DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 11 de setembro do 2017

O novo ciclo de cine da Vicerreitoría propón, desde este xoves, un percorrido pola historia do xénero

O terror chega á Casa das Campás

13 proxeccións e dous coloquios conforman o programa de ‘Garda as túas costas’


ImageNos múltiples percorridos polas temáticas e correntes que definen a historia do cinema que cada cuadrimestre propón a Vicerreitoría do campus na súa programación cultural, había un xénero que ata o de agora só se tocara de esguello, o terror. Xénero que, como salienta o coordinador destes ciclos, Suso Novás, “é un dos que mellor reflicte subterraneamente determinadas posicións da sociedade e determinados comportamentos do ser humano", e ao que neste primeiro cuadrimestre a Área de Extensión Cultural dedica un percorrido conformado por trece proxeccións e dous relatorios, que se desenvolverá entre este xoves e o 21 de decembro.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Nos múltiples percorridos polas temáticas e correntes que definen a historia do cinema que cada cuadrimestre propón a Vicerreitoría do campus na súa programación cultural, había un xénero que ata o de agora só se tocara de esguello, o terror. Xénero que, como salienta o coordinador destes ciclos, o programador Suso Novás, “é un dos que mellor reflicte subterraneamente determinadas posicións da sociedade e determinados comportamentos do ser humano", e ao que neste primeiro cuadrimestre a Área de Extensión Cultural do campus dedica un amplo percorrido fílmico, conformado por trece proxeccións e dous relatorios, que se desenvolverá desde este xoves, coa proxección de O amencer dos mortos, de Zack Snyder, ata o 21 de decembro.

“O que tentamos con este ciclo é amosar que o terror é algo máis que no que inicialmente pensamos, que é no cinema de sustos, ver que se trata dun cinema que pretende inquietar ao espectador e formularlle, a través desta acción, unha reflexión”, salienta Novás respecto de Garda as túas costas: notas sobre o terror fílmico, un ciclo con entrada libre ata completar aforo, que se desenvolverá nas tardes dos venres e xoves dos próximos catro meses na Casa das Campás, onde cada proxección se verá sucedida dun coloquio sobre o filme.

Da actualidade aos inicios do cine

Garda as túas costas propón un percorrido pola historia da sétima arte que abrangue desde os inicios do cinema sonoro ata filmes da última década, pasando polo “salto cualitativo” que o xénero viviu nas décadas de 1960 e 1970. Deste xeito, o ciclo arrinca este xoves ás 19.15 horas, con O amencer dos mortos, unha revisión dun clásico do cine de zombies; e continuará, o xoves 28, con Frankestein, de James Whale, unhas “das “películas referenciais” dos estudos Universal na década de 1930.

En outubro, o ciclo trasládase xa, nese mesmo horario, ás tardes dos venres, arrincando con Babadook, de Jennifer Kent, directora que Novás destaca como “unha das revelacións do terror contemporáneo”; e continuando, o venres 13, con O home e o monstro, de Rouben Mamoulian, outro clásico do xénero. O 19 do vindeiro mes proxectarase na Casa das Campás Targets, o primeiro filme de Peter Bogdanovich, “unha película metalingüística que inaugura algunhas das vías do que vai ser o futuro do cinema de terror”. Tras ela, o día 20, o ciclo retrocede á decada de 1940 para abordar a produción dos estudos RKO a través de A muller panteira, de Jacques Tourneur, e unha semana despois, o propio Novás abordará os inicios do xénero no coloquio A monstrosidade e a polimorfia: alfa e omega do clasicismo.

Cine español, francés ou británico

A cabana no bosque, de Drew Goddard, abre a programación deste ciclo no mes de novembro, no que tamén fará unha inclusión no cinema español coa proxección, o venres 10, de Quen pode matar a un neno, de Narciso Ibañez Serrador. Para sete días despois programouse A cousa, de John Carpenter, unha proxección coa que abordar “como se pode producir unha hibridación entre os contextos do cinema de ficción e fantástico co terror”, como apunta o coordinador deste ciclo, que sete días despois abordará nun relatorio o “sismo” que viviu este xénero nas décadas de 1960 e 1970.

Coa proxección de A bruxa, de Robert Eggers, o 1 de decembro, “unha das películas que nestes últimos tempos mellor usou o fóra de campo”, o ciclo entrará no seu derradeiro mes, para o que se programou tamén un achegamento a clásicos como A parada dos monstros, de Tod Browning, o xoves 7; e a producións europeas como a francesa Os ollos sen rostro, de Georges Franju, “unha reflexión sobre o poder da mirada, que é a película máis terrorífica do ciclo, aínda que non o pareza”. Xa por último, o xoves 21, esta actividade despedirase achegándose ao traballo desenvolvido pola produtora británica Hammer, coa proxección de As noivas de Drácula, de Terence Fisher.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós