DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 20 de xullo do 2017

Nun documento elaborado por Xaquín Álvarez e Marta Oviedo

A Rede Localis chama a atención sobre os problemas orzamentarios das entidades locais

Propoñen catro liñas de actuación para a mellora económica dos concellos


ImageA Rede Localis, xestionada desde o Grupo de Investigación Gen (Governance and Economics Research Network) da Universidade de Vigo, presentou este xoves un novo documento de análise, titulado Os problemas orzamentarios das entidades locais: ingresos e gastos. Elaborado por Xaquín Álvarez e Marta Oviedo, nel abórdanse “catro dos grandes problemas orzamentarios das entidades locais e as súas posibles liñas de mellora: financiamento, estabilidade orzamentaria, a regra de gasto e estrutura orzamentaria ríxida”.

Duvi | Ourense
A Rede Localis, xestionada desde o Grupo de Investigación Gen (Governance and Economics Research Network) da Universidade de Vigo, presentou este xoves un novo documento de análise, titulado Os problemas orzamentarios das entidades locais: ingresos e gastos. Elaborado por Xaquín Álvarez e Marta Oviedo, nel abórdanse “catro dos grandes problemas orzamentarios das entidades locais e as súas posibles liñas de mellora: financiamento, estabilidade orzamentaria, a regra de gasto e estrutura orzamentaria ríxida”. O documento, o sétimo da entidade, foi presentado no Centro Abanca de Santiago de Compostela pola súa autora e por Alberto Vaquero, codirector da Rede Localis e profesor da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Análise

Na análise que se fai no documento destácase en materia de financiamento que “o municipio galego está marcado, en gran medida, por diferenzas notables na demografía, na base económica, na política e na transparencia” e “que as transferencias e subvencións outorgadas aos municipios son excesivamente elevadas, convertendo á administración local en dependente, minguando así a súa autonomía”, entre outras cuestións. En canto á estabilidade orzamentaria, sinálase “que se comproba como os concellos atópanse limitados para utilizar o seu superávit, financiado cos seus aforros, á autorización anual da administración central a través de leis de orzamentos xerais do estado”. Ademais, engaden, corrobórase "como unha vez amortizada totalmente a débeda municipal resulta moi difícil que un concello se poida volver endebedar sen incumprir a normativa estatal de estabilidade”.

Propostas

Neste contexto, a primeira das propostas lanzadas no documento apunta a que “en financiamento local é necesario dotar de maior autonomía aos municipios e deputacións, que deixen de depender do resto das administracións”. A segunda recolle que “o uso do remanente de tesouraría para financiar gastos non estruturais na administración local non pode producir inestabilidade” e que “a incorporación de remanente de tesouraría para gastos con financiamento afectado tampouco pode ser causa de incumprimento da estabilidade". Ademais, aconséllase “unha flexibilización do criterio de inestabilidade, polo menos nas consecuencias do incumprimento” e “dotar de autonomía á administración local no uso do supéravit orzamentario para realizar investimentos financeiramente sustentables", non estando vinculado á autorización anual nas leis de orzamentos xerais do estado.

A terceira proposta recollida no documento sinala que “a regra de gasto é un instrumento de disciplina orzamentaria, pero debería flexibilizarse a súa aplicación, ben mediante a eliminación de determinados gastos como os investimentos, ben mediante a previsión dun maior coeficiente de incremento respecto do exercicio anterior”. “É necesaria unha reformulación deste instrumento de disciplina orzamentaria, tendo en conta os problemas presentes na maioría dos concellos”, advirten os autores do texto. Por último, indícase no documento que “é necesaria unha nova orde, ou unha reformulación da existente, en materia de estrutura de orzamentos locais”, sinalando que “é absolutamente imprescindible unha modificación na estrutura que permita imputar gastos que habitualmente se prestan polos concellos dunha forma máis eficiente e áxil”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós