aprobadas na sesión, que tamén deu luz verde á Normativa de préstamo de uso das 14 bicicletas cedidas polo Concello de Pontevedra ao campus e que a partir da entrada en vigor la normativa poderán ser empregadas pola comunidade universitaria previo pago dunha fianza de 30 euros.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós