DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 26 de xullo do 2017

Traballará transversalmente a creatividade, a innovación e a sustentabilidade

Un programa de doutoramento multidisciplinar para Campus CREA S2i

Presentado hoxe en Casa das Campás, comezará a impartirse o vindeiro curso 2017-2018


Image O vindeiro 25 de agosto abre o seu período de preinscrición o Programa de doutoramento Creatividade e innovación social e sustentable, unha iniciativa do campus de especialización de Pontevedra CREA S2i, co obxectivo de formar doutoras e doutores, desde unha perspectiva interdisciplinar e transdisciplinar, nos ámbitos da creatividade, a innovación e a sustentabilidade. O programa foi presentado este mediodía na Casa das Campás, nun acto no que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o vicerreitor do campus pontevedrés, Juan Manuel Corbacho, destacaron a importancia que para CREA S2i ten a posta en marcha deste programa de doutoramento, que definen como “un salto académico de calidade e referencia dento do proxecto de especialización e supón a consolidación dos esforzos feitos pola comisión para reflectir unha das principais fortalezas do CREA S2i: a multidisciplinariedade".

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
O vindeiro 25 de agosto abre o seu período de preinscrición o Programa de doutoramento Creatividade e innovación social e sustentable, unha iniciativa do campus de especialización de Pontevedra CREA S2i, co obxectivo de formar, a partir do vindeiro curso 2017-2018, doutoras e doutores, desde unha perspectiva interdisciplinar e transdisciplinar, nos ámbitos da creatividade, a innovación e a sustentabilidade. O programa foi presentado este mediodía na Casa das Campás, nun acto no que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e o vicerreitor do campus pontevedrés, Juan Manuel Corbacho, destacaron a importancia que para CREA S2i ten a posta en marcha deste programa de doutoramento, que definen como “un salto académico de calidade e referencia dento do proxecto de especialización e supón a consolidación dos esforzos feitos pola comisión para reflectir no eido docente e investigador unha das principais fortalezas do CREA S2i: a multidisciplinariedade”. Pola súa banda, a coordinadora do programa, Ana Belén Fernández Souto, cualifícao de “único e cunhas características moi diferenciadoras doutro tipo de doutoramentos en España e no estranxeiro, polo que consideramos que terá moi boa acollida”.

Cunha oferta de 20 prazas e destinado a calquera estudante que queira traballar de xeito transversal os contidos de creatividade, innovación e sustentabilidade, a vocación interdisciplinar deste programa presencial, determina que as e os alumnos teñan que desenvolver un traballo de investigación que implique, cando menos, dúas das seis liñas de investigación contempladas: innovación en saúde; innovación, sustentabilidade e comunicación; deseño e innovación social; innovación e sustentabilidade dos recursos naturais; gobernanza e innovación e innovación pedagóxica na profesionalización docente. “Todas as liñas están interconectadas, de feito é esa a diferencia deste programa con outros doutoramentos”, explica a súa coordinadora, que incide en que cada un dos itinerarios manteñen os vínculos do deseño, a innovación e a sustentabilidade entre eles.

Un total de 140 investigadoras e investigadores e docentes do campus de Pontevedra están implicados neste programa que se desenvolveu ao longo dos dous últimos anos, desde que Campus CREA S2i botou a andar ata que o pasado mes de maio a Acsug aprobou definitivamente a memoria.

Novas oportunidades para futuros investigadores e sinerxías entre grupos

“A creación de novas oportunidades para as e os futuros investigadores, pero tamén a implementación de sinerxías entre grupos de investigación do campus dentro do mesmo ou con outros campus e universidades” son segundo Juan Manuel Corbacho as principais características do programa, no que impartirán docencia máis dun cento de profesoras e profesoras do campus, integrados en grupos de investigación dos ámbitos que abrangue este doutoramento.

José Luis García Soidán é o responsable da liña de investigación Innovación en saúde, que a súa vez se subdivide en: Innovación e investigación en tecnoloxías aplicadas á saúde e Investigación en novas estratexias de prevención e promoción da saúde. Pola súa banda, Lola Dopico encárgase da liña Deseño e innovación social, que inclúe dúas subliñas: Sistemas de produción e Deseño e desenvolvemento social. María Isabel Míguez coordina a liña de Innovación, sustentabilidade e comunicación, subdividida a súa vez en: Comunicación e xestión do coñecemento; Comunicación en saúde e benestar; Comunicación, medio ambiente e promoción do territorio; Innovación en estratexias e ferramentas de comunicación; Comunicación&Responsabilidade social corporativa; Publicidade, identidade e imaxe e Comunicación política e institucional. Mentres, a liña Innovación pedagóxica na profesionalización docente, coordinada por Antonia Blanco, subdivídese en: Formación e profesionalización na educación obrigatoria e Formación e profesionalización na educación non obrigatoria. Patricia Valcárcel é a responsable da liña de Gobernanza e innovación, divida en sete subliñas: Políticas públicas e goberno e administración electrónica; Xestión da catástrofe e vulnerabilidade; Innovación institucional; Métodos óptimos de contratación pública; Smart procurement: sustentabilidade e compra pública para a innovación a través da contratación do sector público; Cara á boa administración e gobernanza e Gobernanza mundial e europea: institucións, procesos, actores e políticas. Por último, na liña Innovación e sustentabilidade dos recursos naturais, coordinada por Enrique Valero e Josefina Garrido, establecéronse seis subliñas: Biodiversidade, conservación de hábitats e espazos naturais; Bioenerxía e bioprocesos; Tecnoloxías cartográficas de vangarda: drones, intelixencia artificial, láser 3D e GIS3D; Xestión, conservación e restauración dos ecosistemas fluviais; Cambio climático COP21 e Xestión forestal, recursos naturais e os seus servizos ambientais.

Máis músculo para os grupos de investigación e fomento da transferencia

Trala posta en marcha do seu programa de doutoramento, Campus CREA S2i enfronta novos retos, nalgúns casos, vinculados a esta iniciativa. “Partindo precisamente do doutoramento, cabe potenciar e dar músculo aos grupos do campus no eido da investigación para acudir a convocatorias nacionais e internacionais”, explica Juan Manuel Corbacho, que sinala, que en paralelo, seguirán a traballar no fomento da transferencia e en máis colaboracións co tecido empresarial e os distintos clústers cos que ten relación CREA S2i.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós