DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Xoves, 14 de setembro do 2017

O centro foi o responsable de informar das condicións do mar en múltiples probas

Torallamar consolídase como observatorio de referencia en eventos náuticos celebrados nas Rías Baixas

Levan máis de catro anos ofrecendo medidas en tempo real de datos meteorolóxicos e oceanográficos


ImageO portal de información oceanográfica e meteorolóxica Torallamar, desenvolvido polo Grupo de Oceanografía Física e persoal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, consolidouse este verán como observatorio de referencia para as travesías a nado de longa distancia celebradas nos últimos meses nas Rías Baixas, entre elas, o Desafío Illas Cíes (10 km), a Batalla de Rande (27 km), Arousaman (13 km) ou a Tripe Coroa Illas Atlánticas (28 Km). O centro leva xa máis de catro anos ofrecendo medidas en tempo real das condicións meteorolóxicas e oceanográficas.

Duvi | Vigo
O portal de información oceanográfica e meteorolóxica Torallamar, desenvolvido polo Grupo de Oceanografía Física e persoal do Centro de Investigación Mariña da Universidade de Vigo, consolidouse este verán como observatorio de referencia para as travesías a nado de longa distancia celebradas nos últimos meses nas Rías Baixas, entre elas, o Desafío Illas Cíes (10 km), a Batalla de Rande (27 km), Arousaman (13 km) ou a Tripe Coroa Illas Atlánticas (28 Km).

O centro leva xa máis de catro anos ofrecendo medidas en tempo real das condicións meteorolóxicas (temperatura, vento e humidade relativa) e oceanográficas (temperatura da auga, salinidade, oxíxeno disolto...) na illa de Toralla. Dende o principio puxeron especial énfase na difusión destes datos non só a través da súa web, senón tamén a través das redes sociais, emitindo cada día tres partes (mañá, mediodía e noite). “Isto tivo tamén unha gran acollida entre os usuarios das praias, principalmente a do Vao pola súa proximidade”, explica Jose González, da Unidade de Oceanografía.

Incremento constante de seguidores en redes sociais

En redes sociais o observatorio acadou este verán unha media de 15.000 impresións diarias, máis do dobre das que alcanzaba na mesma época de 2014. “O alcance da información publicada é maior no verán, de feito tivemos días nos que se superaron as 30.000 impresións”, subliña González, ao que engade que, en xeral, o número de seguidores mantense ao longo do ano e incluso segue aumentado, aínda que a menor ritmo, durante os meses de inverno. “Moita xente utiliza a información publicada como referencia do tempo que fai en Vigo, o que fai que os seguidores se manteñan durante todo o ano”, recalcan dende a Unidade de Oceanografía.

A maior parte dos seguidores son de Vigo e a súa comarca (Ponteareas, Redondela, Nigrán, Mos, Cangas, Moaña...), pero tamén é importante o colectivo que consulta a información do observatorio desde diferentes puntos do resto de Galicia, España (sobre todo Andalucía) e de lugares tan distantes como Estados Unidos, Indonesia ou a India.

Ademais dos usuarios das praias, que poden consultar a temperatura da auga en tempo real, pescadores e mergulladores son tamén seguidores habituais de Torallamar, xa que facilítalles información detallada sobre as correntes e o grao de visibilidade da auga, así como deportistas, sobre todo os que practican windsurf ou Kitesurf, xa que é o mellor xeito de coñecer os datos de ventos locais que se rexistran en cada momento.
Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós