DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Xoves, 14 de setembro do 2017

Entre o 20 e 22 de setembro co gallo da celebración das 35ª Jornadas de Gerencia Universitaria

Vigo converterase a próxima semana no epicentro da análise dos retos da xestión universitaria

200 profesionais abordarán cuestións como financiamento, profesionalización ou xestión de recursos


Image A Universidade de Vigo acollerá entre os días 20 ao 22 de setembro a 35ª edición das Jornadas de Gerencia Universitaria nas que uns 200 profesionais, entre poñentes e público, analizarán cuestións fundamentais para o desenvolvemento da súa actividade nas universidades. “O formato das xornadas deste ano é totalmente distinto a como se fixeron en anteriores ocasións. Trátase de abordar temáticas que non sexan lugares comúns para todos e nós pretendemos que se fale de temas diferentes, cousas que preocupan e que van enlazadas con poñer en valor, tanto á Universidade de Vigo como o Sistema Universitario Galego, SUG”, explica o xerente da institución académica viguesa, Manuel Fernández Jáuregui, que hai ano e medio aceptou o reto de deseñar as xornadas, organizadas por Crue Universidades Españolas. As xornadas desenvolveranse baixo o lema Retos en la gestión de los recursos en las universidades, desarrollo y estrategias de futuro.

Mª del Carmen Echevarría | Vigo
A Universidade de Vigo acollerá entre os días 20 ao 22 de setembro a 35ª edición das Jornadas de Gerencia Universitaria nas que uns 200 profesionais, entre poñentes e público, analizarán cuestións fundamentais para o desenvolvemento da súa actividade nas universidades. “O formato das xornadas deste ano é totalmente distinto a como se fixeron en anteriores ocasións. Trátase de abordar temáticas que non sexan lugares comúns para todos e nós pretendemos que se fale de temas diferentes, cousas que preocupan e que van enlazadas con poñer en valor, tanto á Universidade de Vigo como o Sistema Universitario Galego, SUG”, explica o xerente da institución académica viguesa, Manuel Fernández Jáuregui, que hai ano e medio aceptou o reto de deseñar as xornadas, organizadas por Crue Universidades Españolas.

Baixo o lema Retos en la gestión de los recursos en las universidades, desarrollo y estrategias de futuro, as sesións comezarán no centro de Vigo cunha xornada transversal para todas e todos os participantes na que se abordará a análise das estratexias de futuro no financiamento universitario. O xoves a actividade trasládase ao campus universitario onde se desenvolverán cinco paneis simultáneos cos seguintes temas: Xestión dos recursos dispoñibles; Profesionalización da dirección; Retos na xestión da administración electrónica; Infraestruturas: ciclo de vida útil e estratexias de mellora e Investigando e transferindo o coñecemento. O último día terá lugar unha nova sesión transversal no centro de Vigo na que se analizarán as estratexias de futuro na xestión da I+D+i e singularmente os modelos de relación entre o sector público e o privado. “Nas xornadas participan xerentes e persoal de segundos e terceiros niveis e dende logo paga a pena o reto porque a xestión universitaria é algo serio e importante e cómpre abordar este temas que agora están enriba da mesa: cal é noso papel, que é a investigación, que é a transferencia, como se xestionan as infraestruturas ou cal é a nosa responsabilidade como xestores públicos”, detalla Fernández Jáuregui.

Cuestións de interese en profundidade

Representantes de máis dunha ducia de universidades, así como de outras institucións públicas e privadas, serán as e os encargados de achegar as súas experiencias ás e aos participantes nas xornadas, que serán inauguradas polo reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato e polo conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de la Xunta de Galicia, Román Rodríguez. A docente do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade e co-directora do Máster en banca, finanzas e seguros da Universidade de Santiago de Compostela, Sara Fernández López, será a encargada o primeiro día de impartir no Centro Social Afundación o relatorio inaugural no que falará sobre As universidades emprendedoras e innovadoras: o futuro unha cuestión de supervivencia, ao que seguirá unha mesa redonda sobre Rendibilidade social da universidade.

O xoves 21 os paneis sobre xestión de recursos, profesionalización, retos na xestión da administración electrónica, infraestruturas e investigación e transferencia, celebraranse de xeito simultáneo na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, Reitoría, edificio Miralles, MTI e Citexvi, respectivamente. O derradeiro día, de volta á sede de Afundación, a xornada comezará cun relatorio sobre As regras de xogo como desafío permanente na transferencia de coñecemento a cargo do docente e investigadora da Área de Innovación Industrial e Excelencia Operacional da Universidade de Vigo, Xosé Henrique Vázquez e continuará cunha mesa redonda sobre Modelo de relación entre o sector público e o sector privado, para rematar cunha conferencia do catedrático de Organización de Empresas da Universitat Politécnica de Catalunya Francesc Solé. O conselleiro de Economía e Facenda da Xunta de Galicia será o encargado de clausurar as xornadas.

“A xerencia, a administración profesional dunha organización complexa como é a universidade, ten moitos requirimentos, e de moi variado tipo”, sinala o xerente da Universidade de Vigo, que considera que o futuro desta actividade pasa por “planificar e desenvolver unha xestión estritamente profesional. Non por non ser unha empresa no senso estrito do termino, non temos por que non ter unha xestión profesional”, explica Fernández Jáuregui, que considera que a xestión de fondos públicos implica unha maior responsabilidade “porque son fondos de todos e iso implica ter claro cal é o compromiso social e cal e o grado de eficiencia que se acada na xestión dos mesmos para obter o máximo beneficio social”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós