DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 14 de setembro do 2017

Coa Semana Europea da Mobilidade comeza a implantarse o terceiro plan de acción do Green Campus

54 medidas para facer de Pontevedra un campus máis verde

Do 19 ao 21 de setembro, desenvolveranse diferentes actividades arredor do vial central, pechado ao tráfico


ImageDesde finais de 2015, ondea en Pontevedra a bandeira verde coa que a FEE recoñece o labor de educación e xestión ambiental de campus e facultades. Unha bandeira que é o resultado das múltiples accións desenvolvidas nos últimos anos ao abeiro do proxecto Green Campus, que neste novo curso continúa o seu labor de concienciación coa implantación do seu terceiro plan de acción. 54 medidas, vinculadas a oito obxectivos estratéxicos, integran un documento realizado segundo “criterios pragmáticos e realistas”, como sinala o director da Área de Planificación, Celso Cancela. Entre elas figuran accións como a conmemoración da Semana Europea da Mobilidade, coa que entre o martes 19 e o xoves 21 porase inicio á implantación do documento.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Desde finais de 2015, ondea en Pontevedra a bandeira verde coa que a Foundation for Environmental Education, a través da asociación ADEAC, recoñece o labor de educación e xestión ambiental de campus e facultades. Unha bandeira que é o resultado das múltiples accións desenvolvidas nos últimos anos ao abeiro do proxecto Green Campus, que neste novo curso continúa o seu labor de concienciación da comunidade universitaria coa implantación do seu terceiro plan de acción. 54 medidas, vinculadas a oito obxectivos estratéxicos, integran un documento realizado segundo “criterios pragmáticos e realistas”, como sinala o director da Área de Planificación do campus, Celso Cancela. Entre elas figuran accións como a conmemoración da Semana Europea da Mobilidade, coa que entre o martes 19 e o xoves 21 porase inicio á implantación do documento, coa celebración dunha serie de actividades na contorna do carril central do campus, que permanecerá pechado ao tráfico a vindeira semana.

“O plan de acción é un documento guía para seguir mantendo este selo de calidade”, salienta o vicerreitor Juan Manuel Corbacho dun texto que parte da ecoauditoría coa que arrincou o proxecto que converteu ao campus no primeiro de España con bandeira verde. Coas achegas das diferentes facultades e escolas, o documento propón cada ano novas accións así como o mantemento daquelas que requiren unha continuidade ou que non puideron ser completadas no período previsto. “Trátase de medidas que pretenden involucrar a todos os membros da comunidade universitaria, pero non só a que participen nas actividades, senón tamén a facelos cada vez máis conscientes de que poden contribuír a unha contorna medioambiental máis sostible na súa vida diaria”, engade o vicerreitor.

Propostas lúdicas en lugar de coches

A mellora da mobilidade e accesibilidade é un dos oito obxectivos que guían este plan e no que se encadran accións como a Semana Europea da Mobilidade. Entre luns e venres, pecharase ao tráfico o treito do carril central que comprende do aparcamento situado á dereita de CCSS e da Comunicación e a rotonda situada fronte a CC da Educación e do Deporte, ambos abertos ao tráfico, e entre martes e xoves, en horario de 13.00 a 16.00 horas, desenvolveranse unha serie de actividades que sirven como mostra “do uso que se lle pode dar a un espazo coma este cando non hai coches”, sinala Cancela. Actividades como un circuíto con medios de transporte sostibles como os segway, as Green Bubbles, unha piscina que percorrer dentro dunha burbulla, e a realización dun mural con material de refugallo. Ademais, o xoves terá lugar unha sesión de actividade física ao aire libre e ao longo dos tres días instalaranse uns stands informativos sobre seguridade viaria, voluntariado e ocio nocturno, coa colaboración da Dirección General de Tráfico e das direccións xerais de Xuventude, Participación e Voluntariado e Saúde Pública da Xunta.

Fomento de medios de transporte alternativos

En relación a este obxectivo, no plan de acción contémplanse tamén outra serie de actuacións relativas á mellora de accesibilidade ou ao fomento de modos de transporte alternativos, como a posta en marcha nas próximas semanas dun sistema de préstamo na plataforma Deporxest das bicicletas doadas polo Concello á institución académica. Trala súa aprobación en Consello de Goberno da súa normativa, este sistema de préstamo permitirá a calquera membro da comunidade universitaria facer uso de 14 bicicletas de forma gratuíta, previo depósito dunha fianza de 30 euros.

O gas natural chega a EE Forestal

A optimización do consumo de auga e enerxía e a redución na xeración de residuos son outros dos eixos dun plan de acción que recolle medidas como campañas informativas ou o deseño e construción, na EE Forestal, duns colectores de madeira para e pilas e baterías. Nesta área enmárcase tamén a instalación duns depósitos para a recollida do residuos nos taller de pintuarde Belas Artes, así como continuar coa implantación do gas natural no campus na EE Forestal, completando así, á falta da Escola Infantil, a substitución de gasóleo por un combustible “que ademais dunha menor repercusión no medio ambiente, está a producir aforros substanciais nos centros nos que leva funcionando máis tempo”, apunta Cancela.

No relativo ao correcto tratamento e xestión dos residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), o documento contempla a celebración de tres novas semanas de recollida, a primeira delas este mesmo mes, mentres que no referido á participación, sensibilización e voluntariado ambiental, abrangue accións como a creación dun plano de árbores do campus coa colaboración da EE Forestal, un obradoiro de xabóns artesanais e a organización dunha mostra de arte postal, promovidos pola Facultade de Fisioterapia. Tamén, a posta en marcha do compromiso medioambiental Ecodocentes e Ecoestudantes, que se poderá asinar a través da rede, e a continuidade da bolsa Green Campus, dirixida ao alumnado da EE Forestal.

Nos eixos do plan figuran tamén a biodiversidade, reforestación e axeitamento de zonas verde, así como o fomento da compra verde, o comercio xusto e o consumo responsable. Por último, a relación de obxectivos complétase coa políticas de sustentabilidade, nas que se insire a elaboración dun decálogo de boas prácticas administrativas ou a realización dun estudo sobre sustentabilidade con perspectiva de xénero desde Ciencias da Educación e do Deporte.

Un 70% de execución do anterior plan

Este terceiro plan de acción foi aprobado, a finais de xullo, nunha xuntanza do Comité Ambiental, na que Cancela deu conta do informe do plan desenvolvido no curso 2016/2017, no que se acadou un grao de execución de preto do 70% das accións previstas, así como dos resultados da enquisa Concienciación ambiental e Green Campus. Ademais de acadar unha maior participación con respecto á realizada en 2015, a enquisa realizada a travé sda rede permitiu constatar tamén “un maior grao do programa e das accións vinculadas ao mesmo”, como construción do carril-bici ou as semanas de recollida de RAEE.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós