DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 31 de xullo do 2017

O monopraza co que estudantes da Universidade competirán na Formula Student, presentouse hoxe

E as rúas de Vigo tremeron co ruxido do UM17

Un motor máis potente e un chasis híbrido, principais novidades do vehículo


ImageAs viguesas e vigueses que este mediodía camiñaban ou circulaban nos seus vehículos polas inmediacións da rúa Rosalía de Castro de Vigo víronse sorprendidos durante varios minutos por un estrondo nunca antes escoitado no centro da cidade: o ruxido do motor dun vehículo monopraza. 26 estudantes das escolas de Enxeñería Industrial e da de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, que conforman o equipo UVigo Motorsport, deseñaron e construíron o vehículo monopraza UM17 co que representarán, por terceiro ano consecutivo, á institución académica viguesa en dúas probas da Formula Student, a competición automobilística interuniversitaria máis importante de Europa, que conta coa participación dun cento de representantes de universidades do vello continente.

Mª del Carmen Echevarría e Rosa Tedín | Vigo
As viguesas e vigueses que este mediodía camiñaban ou circulaban nos seus vehículos polas inmediacións da rúa Rosalía de Castro de Vigo víronse sorprendidos durante varios minutos por un estrondo nunca antes escoitado no centro da cidade: o ruxido do motor dun vehículo monopraza. 26 estudantes das escolas de Enxeñería Industrial e da de Enxeñaría de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo, que conforman o equipo UVigo Motorsport, deseñaron e construíron o vehículo monopraza UM17 co que representarán, por terceiro ano consecutivo, á institución académica viguesa en dúas probas da Formula Student, a competición automobilística interuniversitaria máis importante de Europa, que conta coa participación dun cento de representantes de universidades do vello continente. Por primeira vez o vehículo foi presentado no centro da cidade, nun acto para o que se pechou un tramo da rúa, pola que o monopraza puido dar varias voltas e no que o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o alcalde de Vigo, Abel Caballero; o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo e o xefe do equipo UVigo Motorsport, Juan Villa, felicitáronse pola consecución dun proxecto froito da colaboración entre institucións públicas e privadas e alentado por un grupo de estudantes.

Dúas son as principais novidades do UM17 respecto dos seus antecesores UM15 e UM16, dunha banda, un motor Kawasaki ER6-F de 650cc, máis robusto, potente e fiable, que o Aprilia SXV utilizado ata o de agora e doutra, un chasis hibrido, froito da combinación de monocasco en fibra de carbono, que chega ata a barra anti/volco e un chasis de aceiro tubular, que permite unha maior accesibilidade ‘a hora de traballar no motor, ao tempo que achegará unha maior refrixeración. O novo vehículo, que participará na Fórmula Student Germany no circuíto de Hockenheim do 7 ao 13 de agosto e na Formula Student Spain no circuíto de Montmeló do 23 ao 27 de agosto, introduce ademais, cambios no deseño da aerodinámica.

Un vehículo que representa á Universidade, a Vigo e a súa industria

Juan Villa, o xefe do equipo UVigo Motorsport, foi o primeiro en tomar a palabra, unha vez descuberto o vehículo, para agradecer o apoio dos patrocinadores, que lembrou, que fixeron posible coas súas pezas, “ata un 90% do total, chegadas de industrias situadas nun radio de entre 10 e 20 quilómetros”, desenvolver o vehículo, que asegurou é un froito “da formación que recibimos a Universidade de Vigo e tamén da potencia da industria da zona”. Pola súa banda, o director da Escola de Enxeñería Industrial, Juan Pardo, gabou o traballo desenvolvido polo grupo de estudantes que deseñaron e construíron o monopraza, que asegurou “é un sinal da cidade que nos identifica cando imos por aí adiante”.

O reitor da Universidade de Vigo comezou a súa intervención manifestando o seu orgullo polo traballo desenvolvido polo alumnado da institución, ao que cualificou de “exemplo que dignifica a nosa imaxe” a aos que agradeceu o seu esforzo. Mato tamén manifestou o seu agradecemento á industria de “Galifornia, o vale da innovación” de Vigo e a súa contorna, así como ás institucións, nomeadamente o Concello e Zona Franca, pola súa implicación no proxecto. Despois que o reitor foise agasallado cunha camiseta do equipo, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, tomou a palabra para referirse a un prototipo que dixo “é Vigo e é a Universidade” e tras expresar ás e aos integrantes do equipo o seu cariño e respecto, avanzou a disposición do Concello a incrementar a partida económica destinada a este proxecto “que sintetiza mellor que ninguén o froito visible da industria do automóbil de Vigo”.

Obxectivo: rematar a endurance

Tras un proceso de deseño e fabricación que durou menos que anos anteriores, as e os integrantes do equipo UVigo Motorsport enfrontan as dúas probas que lles agardan coa satisfacción que dá ter acadado un primeiro obxectivo: “entrar na Formula Student Germany, ocupando unha das 65 prazas ofertadas ás que concorreron máis de 200 solicitudes”, explica Pedro Cuesta, responsable de marketing do equipo. A partir de aí, a fiabilidade é a gran aposta do equipo para este ano e por iso márcanse como obxectivo “rematar a endurance, a proba máis dura, xa que ano pasado en Montmeló ningún equipo español logrou completa”.

O equipo, integrado por cinco mulleres e 21 homes, experimentou este ano un substancial incremento no número dos seus membros respecto do ano pasado, cando estaba formado por 16 estudantes. A renovación de todos os patrocinadores e a incorporación doutros novos, ata acadar os 65, é outra das claves deste proxecto “moi completo, no que se pode ver o gran potencial do alumnado das escolas de enxeñaría da Universidade e da industria viguesa”. O vehículo partirá rumbo a Alemaña para participar na primeira proba o vindeiro venres, 4 de agosto.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós