DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 13 de setembro do 2017

A Casa das Campás acolleu o acto de benvida ao alumnado internacional

México encabeza a relación de 15 países que achegan estudantes estranxeiros ao campus

44 mozos e mozas permanecerán en Pontevedra o primeiro cuadrimestre e outros 12 todo o curso


ImageProcedentes de 15 países de tres continentes, as universitarias e universitarios chegados nestes mes a Pontevedra para vivir unha experiencia formativa e vital reuníronse este mércores na Casa das Campás, onde representantes de diferentes servizos da Universidade quixeron guialos nos seus primeiros pasos no campus. Con México, Portugal e Brasil como principais países de orixe, Pontevedra recibe neste primeiro cuadrimestre un total de 44 estudantes internacionais, aos que hai que sumar, para un total de 59, os doce que permanecerán na cidade o curso completo e os tres polo de agora confirmados para o segundo cuadrimestre.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Procedentes de 15 países de tres continentes, as universitarias e universitarios chegados nestes mes de setembro a Pontevedra para vivir unha experiencia formativa e vital reuníronse na mañá deste mércores na Casa das Campás, onde representantes de diferentes servizos da Universidade quixeron guialos nos seus primeiros pasos no campus. Con México, Portugal e Brasil como principais países de orixe, Pontevedra recibe neste primeiro cuadrimestre un total de 44 estudantes internacionais, aos que hai que sumar, para un total de 59, os doce que permanecerán na cidade o curso completo e os tres polo de agora confirmados para o segundo cuadrimestre, para o que a matrícula permanece aberta ata finais de ano.

“Grazas por escoller a nosa universidade e o noso campus”, trasladáronlle o vicerreitor Juan Manuel Corbacho, e as representantes da Oficina de Relacións Internacionais da Universidade Maite Arce e Inés Morais ás e os participantes neste concorrido acto. Dirixido a achegalos as diferentes opcións formativas, culturais, deportivas ou lúdicas da institución académica, esta actividade completouse coas intervencións de representantes da Área de Extensión Cultural, Biblioteca Central, Área de Normalización Lingüística, Centro de Linguas e Área de Saúde, Benestar e Deporte, así como da asociación ESN-Vigo.

México como orixe, CCSS e da Comunicación como destino

Ao igual que nos últimos anos, México é o país que máis estudantes achega a Pontevedra, un total de 13 dos 59 matriculados ata a data. Portugal, con dez, e Brasil, con oito, sitúanse tamén entre as principais orixes do alumnado internacional do campus, ás que se suman este curso Turquía, con seis, e Italia e Reino Unido, ambos con catro.

Alemaña, Países Baixos, Francia, Romanía, Uruguai, Colombia, Chile, Grecia e Taiwán completan a faciana máis internacional dun campus que volve a ter na Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación o principal centro receptor do alumnado estranxeiro, cun total de 24. Belas Artes, pola súa banda, recibe a 20 estudantes ao abeiro dos diferentes programas de mobilidade, mentres que Ciencias da Educación e do Deporte acolle a 13 a Facultade de Fisioterapia a dous.

Atraídos pola formación e pola cidade

Estudante de Medicina na Universidad Veracruzana de México, Carlos Aguilar trasladouse este cuadrimestre ata Fisioterapia co propósito de ampliar a súa formación sobre rehabilitación cardíaca e fisioloxía do esforzo. “Estou xa no último ano e en México para graduarte tes que facer un traballo de investigación ou un exame, eu preferín o traballo e estouno facendo sobre adaptacións cardiovasculares e risco de cardiopatías en ciclistas”, relata este alumno, que recoñece ter atopado no plan de estudos desta titulación unha serie de materias coas que ampliar os seus coñecementos en medicina deportiva. Do mesmo xeito, o plan de estudos foi tamén o primeiro que animou ao seu compatriota Gerardo González a vir a Pontevedra, no seu caso á Facultade de Belas Artes. “En México estudo deseño gráfico e aínda que hai cousas en común, aquí teño a oportunidade de cursar materias diferentes”, sinala este alumno da Benemérita Universidad Autónoma de Puebla.

Nesta facultade permanecerán tamén este cuadrimestre as portuguesas Gabriela Franco, Patricia Vieira e Celina Fernández, tres alumnas de artes visuais na Universidade de Madeira que acoden ao campus ao abeiro do programa Erasmus+. “Tiñamos compañeiros que viñeran a Pontevedra en anos anteriores e dixéronnos que fora todo moi ben”, apuntarse Vieira dun dos motivos que as levou a decantarse pola Universidade de Vigo para vivir “unha nova experiencia e coñecer un novo país”, como engade Franco. Do mesmo xeito, vivir novas experiencias nunha cidade que “che permita sentirte como na casa” foi tamén un dos motivos que trouxo, no seu caso a CCSS e da Comunicación, a Benan Durmaz desde Ankara, a capital de Turquía.

Coñecer Galicia, “que polo que vin e lin é moi distinto ao que é España en xeral e que é máis que nada ou que buscaba”, foi tamén un dos motivos que animou ao chileno Cristofer Ávalos a cruzar o Atlántico para cursar Ciencias da Actividade Física e do Deporte no campus. “Pontevedra cumpriu todas as miñas expectativas, como cidade, a Universidade, a xente...”, engade este estudante da Universidad de Antofagasta, que buscaba completar a súa formación en España, “porque son pioneiros en educación, un ámbito que en Chile está moi debilitado”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós