DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 12 de setembro do 2017

O profesor chileno Mario Quintanilla impartiu un relatorio en CC da Educación e do Deporte

O desenvolvemento de competencias científicas, primeiro paso para cambiar o mundo

Abordou tamén un proxecto de investigación con Finlandia, no que colabora profesorado da facultade


ImageNunha sociedade marcada polos avances tecnolóxicos, “o coñecemento científico é algo que dalgunha maneira resoa no noso día a día”, sostén o investigador da Ponficia Universidad Católica de Chile Mario Quintanilla, quen nesta xornada defendeu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a necesidade de formar “suxeitos competentes en ciencia”. Isto, engadiu, “implica ter mestres que sexan críticos co que sucede no mundo, conscientes das incertezas, dificultades e conflitos”, para así poder “darnos conta do enorme potencial que ten a educación como poder transformador”.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Nunha sociedade marcada polos avances tecnolóxicos, “o coñecemento científico é algo que dalgunha maneira resoa no noso día a día”, sostén o investigador da Ponficia Universidad Católica de Chile Mario Quintanilla, quen nesta xornada defendeu na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte a necesidade de formar “suxeitos competentes en ciencia”. Isto, engadiu, “implica ter mestres que sexan críticos co que sucede no mundo, conscientes das incertezas, dificultades e conflitos”, para así poder “darnos conta do enorme potencial que ten a educación como poder transformador”.

Presidente da Rede Latinoamericana de Investigación en Didáctica das Ciencias, Quintanilla abordou tamén, nunha sesión na que foi presentado polo vicedecano Uxío Rodríguez e a profesora María Álvarez Lires, organizadora desta conferencia, o proxecto de investigación que, desde hai seis anos desenvolve xunto coa Academia de Ciencias de Finlandia (AKA), e centrado precisamente no uso das novas tecnoloxías da información para mellorar a aprendizaxe competencial en ciencias.

As contradicións como punto de partida

Competencias de pensamento científico de educadoras de infantil e primaria en formación era o título do primeiro relatorio que Quintanilla ofrecía en España e no que, como salientou, buscou ser “provocador nalgunhas ideas”. Concretamente, na necesidade de ser consciente das contradicións que se producen na sociedade como punto de partida para o desenvolvemento desa aprendizaxe competencial. “Un profesor que quere educar para a paz nunha sociedade en guerra ou un que quere educar para a diversidade pero que ten un discurso unísono, iso é o que temos que enfrontar”, subliñou o investigador chileno para quen “recoñecer que o mundo é incoherente” supón o primeiro paso “para atrevernos a intervir para cambialo”.

Nese senso, defendeu o desenvolvemento de competencias científicas no propio profesorado como o punto de partida para dotar as novas xeracións necesarios para que poidan “seleccionar información, organizala e categorizala”, tendo en conta que, na sociedade actual, a ciencia é precisa para comprender moitos dos aspectos que lle rodean, “desde os alimentos que mercamos ata a roupa que eliximos”.

Un proxecto que une Chile con Finlandia

Mellorar o ensino competencial das ciencias mediante estratexias dixitais é o obxectivo central do proxecto AKA-EDU/03, o único proxecto en colaboración coa academia finesa na área da didáctica das ciencias financiado conxuntamente pola academia finesa e a Conicyt (Comisión Nacional de Investigación Científica y Tecnológica) de Chile. Un proxecto que Quintanilla coordina a través do Laboratorio de Investigación en Ensino das Ciencias Grecia e que, na súa visita ao campus, abordou tamén coas investigadoras e investigadores da Área de Didáctica das Ciencias Experimentais do grupo CIES.

De feito, a profesora Álvarez Lires e a investigadora María Lorenzo participaron, cun artigo sobre a educación sobre a sustentabilidade con perspectiva de xénero, nunha das últimas publicacións editadas polo Laboratorio Grecia ao abeiro deste proxecto. Así mesmo, Lorenzo vén de colaborar directamente neste proxecto de investigación impartindo, o pasado mes de agosto, un taller sobre competencias dixitais dirixido a profesorado de primaria de Santiago de Chile. “A idea era sobre todo que es puxesen no papel do alumnado, sobre que criterios deben utilizar para buscar, seleccionar e avaliar información na rede”, explica Lorenzo dunha formación previa ao inicio da segunda fase desta investigación, a centrada en traballar conxuntamente con profesorado e alumnado.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós