DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 24 de xullo do 2017

60 profesionais recibiron a súa banda e despiden a súa etapa universitaria

A Escola de Enxeñaría Forestal gradúa unha nova promoción


ImageA Escola de Enxeñaría Forestal despediu este venres a case 60 novas e novos titulados. O acto de graduación tivo lugar no salón de actos do centro e nel recibiron as súas distincións os estudantes que remataron este curso o seu grao así como algúns outros da promoción anterior. O padriño da nova promoción foi profesor Antonio de María Angulo, que desexou ás novas e novos titulados o mellor nesta nova etapa que comeza, a da vida profesional para uns ou de continuación dos estudos a través dun mestrado para outros.

Duvi | Vigo
A Escola de Enxeñaría Forestal despediu este venres a case 60 novas e novos titulados. O acto de graduación tivo lugar no salón de actos do centro e nel recibiron as súas distincións os estudantes que remataron este curso o seu grao así como algúns outros da promoción anterior. O padriño da nova promoción foi profesor Antonio de María Angulo, que desexou ás novas e novos titulados o mellor nesta nova etapa que comeza, a da vida profesional para uns ou de continuación dos estudos a través dun mestrado para outros.

O acto estivo presidido polo vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, que salientou a achega que a Escola de Enxeñaría Forestal fai ao proxecto de especialización do campus e á pioneira iniciativa Green Campus. Lembrou e agradeceu ademais o esforzo que a comunidade universitaria do centro fixo para seren o primeiro centro do campus co sistema de garantía de calidade certificado, e que por tanto conta coa Q distintiva de calidade. Pola súa banda, o novo director da escola, Juan Picos, lembrou que o título de Enxeñaría Forestal, malia os cambios derivados da implantación do EEES, vai cumprir 26 anos de impartición. “Non hai nada do que un se poida sentir máis fachendoso que de atopar aos nosos egresados ao longo do país, e mesmo noutros, desenvolvendo as mais diversas responsabilidades e poñendo en practica o que aquí aprenderon”. Neste sentido Picos destacou que “unha boa xestión forestal ten entre os seus obxectivos garantir unha boa rexeneración e, do mesmo xeito a Escola de Enxeñaría Forestal é máis e mellor escola con cada nova promoción que rexenera o sector”.

O padriño da promoción, Antonio de María Angulo, xubilouse recentemente tras 22 anos de docencia ininterrompida no centro onde ademais dirixiu decenas de proxectos fin de carreira e traballos fin de grao e participou en numerosas comisións delegadas da Xunta de Centro. “Despois de máis de 40 anos de traballo podo asegurar que tendes elixida a profesión máis bonita do mundo” destacaba, e esta escola, “máis alá de persoas e momentos, será sempre a vosa casa”. Por parte do alumnado interviñeron Ana Novo e Luis Abal, que en nome dos seus compañeiros destacaron que “ a personalidade adquirida grazas á formación recibida permitiranos avanzar en calquera ámbito cunha moeda de cambio, a de deixar un anaquiño do noso corazón nesta escola”. Os estudantes, poñen a vista no futuro que agora comezan no eido profesional avanzaron que “utilizaremos o impulso xuvenil, a nosa forza, o desexo de mellorar o que estea ao noso alcance. Profesores, familiares e amigos, non vos defraudaremos. Colleremos a remuda con toda a ilusión de facer un mundo mellor”, concluían.

Coa proxección dun vídeo preparado polos alumnos que recollía imaxes do seu paso polo centro, particularmente das saídas de campo e das prácticas, e coa interpretación do Gaudeamus Igitur pechouse o acto.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós