DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 07 de setembro do 2017

A mostra, de entrada libre, ábrese ao público esta tarde na sede Afundación

Chega a Vigo a exposición ‘Un rolo de papel continuo’, traballo coral de oito artistas con selo pontevedrés

Con Nono Bandera, Marcos Covelo, Nuria Figueiredo, Berto Fojo, Julia Huete e Natalia Umpiérrez


ImageHai pintura, un mural, unha instalación... Tras o seu paso pola cidade de Pontevedra a comezos de ano chega agora a Vigo a mostra Un rolo de papel continuo, un proxecto coral que ten como comisaria á profesora Susana Cendán e no que participan seis artistas ligados á Facultade de Belas Artes, ben como profesores, caso de Nono Bandera, ben como egresadas e egresados (Marcos Covelo, Nuria Figueiredo, Berto Fojo, Julia Huete e Natalia Umpiérez). A exposición, de entrada libre e gratuíta, ábrese ao público esta tarde na Sala 1 da Sede Afundación de Vigo, pero esta mañá celebrouse xa un acto de presentación.

Duvi | Vigo
Hai pintura, un mural, unha instalación... Tras o seu paso pola cidade de Pontevedra a comezos de ano chega agora a Vigo a mostra Un rolo de papel continuo, un proxecto coral que ten como comisaria á profesora Susana Cendán e no que participan seis artistas ligados á Facultade de Belas Artes, ben como profesores, caso de Nono Bandera, ben como egresadas e egresados (Marcos Covelo, Nuria Figueiredo, Berto Fojo, Julia Huete e Natalia Umpiérez).

A exposición, de entrada libre e gratuíta, ábrese ao público esta tarde na Sala 1 da Sede Afundación de Vigo, pero esta mañá celebrouse xa un acto de presentación ao que asistiron a propia Cendán, vicedecana de Organización Académica da Facultade de Belas Artes; a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela e dous dos artistas participantes: Berto Fojo e Natalia Umpiérrez. “O concepto da exposición é o mesmo que na Sala X e complétase con intervencións nas paredes deste novo espazo”, explicou Cendán, ao tempo que apuntou que, como a sala ten tres tabiques/paneis incorporouse nestes unha obra de cada un dos artistas, xunto con cadansúa biografía. “Ademais, ao igual que na exposición orixinal, empréganse tres vitrinas para amosar a formación multidisciplinar de todos eles, con mostras de fanzines, tecidos, cerámica ou portadas de disco”, engadiu a comisaria.

Arte que une “conceptos e intereses en aparencia inconexos”

Dos seis creadores que se dan a man en Un rolo de papel continuo, Nono Bandera é o único que exerce como docente na Facultade de Belas Artes, mentres que o resto pasaron polas súas aulas nos últimos anos. Sobre a súa elección, a comisaria Susana Cendán, recoñeceu que “non primou tanto a procura dunha coherencia estilística, como o ser capaces de poñer en común conceptos e intereses en aparencia inconexos”. A súa experiencia transcorreu dentro dun “apropiacionismo calculado -e traveso- que foi recoñecido en multitude de exposicións, e forma parte da colección de prestixiosos museos”, explicou Cendán. O traballo de Marcos Covelo, pola súa banda, sitúase nos límites a pintura, para reflexionar sobre a capacidade desta para coordinar espazos e xerar diálogos máis aló dos soportes tradicionais. Diálogos, engadiu Cendán, “non exentos de socarronería e que demandan novas maneiras de mirar e entender a arte, como ben puidemos comprobar na interesante exposición individual The answer are blowin’ in the wind que, no ano 2015, lle dedicou a Fundación RAC”.

O debuxo ocupa un lugar central na articulación do proxecto, de feito é a ferramenta que manexan de maneira habitual Natalia Umpiérrez, Nuria Figueiredo, Julia Huete ou Berto Fojo. “Con todo non se trata dun debuxo ao uso, interesado na perfección formal ou academicista co que se adoita relacionar a ilustración ou o cómic clásicos”, recoñeceu a docente. De feito, estes catro creadores afástanse dos circuítos tradicionais para construír un imaxinario voluntariamente imperfecto, que se alimenta de fontes alternativas enraizadas na cultura popular, a arte outsider, o punk, o rock & roll ou o graffiti.

Ata o 27 de setembro

A mostra, que a finais de ano se trasladará á cidade da Coruña, poderá visitarse en Vigo ata o vindeiro 27 de setembro, na sala 1 da Sede Afundación de Vigo, de luns a sábado en horario de 17.30 a 20.30 h.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós