DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 07 de setembro do 2017

O campus acollerá a celebración de dúas formacións de extensión universitaria

Setembro tamén é tempo de cursos de verán

A educación dixital e o turismo enolóxico son as súas temáticas


ImageO groso da programación de cursos de extensión universitaria que cada ano se organizan no campus de Ourense co financiamento da Deputación de Ourense ten lugar nos meses de xuño e xullo. Porén, algunhas das súas propostas desenvólvense en setembro. Deste xeito, alumnado e cidadáns interesados aínda teñen a oportunidade de realizar durante as vindeiras semanas os cursos A sociedade da información (III): preocupacións educativas nun mundo dixital, organizado desde a Facultade de Ciencias da Educación, e Turismo baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra, posto en marcha desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

Duvi | Ourense
O groso da programación de cursos de extensión universitaria que cada ano se organizan no campus de Ourense co financiamento da Deputación de Ourense ten lugar nos meses de xuño e xullo. Porén, algunhas das súas propostas desenvólvense en setembro. Deste xeito, alumnado e cidadáns interesados aínda teñen a oportunidade de realizar durante as vindeiras semanas os cursos A sociedade da información (III): preocupacións educativas nun mundo dixital, organizado desde a Facultade de Ciencias da Educación, e Turismo baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra, posto en marcha desde a Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo.

Temáticas de actualidade

A sociedade da información (III): preocupacións educativas nun mundo dixital celebra a súa terceira edición baixo a dirección da docente Manuela Raposo. Cun centenar de prazas dispoñibles, terá lugar os días 20, 21, 22, 27, 28 e 29 de setembro na Facultade de Ciencias da Educación. Durante as sesións, expertos e expertas procedentes das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Málaga, Coimbra e Trás-os-Montes e Alto Douro abordarán un amplo panel de temáticas, desde os desafíos da inclusión na sociedade dixital e os valores éticos nela ata a narrativa visual e as competencias dos profesionais docentes neste contexto.

Pola súa banda, o curso Turismo baseado na cultura da produción tradicional do viño, da cervexa e da sidra volve a organizarse baixo a dirección de José Antonio Fraiz e Noelia Araújo. A cita celebrarase do 25 ao 27 de setembro e terá como escenarios os concellos de Allariz e A Estrada. Con 50 prazas dispoñibles, durante as sesións abordarase o turismo experiencial, e máis concretamente o turismo enolóxico como parte del, contando para elo con expertos e expertas das universidades de Vigo, Santiago de Compostela, Carlos III de Madrid, Oviedo e A Rioxa. As persoas participantes terán a ocasión de coñecer de primeira man a produción e funcionamento dunha fábrica de cervexa artesanal, Dama Alaricana, e dunha sidraría ecolóxica, Lagar Ribela.

A matrícula en ambas formacións está aberta ata esgotamento das prazas dispoñibles, podéndose inscribir tanto membros da comunidade universitaria como cidadáns en xeral interesados nas temáticas abordadas. O prezo varía en función do curso e do tipo de público, sendo de 40 euros para público xeral e 26 para membros da comunidade universitaria no curso de educación e de 50 e 32,5 euros respectivamente no de turismo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós