DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 18 de setembro do 2017

O proxecto Dockside, coordinado pola Université de Nantes, colabora coas institucións do país asiático

Vigo asesorará as universidades de Cambodja na posta en marcha de programas de doutoramento do eido mariño

Unha delegación de reitores e investigadores visita esta semana o campus


ImageA experiencia da Universidade de Vigo no eido mariño, tanto dende o punto de vista científico como de xestión económica e xurídica, servirá como guía para a posta en marcha de programas de doutoramento en Cambodja que conduzan a mellorar a calidade e relevancia da educación superior deste país. Esta colaboración enmárcase no proxecto Dockside, que coordina a Université de Nantes, e do que forman parte as universidades de Vigo e Syddansk (Dinamarca) e, por parte de Cambodja, o Ministerio de Educación, Xuventude e Deportes, a Universidade Nacional de Administración, a Real Universidade de Dereito e Economía, a Real Universidade de Agricultura e a Universidade de Battambang. O proxecto arrancou en outubro de 2016 e estenderase ata 2019 e, tras varias xuntanzas no país asiático, esta semana unha delegación cambodjana visita o campus de Vigo.

M. Del Río | Vigo
A experiencia da Universidade de Vigo no eido mariño, tanto dende o punto de vista científico como de xestión económica e xurídica, servirá como guía para a posta en marcha de programas de doutoramento en Cambodja que conduzan a mellorar a calidade e relevancia da educación superior deste país. Esta colaboración enmárcase no proxecto Dockside, que coordina a Université de Nantes, e do que forman parte as universidades de Vigo e Syddansk (Dinamarca) e, por parte de Cambodja, o Ministerio de Educación, Xuventude e Deportes, a Universidade Nacional de Administración, a Real Universidade de Dereito e Economía, a Real Universidade de Agricultura e a Universidade de Battambang.

Este iniciativa céntrase na reforma dos estudos de posgrao e doutoramento relacionados coa xestión do mar e os recursos mariños do país asiático e conta co financiado do programa Erasmus+. O proxecto arrancou en outubro de 2016 e estenderase ata 2019 e, tras varias xuntanzas no país asiático, esta semana unha delegación cambodjana visita o campus de Vigo. Nesta primeira xornada na Universidade foron recibidos polo reitor, Salustiano Mato, e mantiveron varias xuntanzas con docentes e investigadores, encabezados polos catedráticos Manuel Varela, da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e Jaime Cabeza, da Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo. Ambos explican que se trata de que as universidades europeas apoien aos socios cambodjanos organizando a formación e o intercambio de boas prácticas para fortalecer a capacidade de investigación e a calidade dos programas de doutoramento. “Nós podemos achegar a nosa experiencia tanto a nivel tecnolóxico como a nivel organizativo en estudos de posgrao" relacionados coa economía, a xestión, o medio ambiente e a pesca, entre eles o programa de doutoramento Do*Mar, explica Cabeza.

A estreita relación de Cambodja co mar

O interese do goberno cambodjano por renovar os estudos de posgrao do eido mariño é consecuencia do peso deste sector na economía pero tamén da exposición do país aos efectos do cambio climático. De feito, a Net Vulnerability Resilience Index declarou a Cambodja como o cuarto estado máis vulnerable ao cambio climático de entre 95 estados e estímase que para 2030 as escorrentías en toda a conca do Mekong aumentarán nun 21%. No referente á compoñente económica, o comercio marítimo e as infraestruturas portuarias son factores clave para a competitividade económica do país, pero o esgotamento dos recursos naturais, a vulnerabilidade das pesqueiras, a seguridade alimentaria, a xestión de recursos hídricos, o transporte marítimo e intermodal e a eficiencia portuaria son cuestións centrais que requiren dunha rede investigación multidisciplinar e dunha renovada oferta de programas de doutoramento.

É neste contexto no que xorde a colaboración coas universidades europeas de Nantes, Vigo e Syddansk, as tres especialmente relacionadas co mar. Manuel Varela lembra que Cambodja, “tras o período colonial francés está inmersa nun profundo proceso de transformación, que inclúe ás universidades, pero teñen carencias en canto a profesorado e persoal formado a nivel de doutoramento”, e é nese eido no que buscan asesoramento das universidades europeas. No caso de Vigo, achegarase a experiencia do programa de doutoramento en Ciencias mariñas, tecnoloxía e xestión Do*Mar, que coordina Manuel Varela, e outros relacionados co eido xurídico ou económico, por exemplo o programa de doutoramento en Ordenación Xurídica do Mercado. Pero o catedrático Cabeza destaca tamén que Vigo ten “unha bagaxe tecnolóxica que nos permite asesoralos en investimentos e en organización”. En esencia, resume, búscase concluír este proxecto creando unha rede de contactos e de relacións recíprocas entre as universidades.

Para iso, na xornada deste luns a delegación cambodjana comezou por coñecer os grupos de investigación vigueses relacionados co eido mariño e ao longo da semana reuniranse con representantes do Campus do Mar e de Uvigo TV e visitarán o Porto de Vigo, Arvi, o Porto de Vilagarcía, cooperativas de mariscadoras, o Centro de Investigacións Mariñas, etc., xa que como destaca Varela “están tamén moi interesados en coñecer como se relaciona a Universidade con stakeholders, coa contorna e coa sociedade”.

Escolas de verán e programas de intercambio

Para crear unha rede estable de colaboración, os socios deste proxecto apostaron por organizar anualmente un workshop e un curso de verán en Cambodja, así como programas de intercambio tanto de docentes e investigadores como de estudantes. De feito, dende outubro e ata decembro dúas estudantes da Universidade de Vigo realizarán unha estancia no país asiático. Tamén no mes de outubro, engade Cabeza, “terá lugar o primeiro workshop en Cambodja, no que van participar dúas profesoras da Universidade de Vigo e Elsa Vázquez, como representante do Campus do Mar”.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós