DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 24 de xullo do 2017

Dentro da programación de obradoiros de verán da Vicerreitoría do campus de Pontevedra

54 persoas participarán esta semana nun curso sobre o apego

Dende o mércores 26 ao venres 28 no auditorio municipal de Catoira

Preto do 35% dos bebés forman apegos inseguros como consecuencia do xeito no que pais e nais responden aos estímulos de apego dos seus fillos, por exemplo, ignorando ou rexeitando as necesidades dos bebés ou reaccionando ás mesmas de xeito inconstante. Para analizar a importancia do apego e o seu impacto como factor de protección na vida adulta, o profesor Manuel Isorna dirixe o curso de verán da Vicerreitoría do campus de Pontevedra A importancia do apego na saúde física e psicolóxica dende a concepción ata a adolescencia: resiliencia. A docencia desenvolverase dende este mércores 26 e ata o venres no auditorio municipal de Catoira e conta, como explica o profesor Isorna, con máis de medio cento de inscritos, “procedentes de toda España, principalmente de Galicia, Madrid, País Vasco, Cataluña e Baleares”.

M. Del Río | Vigo

O punto de partida do curso son os vínculos que os bebés tratan de crear coas persoas que se encargan do seu coidado, mesmo con adultos que non sexan especialmente afectuosos. Ese vínculo non se basea unicamente na alimentación, senón non que se asenta no plano emocional, polo que o feito de que o apego sexa forte, débil ou inexistente causará diferenzas que, segundo os expertos, durarán toda a vida. Se o apego é inseguro os nenos poden volverse excesivamente dependentes, desesperándose cando os seus coidadores se afastan, ou inadecuadamente independentes, cando a penas perciben a súa ausencia. Outras nenas e nenos, segundo explica o organizador, tamén tenden a comportarse de xeito asustado ou caótico en presenza dos seus proxenitores. En consecuencia, poden ser máis vulnerables a certos problemas de ansiedade, rabia ou depresión ou desenvolver problemas sociais como mal comportamento, desobediencia ou falta de motivación.

O curso está dirixido tanto a profesionais, docentes e estudantes do eido educativo, social e sanitario como a pais e nais e ten como obxectivos analizar en profundidade a definición e conceptualización do apego e a súa importancia no desenvolvemento humano; analizar os conceptos de apego e resiliencia e as novas formulacións en torno a estes e coñecer a influencia do apego como factor de protección da vida adulta. Ademais, os asistentes poderán coñecer os avances nos tratamentos farmacolóxicos e comprender a importancia do apego na saúde persoal e nas interaccións sociais dende a infancia ata a idade adulta. Finalmente tratarase de informar e dotar o persoal sanitario, mestres, pais e outros profesionais dunha serie de coñecementos básicos que lles permitan a comprensión do trauma e da resiliencia.

Programa de traballo

O curso arrancará o mércores ás 09.15 horas, nun acto de inauguración ao que asistirán o vicerreitor do campus de Pontevedra, Juan Manuel Corbacho, o alcalde de Catoira, Alberto García, e o director do curso, Manuel Isorna. A primeira xornada comezará da man de Cristina Silventes, licenciada en Psicoloxía pola Universidade Autónoma de Barcelona e Máster en Medicina Preventiva e Promoción da Saúde, que realizará una introdución ao concepto e aos diferentes tipos de apego, así como á influencia do apego ao longo do noso ciclo vital. Ás 12.00 horas procederase á proxección e posterior debate da película La adopción. Xa pola tarde, Natalia Seijo, licenciada en Psicoloxía na especialidade clínica pola Universidade de Santiago de Compostela, analizará o apego e súa relación co desenvolvemento de algúns trastornos psiquiátricos relacionados coa alimentación, o consumo de drogas ou a aparición de trastornos clínicos.

Na xornada do xoves, María Elena Rodríguez Borrajo, psicóloga clínica, afrontará a relación entre apego e trauma e o apego como factor de protección de saúde física e mental. Xa o venres, a profesora da Universidade da Coruña Rosa Fernández exporá temas relacionados coa neurobioloxía do trauma e a adopción.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós