DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 20 de xullo do 2017

Catro estudantes do campus de Pontevedra obtiveron cadanseu ouro en atletismo e loita

Balance positivo dos campionatos de España universitarios 2017, con 15 medallas para Vigo

Oito pratas e tres bronces completan o medalleiro da institución neste curso


ImageO deporte de elite e os estudos universitarios poden resultar difícil de combinar, xa que, como explica Adrián Pérez, atleta e medallista no Campionato de España Universitario de atletismo, “non podes adestrar todo o que quererías, nin estudar todo o que che gustaría, tes que ir xogando un pouco”. Porén, sempre hai deportistas que conseguen espremer ao máximo o seu tempo e así manter o alto rendemento nestas dúas facetas da súa vida. Un exemplo disto son as e os estudantes da Universidade de Vigo que conseguiron unha medalla nos campionatos de España universitarios, entre os que destacan os catro ouros conseguidos na tempada 2016/2017 por Pablo García, Leticia Fernández, Noelia Lalín e Adrián Pérez. Ademais, as categorías por equipos tamén lograron boas clasificacións, como son unha prata en loita feminina e un bronce en taekwondo.

Inés Tornero | Vigo
O deporte de elite e os estudos universitarios poden resultar difícil de combinar, xa que, como explica Adrián Pérez, atleta e medallista no Campionato de España Universitario de atletismo, “non podes adestrar todo o que quererías, nin estudar todo o que che gustaría, tes que ir xogando un pouco”. Porén, sempre hai deportistas que conseguen espremer ao máximo o seu tempo e así manter o alto rendemento nestas dúas facetas da súa vida. Un exemplo disto son as e os estudantes da Universidade de Vigo que conseguiron unha medalla nos campionatos de España universitarios, entre os que destacan os catro ouros conseguidos na tempada 2016/2017 por Pablo García, Leticia Fernández, Noelia Lalín e Adrián Pérez. Ademais, as categorías por equipos tamén lograron boas clasificacións, como son unha prata en loita feminina e un bronce en taekwondo.

Dous ouros en atletismo

Leticia Fernández e Adrián Pérez conseguiron cadanseu metal en probas de atletismo. Fernández, estudante da Escola de Enfermaría de Pontevedra, gañou a súa medalla de ouro nos 1500 metros lisos e recoñece que o seu non son os deportes en xeral, “a min o que me gusta é correr”. Pola súa banda, Adrián Pérez, estudante de Fisioterapia e licenciado en Ciencias da Actividade Física e do Deporte competiu e gañou a proba dos 100 metros lisos. “Desde que se proclamou campión de España Universitario en Cartagena, o pasado mes de maio, está imparable”, explica Alexandre Sanjorge, técnico de Actividades Deportivas, e, de feito, a progresión deste atleta foi tal que a Real Federación Española de Atletismo premiou a súa excelente tempada coa participación no 4x100 metros lisos no Campionato de Europa de Seleccións que se disputou o pasado mes de xuño en Lille, Francia.

Dous ouros en loita

Os outros dous ouros para a Universidade de Vigo nesta tempada viñeron da man de Pablo García e Noelia Lalín, que conseguiron un ouro nas súas respectivas categorías de loita, -80kg e -75kg. El é estudante do grao en Ciencias da Actividade Física e do Deporte e ela graduada en Fisioterapia e estudante do Mestrado en Investigación en Actividade Física, Deporte e Saúde. Ambos deportistas soñan con participar nunha Olimpíada, xa que é un premio a toda unha carreira deportiva e, como explica Lalín, “en loita, Europa é un dos continentes nos que é máis difícil, pola cantidade de países e pola tradición que esta disciplina ten en Europa do leste”. Porén, García afirma que “se non pensas que, cando menos, hai unha posibilidade, por pequena que sexa, non adestraríamos todo o que o facemos”.

O maior número de metais alcanzouse a pasada tempada

O balance de metais conseguidos nas disciplinas de natación, atletismo, taekwondo e loita esta tempada sáldase con 15 medallas entre as modalidades individuais e por equipos: catro ouros, oito pratas e tres bronces. A loita e o taekwondo seguen a ser as modalidades nas que as e os deportistas da Universidade conseguen os mellores postos, acadando a prata no equipo feminino de loita e o bronce conxunto en taekwondo. Nas categorías individuais de loita, ademais dos dous ouros de Pablo García e Noelia Lalín, Lydia Pérez obtivo na categoría -63kg unha medalla de prata. Pola súa banda, en taekwondo, Alejandro Losada obtivo dúas pratas, unha en poomsae individual e outra en parella poomsae; Lía de Araújo gañou unha prata en parella poomsae; Beatriz Parada conseguiu unha prata no peso -53kg Galo; e Iván García logrou outra prata no peso -87kg Medio. En atletismo, os vigueses obtiveron, ademais dos ouros de Leticia Fernández e Adrián Pérez, un bronce en tripla salto para José A. Palomanes e unha prata en martelo para Sergio Paredes. Así mesmo, en natación, Marc Ciurana obtivo un bronce nos 400 estilos.

Porén, a pesar de que o balance deste ano foi óptimo, a tempada pasada, 2015/2016, cun total de 24 metais, foi a mellor dos equipos da Universidade de Vigo ata o momento saldándose con 22 medallas individuais, sete de ouro, dúas de prata e 13 de bronce, e dúas por equipos, unha de ouro e unha de prata. Todos estes metais conseguíronse nas disciplinas de natación, atletismo, esgrima, taekwondo e loita, sendo nas dúas últimas nas que se obtivo tamén o metal por equipos. Con todo, neste curso que remata, as 15 medallas conseguidas si superan a marca de 2014/2015, tempada na que se conseguiron 14 metais.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós