DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 06 de setembro do 2017

Tres tituladas do Máster en Comercio viaxan a Islandia cun programa de promoción da muller no sector

A industria pesqueira non é un negocio só de homes

Universidade de Vigo e Deputación de Pontevedra promoven as bolsas dunha semana da duración


Image Asegura Marie Christine Monfort, presidenta e cofundadora da International Association for Women in the Seafood Industry (WSI), que aínda que as mulleres representan o 50% da industria pesqueira, menos do 1% ocupa postos de dirección executiva nas empresas do sector. Foi precisamente a participación de Monfort o pasado mes de setembro no ciclo Conversas en Empresariais, que organiza a Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo, a que propiciou a posta en marcha do programa Visibilidade das mulleres en postos de decisión e sustentabilidade da industria e da pesca, do que se beneficiarán tres ex alumnas do Máster en Comercio Internacional.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
Asegura Marie Christine Monfort, presidenta e cofundadora da International Association for Women in the Seafood Industry (WSI), que aínda que as mulleres representan o 50% da industria pesqueira, menos do 1% ocupa postos de dirección executiva nas empresas do sector. Foi precisamente a participación de Monfort o pasado mes de setembro no ciclo Conversas en Empresariais, que organiza a Escola Universitaria de Estudos Empresariais da Universidade de Vigo, a que propiciou a posta en marcha do programa Visibilidade das mulleres en postos de decisión e sustentabilidade da industria e da pesca, “co obxectivo de contribuír á igualdade nas empresas da pesca e que funcione ademais como un programa de mentoring para que tituladas novas se incorporen á xestión nas institucións e organizacións pesqueiras”, explica Araceli González, subdirectora de Relacións Internacionais e Intercambios da Escola.

Co respaldo da Universidade de Vigo e da Deputación de Pontevedra, o programa sufragará tres bolsas das que se beneficiarán as ex alumnas do Máster en Comercio Internacional, Mariana Toussaint Robles, Carmen González García e Sofía Lorenzo Páramos, que entre os días 10 a o 16 de setembro asistirán en Reykjavik á Icelandic Fisheries Fair e ao World Seafood Congress, ademais de manter unha xuntanza coa ministra de Pesca e visitar varias empresas pesqueiras do país. “É unha grande oportunidade, non só laboral, senón tamén persoal, xa que permite coñecer as diferentes perspectivas de distintas persoas do mundo sobre o papel que desempeña a muller na pesca”, sinala Mariana Toussaint, que tras rematar os seus estudos na Universidade de Vigo está a desenvolver a súa actividade laboral no sector pesqueiro. Pola súa banda, Carmen González, que traballa na actualidade na única aceleradora de starups que busca tecnoloxía punteira por todo o mundo para aplicala á industria pesqueira, considera que esta “é unha oportunidade única para aprender doutras figuras que están a intentar que esta industria sexa máis igualitaria”.

Antes de viaxar á capital de Islandia, as bolseiras que participan nesta iniciativa “destinada a promocionar ás mulleres en postos de responsabilidade na industria pesqueira”, explica Anabel G. Penín, directora da Unidade de Igualdade, participaron nun obradoiro titulado Por que necesitamos o feminismo?

Na procura dunha industria pesqueira igualitaria

A falta de recoñecemento e mesmo a invisibilidade das mulleres é unha realidade na industria pesqueira na que, non obstante, o colectivo feminino representa a metade dos traballadores dun sector no que a súa representación en postos de xerencia non acada o 10% e o 1% nas direccións executivas. “A metade dos traballadores implicados no desenvolvemento das actividades pesqueiras con baixos cargos constitúenos as mulleres. Estas actividades están relacionadas con baixos salarios, traballos forzosos, contratos temporais… O papel da muller na industria pesqueira sempre foi infravalorado”, sinala Mariana Toussaint, que, non obstante, recoñece que se está producir un cambio no que organizacións internacionais, institucións e o sector privado están a loitar para poñer fin a esta situación “e poder acordar uns dereitos máis equitativos e xustos entre homes e mulleres”.

Pola súa banda, a subdirectora de Relacións Internacionais e Intercambios da Escola considera que o sector debe ser coñecedor da situación das mulleres traballadoras. “É o punto de partida para que esta situación de desigualdade poda ser revertida”, sinala Araceli González, que destaca a importancia de iniciativas como estas bolsas, en especial nun ámbito económico fundamental para a provincia de Pontevedra e a cidade de Vigo. É precisamente neste sector no que Carmen González pretende continuar a súa actividade profesional e no “no día a día vexo poucas mulleres que teñan postos de responsabilidade e gustaríame que isto cambiase. Debemos facernos notar e demostrar que somos tan válidas coma os homes para tomar decisións”, sinala a titulada da Universidade de Vigo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós