DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 08 de setembro do 2017

Mato e Feijóo destacaron os logros de universidades e Xunta “nos oito anos máis difíciles para o SUG”

O Sistema Universitario Galego comeza o curso reivindicando a súa eficiencia, equilibrio e competitividade

O acto solemne de apertura do curso celebrouse este mediodía na Universidade de Vigo


ImageO Sistema Universitario Galego celebrou este mediodía no campus de Vigo o acto solemne de apertura do curso académico 2017-2018, reivindicando a existencia das tres universidades que o conforman e poñendo en valor sinais de identidade como súa singularidade, igualdade, eficiencia e competitividade. No salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destacou as luces e sombras “dos oito anos máis difíciles para o SUG”, nos que a colaboración entre as universidades e o executivo autonómico materializouse na consecución de dous plans de financiamento, a conxelación das taxas durante cinco anos consecutivos e a materialización dun mapa de titulacións. Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que comezou a súa intervención cunha reivindicación da democracia e das regras que a fan posible, afirmouse na eficiencia das universidades galegas e no retorno cualitativo e cuantitativo da súa activade á sociedade.

Duvi | Vigo
O Sistema Universitario Galego celebrou este mediodía no campus de Vigo o acto solemne de apertura do curso académico 2017-2018, reivindicando a existencia das tres universidades que o conforman e poñendo en valor sinais de identidade como súa singularidade, igualdade, eficiencia e competitividade. No salón de actos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, destacou as luces e sombras “dos oito anos máis difíciles para o SUG”, nos que a colaboración entre as universidades e o executivo autonómico materializouse na consecución de dous plans de financiamento, a conxelación das taxas durante cinco anos consecutivos e a materialización dun mapa de titulacións. O impulso dunha investigación de calidade, quebrada na súa progresión polo efecto da crise económica global; a vertebración do tecido empresarial e a optimización do rendemento da economía, así como a pronta incorporación das e dos egresados ao mercado laboral, son algúns dos retos que, segundo Salustiano Mato, deben enfrontar de xeito coordinado o executivo autonómico e as universidades, que deben realizar “un esforzo continuo cara a procurar que as nosas egresadas e egresados se integren no mercado de traballo rapidamente”.

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que comezou a súa intervención cunha reivindicación da democracia e das regras que a fan posible, afirmouse na eficiencia das universidades galegas e no retorno cualitativo e cuantitativo da súa activade á sociedade. “Nunca antes houbo tanto vencello entre sociedade e universidade, nin tanto acceso á universidade, nin tanta investigación”, asegurou o titular do executivo autonómico, que destacou a oportuna racionalización da oferta de titulacións, que contará cun novo mapa para o período 2018-2020. “O SUG non prepara o futuro, vive no futuro”, asegurou Núñez Feijóo, que gabou na súa intervención o traballo desenvolvido polo reitor da Universidade de Vigo, que foi quen, asegurou, de achegar a súa personalidade á institución académica e colaborar coa Xunta no desenvolvemento de accións como a especialización do primeiro campus periférico (Campus da Auga de Ourense) ou o desenvolvemento das sedes de Campus do Mar ou do Berbés en Vigo.

A celebración do inicio do novo curso, que comezou coa lección inaugural Deseñando aceites de oliva “gourmet en Galicia”, a cargo do docente e investigador da Área de Nutrición e Bromatoloxía da Facultade de Ciencias do Campus de Ourense Jesús Simal Gándara, reuniu no campus un destacado número de autoridades, non só académicas, senón tamén da vida política, empresarial e social. Entre os asistentes estiveron a presidenta do congreso dos deputados, Ana Pastor; e a deputada Pilar Rojo; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices; o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; a Valedora do Pobo, Milagros Otero; a presidenta do Consello Económico e Social, Corina Porro; o presidente e o fiscal superior do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, Miguel Ángel Cadenas e Fernando Suanzes; os alcaldes de Vigo e Ourense, Abel Caballero e Jesús Vázquez; o presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, e do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares; así como os voceiros de Partido Socialista e Bloque Nacionalista Galego no Parlamento de Galicia, Xaquín Fernández Leiceaga e Ana Pontón.

Un SUG equilibrado e necesario para as esixencias de Galicia

Salustiano Mato comezou a súa intervención reivindicando a existencia dun Sistema Universitario Galego “no que non sobra ninguén”, dixo o reitor vigués, que se referiu ao SUG como un sistema “equilibrado e necesario para as necesidades do noso país”. Tras lembrar que Galicia ten unha universidade por cada 900.000 habitantes, fronte á media europea de 300.000 por habitante, Mato destacou que o SUG foi quen, con esforzo e sacrificio, de superar unha crise “que o engulía todo”, para a continuación referirse aos plans de financiamento, para asegura que “aínda que no primeiro (2010-2015) se apostaba claramente polo premio ao esforzo e ao resultado, neste segundo (2016-2020) abandonouse este camiño”.

A conxelación das taxas académicas durante cinco anos consecutivos; os procesos de especialización dos campus e o traballo a prol dunha maior internacionalización, son, segundo Mato, “algunhas luces no medio dun escenario ateigado de sombras”, no que tamén destacou o exercicio de xenerosidade e cooperación desenvolvido polos reitores do SUG e a Xunta para acordar un mapa de titulacións no que se incluirán titulacións singulares de grao, que polas súas características resulten esenciais e indispensables para a formación universitaria en Galicia.

O reitor da Universidade de Vigo demandou o traballo coordinado de todos os axentes que integran o Sistema Galego de I+D para acadar un maior impulso á investigación de calidade que permita xerar proxectos de alto nivel, así como a vertebración do tecido empresarial e a optimización do rendemento da economía. Mato lamentou “o dano inflixido estes últimos anos á estrutura científica española, que necesitará de décadas para a súa recuperación, que só será posible co compromiso firme das administración, a sociedade toda comunidade científica, que demanda dunha vez a integración da ciencia na axenda política e a súa desvinculacion dos resultados electorais”. Mato reivindicou a creación de proxectos de especialización e a construción de ecosistemas físicos de innovación como elementos básicos para manter e reforzar os recursos humanos en investigación nas universidades galegas, conformados a día de hoxe por un 43% de mulleres. Unha cifra recollida no informe Científicas en cifras 2015 do Mineco, que evidencia un progresivo avance cara á igualdade, que non obstante non se produce no caso das catedráticas que só acadan o 25%. “Velaí outras da obrigas do SUG, que debe excluír calquera expresión de discriminación por razón de xénero, raza ou relixión. Só así poderemos ser o Sistema Universitario de todas e todos os galegos e tamén o de todas as persoas chegada a nós desde fóra de Galicia”, dixo Mato.

Na súa intervención o reitor vigués referiuse ao deber das institucións académicas coa rendición de contas e a transparencia, así como o seu compromiso coa paz, uníndose ao pacto pola convivencia que propuxo a CRUE o 29 de agosto tralos atentados de Barcelona e Cambrils. Tras lembrar a importancia que para Vigo e Galicia terá a chegada do Pergamiño Vindel o vindeiro mes de outubro, “será unha oportunidade para reivindicar a nosa lingua”, dixo Mato, o reitor vigués rematou sinalando que debe ser a satisfacción do servizo ben feito ao país “o que debe guiar os nosos pasos. Este foi o meu pensamento e o do equipo que me acompañou e acompaña ata o mesmo día que lle fagamos a transmisión de mandato ao vindeiro reitor ou reitora en xuño de 2018”, rematou Mato.

Cooperación para construír o sistema universitario da vindeira década

Galicia é unha das autonomías “máis eficientes na súa oferta académica”, cuxas universidades cubriron o pasado o 90% das súas prazas de novo ingreso, “porcentaxe que posiblemente repetirase” no curso inaugurado nesta xornada, salientaba Alberto Nuñez Feijóo, no discurso que puso peche a este acto. O presidente da Xunta vinculou esta eficiencia a unha “oportuna e axeitada racionalización de titulacións, que detectou deficiencias e consolidou títulos con maior demanda social”, froito da cooperación entre as tres universidades ao Goberno galego, que permite que o SUG non mire ao futuro senón que “viva xa” nel. Nese senso, Nuñez Feijóo salientou que, unha vez fixadas as bases do novo mapa de titulacións para o período 2018/2020, o calendario de implantación deste novo escenario verá a luz antes de final de ano. Así mesmo, o presidente da Xunta anunciou tamén a elaboración dun “plan de excelencia universitaria, que impulsará a internacionalización do noso sistema”e a elaboración dun “mapa de perfís profesionais de futuro”, que “sirva de fundamento” aos graos e mestrados da vindeira década.

Nuñez Feijóo, que abriu a súa intervención lembrando que en Galicia, as aulas, claustros e asembleas universitarias “anticiparon a democracia real” e subliñando que esta precisa de “normas e procedementos feitos por todos e modificables de acordo con todos”, abordou no seu discurso dous dos retos do sistema universitario galego. Un vinculado á implantación do Espazo Europeo de Educación Superior, no presente curso “o único referente para as nosas universidades”, trala adaptación da totalidade das súas titulacións eque “fai posible o recoñecemento mutuo dos estudos que impartimos en 47 países”, á vez que constitúe un “paso transcendental na construción europea”. O segundo, tratar de “manter e ampliar” ese marco de cooperación e o colaboración entre as tres institucións académicas e o Goberno galego, que, como lembrou, investiu desde 2009 preto de “450 millóns de euros para manter e desenvolver estruturas investigadoras”, ao tempo que incidía no papel que este eido debe xogar “na revolución empresarial e tecnolóxica que se está a experimentar” na comunidade.

En relación á cooperación, Nuñez Feijóo subliñou como un dos seus “nomes propios” ao reitor, Salustiano Mato, coincidindo co inicio de curso do seu segundo mandato. “Achegoulle á Universidade unha personalidade propia, compatible sempre coa lealdade institucional e coa internacionalización da institución”, salientou Nuñez Feijóo, quen lembrou que na etapa de Mato á fronte da reitoría “fíxose realidade o primeiro campus periférico especializado de Galicia”, o Campus da Auga en Ourense, así como outra serie de infraestruturas. E grazas á cooperación entre a Universidade e o Goberno galego, lembrou, impulsáronse tamén proxectos como a construción da sede do Campus Do Mar na ETEA ou da sede institucional do Berbés, así como a exposición que situará de novo o”fronte as ondas do mar de Vigo” o Pergamiño Vindel, “unha das expresións máis antigas da nosa identidade”.

Lección inaugural sobre os aceites galegos

Co título Deseñando aceites de oliva 'gourmet' en Galicia, Jesús Simal, director do Departamento de Química Analítica e Alimentaria da Universidade de Vigo e coordinador científico do Centro de Investigacións Agro-Ambientais e Alimentarias (CIA3) do Campus da Auga, foi o encargado de ofrecer a lección inaugural de apertura do curso académico 2017/2018. Nela quixo expor algúns dos principais resultados obtidos polo seu grupo ao longo de varios anos de investigación sobre a caracterización aromática e fenólica de olivas e aceites de oliva producidos en Galicia. Trátase, destacou, “dunha das nosas apostas científicas, de grande interese e relevancia actual en Galicia” coa que se quere “contribuír a deseñar unha estratexia que permita potenciar a posta no mercado de aceites de oliva gourmet con valor diferencial”.

O docente da Facultade de Ciencias do campus de Ourense comezou lembrando a importancia histórica da oliveira en Galicia desde a época romana. Na actualidade, detallou, os datos dispoñibles apuntan a existencia de 256 hectáreas de cultivo e 8 toneladas de aceite de oliva virxe. Co obxectivo de visualizar o traballo realizado desde a Universidade de Vigo para contribuír ao desenvolvemento deste sector, na súa conferencia Simal Gándara presentou un resumo de resultados dalgúns dos traballos froito da tese de doutoramento de Patricia Reboredo, dirixida por Beatriz Cancho, Carmen González e o propio Simal.

A primeira das liñas de investigación expostas na lección inaugural foi a da caracterización xenética e fenotípica de oliveiras centenarias, que permitiu identificar dúas variedades galegas diferentes, a mansa e a brava. A bioxénese do aroma nas olivas foi o segundo dos estudos debullados por Jesús Simal, destacando como se identificou que “os aceites teñen perfís similares, sendo os seus principais odorantes picante, amargo e herbáceo tirando a madeira”. O catedrático tamén explicou a investigación realizada sobre os efectos que ten o proceso de extracción na calidade do aceite e as posibilidades que ofrecen a co-moenda e o coupage. Por último, falou da análise dos compostos bioactivos no aceite de oliva virxe extra, subliñando como os aceites galegos estudados poden etiquetarse como funcionais atendendo aos límites establecidos pola UE. A intervención rematou coa realización de diferentes propostas de futuro para a investigación neste eido. Entre elas, Jesús Simal incluíu a prospección de oliveiras centenarias, desenvolver aceites enriquecidos e avaliar a actividade anticanceríxena dos fenois do aceite de oliva virxe.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós