DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 11 de setembro do 2017

Vigo celebrou este luns o acto de benvida ao seu alumnado internacional

Italia e Alemaña, principais países de procedencia dos 384 estudantes de intercambio dos tres campus

A esta cifra haberá que sumar os que aínda poden solicitar unha estadía no segundo cuadrimestre


ImageMuller, beneficiaria do programa Erasmus, procedente de Italia ou Alemaña e coa Facultade de Filoloxía e Tradución como centro de acollida. Este é o perfil xeral do alumnado de intercambio que cursará os seus estudos durante este curso 2017-2018 na Universidade de Vigo. En total son 384 mozas e mozos entre os tres campus: 84 deles quedaranse todo o curso académico, 276 optaron polo primeiro cuadrimestre e 24 polo segundo, aínda que para esta última opción a matrícula continúa aberta ata finais de ano. Do total, 241 son mulleres e 143 homes. Dos 384 estudantes que xa confirmaron a súa estadía na Universidade de Vigo 300 elixiron escolas e facultades de Vigo; 25 de Ourense e 59 de Pontevedra. Para todos eles, este luns o campus de Vigo celebrou o tradicional acto de benvida.

Duvi | Vigo
Muller, beneficiaria do programa Erasmus, procedente de Italia ou Alemaña e coa Facultade de Filoloxía e Tradución como centro de acollida. Este é o perfil xeral do alumnado de intercambio que cursará os seus estudos durante este curso 2017-2018 na Universidade de Vigo. En total son 384 entre os tres campus: 84 deles quedaranse todo o curso académico, 276 optaron polo primeiro cuadrimestre e 24 polo segundo, aínda que para esta última opción a matrícula continúa aberta ata finais de ano. Do total, 241 son mulleres e 143 homes.

Dos 384 estudantes que xa confirmaron a súa estadía na Universidade de Vigo, 300 elixiron escolas e facultades de Vigo; 25 de Ourense e 59 de Pontevedra. Para todos eles, este luns o campus de Vigo celebrou o tradicional acto de benvida, unha cita que se caracteriza pola mestura de linguas, procedencias, culturas, etc. Ao longo desta xornada de recepción, o alumnado internacional puido coñecer a oferta académica complementaria, a deportiva e a cultural da man dos representantes do Centro de Linguas, a Área de Normalización Lingüística, a Área de Benestar, Saúde e Deporte, Extensión Universitaria, etc. O vicerreitor de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, Manuel Fernández Iglesias, foi o encargado de darlles a benvida oficial en nome da institución nun acto celebrado na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. O vicerreitor destaca que a cifra de estudantes estranxeiros que este ano recibe a Universidade, tras unha época na que os datos se tiñan estancado, confirma unha “senda de crecemento e demostra que a nosa institución é cada vez máis atractiva”. Á falta dos datos do segundo cuadrimestre, "agardamos que os resultados sexan superiores aos do ano pasado”, que se pechou con 541 alumnas e alumnos foráneos, explica.

Por programas, e como é habitual, o principal é o Erasmus, que mobiliza 288 alumnos e alumnas. Outros 65 chegan á Universidade de Vigo a través de convenios bilaterais e o resto con programas como ISEP, Erasmus+ Prácticas, etc. Consecuentemente, as e os europeos son maioría, sendo Italia o principal país de procedencia con 81 estudantes, seguido de Alemaña con 61 ou Francia con 37. México faise un oco con 32 estudantes grazas ao convenio que existe co país centroamericano. No referente aos centros de destino, a Facultade de Filoloxía e Tradución segue a ser o centro máis internacional e recibirá 132 estudantes.

300 novos vigueses e viguesas

Neste comezo de curso, o campus de Vigo ten confirmada a matrícula de 300 estudantes internacionais, dos que 69 quedarán todo o ano, 211 durante o primeiro cuadrimestre e 20 no segundo, polo momento. No campus replícase tamén o perfil xeral da Universidade: maioría de bolsas Erasmus, principalmente de Italia (67) e Alemaña (58) e estudantes de titulacións de Filoloxía e Tradución. De feito, 132 mozos e mozas de 17 nacionalidades cursarán os seus estudos na Facultade de Filoloxía e Tradución, que é o centro máis internacional de toda a Universidade, acollendo preto da metade do alumnado de intercambio de Vigo. O segundo centro que acolle máis alumnado foráneo é Ciencias Económicas e Empresariais con 52, seguido da Escola de Enxeñería Industrial con 45, Ciencias Xurídicas e do Traballo con 29; Escola Universitaria de Estudos Empresariais con 14; Ciencias do Mar con 9; Enfermaría do Meixoeiro con 6; Enxeñaría de Minas e Enerxía con 5; Enxeñaría de Telecomunicación con 4; Bioloxía con 3 e Química con 1. Por procedencias, tras Italia e Alemaña están Francia (32), Polonia (25) e México e Portugal (16).

“Encantados coa vida en Galicia”

O acento italiano foi un dos que máis se escoitou nos corredores nas charlas previas ao acto de benvida. Entre estes alumnos estaba Luca Marotta, estudante de Economía de 21 anos. “Eu estudo na Universidade de Nápoles, pero son orixinario da illa de Capri”, explicaba Marotta, ao tempo que admitiu estar “encantado coa vida en Galicia, con todo menos coa néboa, algo que me sorprendeu moito porque non estaba habituado a ela e non me gusta nada”. Vive nun piso céntrico con outros tres compañeiros italianos e unha estudante lituana. “Estamos moi a gusto, aquí cómese moi ben, a xente é moi simpática e sempre está disposta a axudar”, recalcou o alumno. Laura Ligato é tamén italiana e estuda grao de Tradución e Interpretación. Para ela esta non é a súa primeira experiencia de intercambio, algo que evidencia o seu perfecto español con acento arxentino. Tras estudar un ano no país suramericano en Secundaria, a experiencia pareceu "moi satisfactoria” e quixo probar co programa Erasmus. Elixiu Vigo porque agarda que este destino lle permita aprender máis idiomas, como galego e portugués.

Chegados desde o outro lado do Atlántico e, máis concretamente desde México, cuarto país de procedencia de estudantes de intercambio, Fernando Palafox, Eder Ayala e Karla Pino, amosáronse “moi satisfeitos” co destino elixido. “Esta cidade é muy padre”, salientou Palafox, quen explicou que el e o seu compañeiro Ayala levan instalados preto de tres semanas “e Karla incorporouse a semana pasada e, de momento, hai que admitir que o que máis botamos de menos é a comida”. Os dous mozos estudan Arquitectura “e aquí temos docencia na Escola de Enxeñaría de Mina e Enerxía e tamén na Facultade de Belas Artes”, pola contra o destino da súa compañeira, estudante de Dereito, é Ciencias Xurídicas e do Traballo, onde compartirá aulas coa francesa Tiffany Deniam, quen optou por vivir na residencia do campus. “Trouxen o meu coche, polo que para min non supón ningunha desvantaxe non vivir na cidade”, explicou en castelán, idioma que estuda dende pequena, “xa que a miña ilusión é vivir en España”.

Monika, Patrycja e Paulina son de Polonia e as tres teñen como destino a Facultade de Filoloxía e Tradución, a primeira cursa Filoloxía Hispánica e as outras dúas Filoloxía Inglesa. Todas elas tiñan claro que querían estudar en España, pero para Mónica a elección estaba moito máis clara. “Xa coñezo o pais, estiven de intercambio académico en León, traballando en Canarias e varias veces de vacacións, pero agora quería coñecer Galicia”.

Mañá martes será a quenda do acto de benvida no campus de Ourense e o mércores no de Pontevedra.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós