DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 03 de agosto do 2017

‘Mediación Móbil’ é unha das iniciativas escollidas para esta aceleradora centrada na innovación social

O programa 'Vodafone Connecting for Good' selecciona a un dos premiados nos Incuvi-Emprende

Como un “salto cualitativo” na súa iniciativa de dar forma a un proxecto empresarial centrado en ofrecer servizos de mediación a través das novas tecnoloxías definen os estudantes Ángel Torres e Ignacio Fernández a selección do seu proxecto Mediación Móbil, premiado na última edición dos premios Incuvi-Emprende, no programa Vodafone Connecting for Good Galicia. Torres, estudante do grao en Dereito, e Fernández, egresado do grao en Dirección e Xestión Pública, veñen traballando nos últimos meses no desenvolvemento dun proxecto empresarial dirixido a ofrecer servizos de mediación a empresas, organizacións ou particulares a través dunha páxina web, unha aplicación para dispositivos móbiles ou unha plataforma de elearning na incubadora de AJE-Pontevedra, tras seren unha das dúas iniciativas premiadas no campus pontevedrés na sexta convocatoria dos premios ao emprendemento que promove a Universidade de Vigo.

Duvi | Pontevedra

Agora, a formación e mentorización que reciben grazas a esta iniciativa, verase complementada pola que lles outorga un programa impulsado pola Fundación Vodafone España en colaboración con Vodafone e a Xunta de Galicia e que ten como finalidade apoiar a aqueles emprendedores que contribúan á innovación social través do impulso e uso das TIC. Segundo informou a Xunta nun comunicado, un xurado formado por membros da Amtega, GAIN, XesGalicia, Vodafone España e a Fundación Vodafone España acordou por unanimidade que, xunto a Mediación Móbil, tamén formasen parte da segunda edición deste programa os proxectos 3DAcoustic, it!, Formadox, Sense(x) e Tapper.

Candidatos a un premio de 25.000 euros

Todos eles poderán beneficiarse dun plan de formación dun mínimo de seis meses, con sesións sobre o modelo e plan de negocio, comunicación, vendas ou accesibilidade, así como dispoñer dun espazo de traballo na Cidade da Cultura. “Esta selección vainos axudar a darlle unha compoñente tecnolóxica á nosa empresa”, salienta Torres do proxecto no que estes dous estudantes, que o pasado curso realizaron no campus pontevedrés o Curso de Especialista en Mediación, buscan “achegar unha forma diferente de xustiza, como é a mediación” a ámbitos como o educativo, o familiar, o empresarial e o deportivo mediante o emprego das novas tecnoloxías. Un proxecto ao que, recoñece, axudará tamén a formación que neste último eido lles poderá proporcionar un programa polo que tamén son galardoados cun patrocinio de 2000 euros outorgado pola Axencia Galega de Innovación e no que os seis proxectos escollidos polo xurado optan a unha axuda de 25.000 euros, outorgada pola Xunta, así como a un premio de 10.000 euros, que a Fundación Vodafone entregará ao proxecto que mellor incorporase os principios da accesibilidade universal.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós