DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Inicio
Xoves, 14 de setembro do 2017

A edición deste ano do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil estará dedicada a esta temática

O que o teatro pode achegar á educación infantil, en seis conferencias

Participarán Paula Carballeira, Raquel Castro, Antón Cortizas, Carlos Labraña, Manuel Núñez Singala e Sabela Gago


ImagePor terceiro curso consecutivo, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acollerá en vindeiras datas a celebración do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. A iniciativa, coordinada pola profesora deste centro Isabel Mociño, ten como obxectivo enriquecer a formación dos docentes e futuros docentes en materias específicas para o traballo coa literatura dramática e a representación na etapa da Educación Infantil e Primaria. Nesta edición, o ciclo estará dedicado ao Teatro e as súas potencialidades na Educación Infantil, contando con seis conferencias doutros tantos expertos e expertas nesta temática.

Duvi | Ourense
Por terceiro curso consecutivo, a Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense acollerá en vindeiras datas a celebración do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil. A iniciativa, coordinada pola profesora deste centro Isabel Mociño, ten como obxectivo enriquecer a formación dos docentes e futuros docentes en materias específicas para o traballo coa literatura dramática e a representación na etapa da Educación Infantil e Primaria. Nesta edición, o ciclo estará dedicado ao Teatro e as súas potencialidades na Educación Infantil, contando con seis conferencias doutros tantos expertos e expertas nesta temática.

A cita, que conta coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega e a Xunta de Galicia, quere nesta ocasión afondar “nas estratexias, recursos e ferramentas para achegar o teatro e a dramatización á infancia e adolescencia da man dos propios creadores e creadoras, aspecto fundamental entre futuros docentes de Educación Infantil e Primaria”. Apostando por un formato de coloquio e conversa, o ciclo contará coa participación de profesionais de diferentes eidos co obxectivo de contrastar as súas liñas de creación coa percepción que os usuarios e consumidores teñen da súa produción, segundo explican desde a organización.

Outros dos aspectos nos que se incidirá ao longo do desenvolvemento da programación durante os meses de outubro e novembro serán valorizar tanto as potencialidades do teatro e as súas múltiples dimensións na práctica docente como o papel dos docentes e a escola como dinamizadores, programadores e normalizadores culturais. É importante, apuntan desde a organización da cita, “facer consciente ao alumnado universitario, mediadores e público en xeral da importancia de coñecer e potenciar a literatura” na formación dos rapaces e rapazas.

Do 3 de outubro ao 7 de novembro

Paula Carballeira, escritora, contacontos e actriz, será a encargada de arrancar as conferencias o día 3 de outubro cunha intervención titulada Que facemos co teatro?. Seguiranlle o día 10 a profesora e dramaturga Raquel Castro, que abordará o teatro como "unha ferramenta imprescindible no ensino", e o día 17 o mestre e escritor Antón Cortizas, que falará sobre como “escribir teatro dende o anfiteatro”. Tamén pasarán polo ciclo o dramaturgo Carlos Labraña, que ofrecerá o 24 de outubro unha intervención titulada Teatro para ler, teatro para pensar, e o escritor Manuel Núñez Singala, que falará o día 31 sobre normalización da lingua, identidade e literatura. Pechará esta terceira edición do Ciclo de Literatura Infantil e Xuvenil unha intervención de Sabela Gago, actriz e docente especializada en teatro, que abordará o 7 de novembro a cuestión da Literatura infantil e dramatización.

Todas as conferencias celebraranse ás 18.00 h na Sala Emilia Pardo Bazán da Facultade de Ciencias da Educación, estando abertas á asistencia do alumnado deste centro, dos estudantes do campus de Ourense, de docentes en activo e de público en xeral interesado nesta temática.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós