DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 07 de setembro do 2017

A cuarta edición deste encontro do emprendemento terá lugar entre o 21 e o 23 de setembro

Preto de 40 actividades en doce sedes conforman a programación do Pont-Up Store 2017

Un ‘fablab’ en Belas Artes complementará a feira na que 40 empresas amosarán os seus proxectos


ImagePreto de 40 actividades, entre obradoiros, seminarios, coloquios e encontros, que se desenvolverán en doce espazos da cidade, conforman a programación do Pont-Up Store 2017, o evento dedicado ao emprendemento que a Universidade, no marco do Campus CREA S2i, promove en Pontevedra entre o 21 e 23 de setembro. Máis de 40 novas empresas amosarán nestas xornadas os seus produtos e servizos no recinto instalado na Praza de España, que nesta cuarta edición conectarase co fablab que terá lugar nas salas de exposicións da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Preto de 40 actividades, entre obradoiros, seminarios, coloquios e encontros, nas que participarán arredor dun cento de expertos e expertas e que se desenvolverán en doce espazos da cidade, conforman a programación do Pont-Up Store 2017, o evento dedicado ao emprendemento que a Universidade, no marco do proxecto de especialización CREA S2i, promove en Pontevedra entre o 21 e 23 de setembro. Máis de 40 novas empresas amosarán nestas xornadas os seus produtos e servizos no recinto instalado na Praza de España, que nesta cuarta edición conectarase coas salas de exposicións da Facultade de Belas Artes e da Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia, que desde o mércores 20 acollerán un fablab no que se desenvolverán diferentes obradoiros e coloquios sobre fabricación dixital e creatividade.

O programa de actividades dun evento que conta coa colaboración de 36 empresas e institucións, co Concello como patrocinador principal, foi presentado este xoves polo seu director, Pedro Figueroa, acompañado polo vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho; a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, e o deputado provincial de Economía, Carlos López Font. Facer do Pont-Up Store o “escaparate do emprendemento en Galicia”, é, como sinalou Figueroa, o obxectivo central dun evento que “vai crecendo e reinventándose”, como engadiu o vicerreitor, respecto dunha programación dirixida tanto a “emprendedores actuais e futuros, como para o noso estudantado, que cada vez emprende máis, e para o público en xeral”. Corbacho e Figueroa puxeron o acento en que esta feira reúne a empresas de múltiples sectores, desde a moda, a alimentación ou ecoloxía, ata o deseño gráfico, a educación e as TIC, outorgando ademais un “papel moi importante á economía social", como salientou o director dun evento que reúne a emprendedores de toda Galicia e no que “máis do 33% dos proxectos proceden das vilas e do rural”.

Cambios no recinto central

O Pont-Up Store terá como núcleo o recinto da Praza de España no que, os días 22 e 23, as 41 empresas con menos de tres anos e medio de traxectoria seleccionadas de entre máis de 120 candidaturas, amosarán á cidadanía os seus produtos e servizos. Farano nos 36 stands cos que contará este recinto e a través de diferentes actividades de dinamización, que abranguen propostas como a arte floral, o álbum ilustrado ou a cata de cervexas, así como no Puntazo Express, evento no que dez emprendedores presentarán o seu proxecto empresarial a “directivos de importantes empresas de Galicia”.

Nesta cuarta edición, a carpa verase complementada cunha zona de foodtrucks, tanto de emprendedores seleccionados como da PonteVan, promovida por diferentes institutos da cidade, así como pola súa prolongación nas salas de exposicións do edificio que comparten Belas Artes e Restauración. Nelas instalarase unha das novidades da edición, un fablab que arrincará a súa actividade o mércores 19 co obradoiro de creatividade e fabricación dixital Fabricando cidade, cuxos resultados exporanse o venres 22. A esta iniciativia súmanse ademais talleres de fabricación dixital e robótica, coloquios e un obradoiro para docentes e familias.

Actividades espalladas pola cidade

Unha sesión de networking sobre economía social, na Casa das Campás, organizada pola Unión de Cooperativas Espazocoop porá, o xoves 21, inicio á xornada previa do Pont-Up Store, para a que tamén se programaron un seminario de marketing dixital, na sede de AJE Pontevedra; dous coloquios sobre promovidos polas cámaras de comercio de Pontevedra, Vigo e Vilagarcía e Santiago; un taller sobre posicionamento en internet, promovido pola Deputación, e o encontro Familias Creativas, organizado por Equipo Sequoia.

Xa na xornada inaugural do venres 23, o recinto do evento será a sede dunha sesión de networking das e os emprendedores participantes, un obradoiro sobre economía social para nenos de 6 a 10 anos, promovido pola rede Eusumo, así como de diferentes actividades de dinamización. A estas súmanse a celebración do Puntazo Express no Museo, a sesión formativa Preparado para a inversión?, que Abanca cekebra no Café Moderno, e a presentación dunha plataforma de venda de empresas que traballan con criterios sociais e éticos en Belas Artes.

Así mesmo, como salientou Figueroa, o Pont-Up Store foi tamén seleccionado por diferentes colectivos como o marco para promover os seus encontros, como o que celebrará a comunidade WordPress de Pontevedra en Belas Artes, e as actividades que a Asociación Galega de Méntoring (Amces), desenvolverá o sábado no Liceo Casino. Nesa xornada de clausura, ademais, terá lugar unha nova edición da Xincana Bike, dirixida promover o traballo en equipo e a cooperación entre nenos e nenas de ata 14 anos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós