DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 11 de setembro do 2017

No 2016-2017 pasaron polas súas aulas preto de 2300 alumnas e alumnos

O Centro de Linguas incorpora coreano a súa oferta de cursos

Inglés e español para estranxeiros son, ano tras ano, as opcións máis demandadas


ImageO Centro de Linguas incorpora este ano a súa oferta de cursos un obradoiro de lingua e cultura coreana, unha aposta a que se unen outras novidades no ensino de idiomas como o francés, o alemán ou o persa, do que, por primeira vez se ofertará o nivel intermedio. A maiores dos cursos de idiomas (inglés, francés, alemán, portugués, español para estranxeiros…), o centro continuará tamén coas actividades específicas de preparación de exames Cambridge, de español DELE, de inglés TOEFLe as probas de acreditación específicas HELA, dirixidas a profesorado da Universidade de Vigo que vai impartir a súa docencia en lingua inglesa.

D. Besadío | Vigo
O Centro de Linguas incorpora este ano a súa oferta de cursos un obradoiro de lingua e cultura coreana, unha aposta a que se unen outras novidades no ensino de idiomas como o francés, o alemán ou o persa, do que, por primeira vez se ofertará o nivel intermedio. A maiores dos cursos de idiomas (inglés, francés, alemán, portugués, español para estranxeiros…), o centro continuará tamén coas actividades específicas de preparación de exames Cambridge, de español DELE, de inglés TOEFLe as probas de acreditación específicas HELA, dirixidas a profesorado da Universidade de Vigo que vai impartir a súa docencia en lingua inglesa. En total o curso pasado pasaron polas súas aulas preto de 2300 alumnas e alumnos sendo o inglés, como é habitual, o idioma máis demandado, tanto para a formación como para a realización de exames de acreditación, así como o español para estranxeiros, opcións ambas ás que se pode acceder en calquera dos tres campus da Universidade de Vigo.

Xunto ao coreano e o nivel intermedio de persa, as novidades pasan pola oferta de novos niveis de inglés nos campus de Ourense e Pontevedra e de idiomas como o alemán ou o francés en Vigo. Lánzase o curso Fala e escribe en francés avanzado (B2/C1), “dirixido a favorecer e desenvolver as competencias de expresión oral e escrita e a adquisición de vocabulario para un alumnado que ten un nivel avanzado de francés pero que quere seguir a practicar e perfeccionar”, explica Mercedes Álvarez, xefa de estudos do centro, que explica tamén que no caso do alemán se engade á oferta habitual o nivel A1.1 e o curso Fala e escribe en alemán (B1+) no que se tratará de proporcionar as ferramentas, estratexias e coñecementos necesarios para desenvolverse con maior seguridade en situacións habituais que requiran a produción de textos orais, “diálogos, conversacións telefónicas, entrevistas de traballo, presentacións públicas, instrucións...”, ou na produción de textos escritos -notas e mensaxes, mensaxería instantánea, redaccións, resumos, correos electrónicos profesionais, currículos...-.

No caso do Obradoiro de lingua e cultura coreana traballaranse contidos teóricos baseados na aprendizaxe do alfabeto coreano (Han-gul), na escrita correcta da caligrafía coreana (vocais e consoantes), así como na estrutura gramatical nas súas catro formas de dirixirse ou falar coas persoas (terceira idade, adultos, mozos e nenos). “Ademais, tamén haberá contidos prácticos: baseados en exercicios tanto de lectura como de comprensión e expresión oral e escrita, entoación nos estándares da fala e modos de comportamento da cultura coreana. A maiores, traballaranse contidos culturais con base principalmente na historia, nos personaxes, tradicións, comportamentos, música, películas e a repercusión da comunidade coreana noutros países”, explica Álvarez.

Matrícula aberta ata o  xoves 14

As persoas interesadas en consultar toda a oferta de idiomas e niveis que ofrece o Centro de Linguas nos tres campus pode facelo a través da súa web, onde tamén atopará os detalles sobre a duración, prezos ou lugar no que se imparte cada un dos cursos. O prazo para matricularse manterase aberto ata o vindeiro xoves día 14 e, a partir de entón, celebraranse xa as diferentes probas de nivel.

O CdL como centro acreditador

Desde o 2012 o CdL conta cunha acreditación propia, CertAcles, equivalente a outras acreditacións existentes como as emitidas por Cambridge ou TOEFL e que é recoñecida por todo o sistema universitario europeo. Dende entón acreditaron un nivel de idioma a través do exame propio CertAcles, 1315 alumnos e alumnas (62% de nivel B1; 31% nivel B2 e 6% nivel C1), pertencendo arredor do 90% dese alumnado á comunidade universitaria viguesa. Neste sentido, desde o centro lembran ás persoas interesadas que xa están publicadas as datas para a realización dos distintos exames oficiais durante este curso: CertAcles, en xaneiro e maio; DELE, 15 de setembro e 25 de novembro (2018 está aínda sen pechar polo Instituto Cervantes) e TOEFL, en setembro, decembro, xaneiro, febreiro, maio e xuño.

En 2013 o CdL en colaboración coa vicerreitoría con competencias en linguas, antes Relacións Internacionais, agora Estudantes, deseñou unha proba de acreditación específica, HELA, dirixida ao profesorado que vai impartir a súa docencia en lingua inglesa. “Desde entón o centro realiza dita proba de acreditación no marco das directrices aprobadas pola propia Universidade”, explica a vicerreitora de Estudantes, Dolores González, que informa tamén que distintas universidades españolas amosaron interese por esta proba, “de feito neste momento está previsto exportar o HELA a outra universidade, e será o persoal do centro o que se trasladará alí para examinar ao profesorado e formar a examinadores para realizar a proba HELA no seu propio centro”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós