DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 18 de setembro do 2017

Para persoas estranxeiras organízase un curso de extensión cultural de carácter presencial

A Área de Normalización Lingüística aposta pola docencia en liña para o primeiro cuadrimestre

A matrícula está aberta ata este venres 22 de setembro


ImagePara favorecer a participación e axudar a que a comunidade universitaria perfeccione e actualice os seus coñecementos en lingua galega, a Área de Normalización Lingüística aposta pola formación virtual para o primeiro cuadrimestre do curso 2017-2018. En total ofértanse seis cursos, cinco deles en modalidade virtual e un máis presencial destinado a estudantes estranxeiros de intercambio, para que coñezan a cultura, a lingua e a historia de Galicia. Os cursos virtuais comprenden tanto contidos específicos do eido da investigación ou da administración como outros de reciclaxe e actualización de coñecementos.

Duvi | Vigo
Para favorecer a participación e axudar a que a comunidade universitaria perfeccione e actualice os seus coñecementos en lingua galega, a Área de Normalización Lingüística aposta pola formación virtual para o primeiro cuadrimestre do curso 2017-2018. En total ofértanse seis cursos, cinco deles en modalidade virtual e un máis presencial destinado a estudantes estranxeiros de intercambio, para que coñezan a cultura, a lingua e a historia de Galicia.

Os cursos virtuais comprenden tanto contidos específicos do eido da investigación ou da administración como outros de reciclaxe e actualización de coñecementos. Por unha banda, impartirase un curso de redacción de traballos académicos e de investigación, de 20 horas de duración entre o 2 ao 27 de outubro, destinado a axudar á comunidade universitaria a realizar en galego traballos fin de grao, de mestrado, teses de doutoramento, etc. e co que poderán mellorar a súa expresión escrita e afondar no coñecemento das ferramentas para organizar un documento. Por outro lado, ofértase un curso de redacción de documentos administrativos, tamén de 20 horas e nas mesmas datas, que está pensado para persoas interesadas en coñecer unha guía rápida para redactar este tipo de documentos en galego de xeito correcto.

Outro dos obradoiros ten como obxectivo actualizar os coñecementos dos participantes, achegándose a cambios normativos, modificacións, etc. respecto da lingua galega. Este terá unha duración de 40 horas e impartirase do 2 de novembro ao 1 de decembro. Un cuarto curso centrarase en mellorar a escrita en galego na contorna dixital, especialmente en internet, a través de 25 horas de docencia entre o 2 ao 27 de outubro Finalmente, a ANL tamén organiza un curso para mellorar a redacción e expresarse con claridade, que terá 15 horas de duración, que arrancará o 13 de novembro ata o 1 de decembro.

Curso de extensión cultural para persoas estranxeiras

Xunto coa oferta de docencia en liña, a ANL volve apostar un ano máis por dar a coñecer a lingua e a cultura galega a persoas estranxeiras. Este curso será o único que teña carácter presencial, con 75 horas de duración que se impartirán do 19 de setembro ao 14 de decembro nos tres campus, se se acada a cifra mínima de matrícula. O alumnado poderá achegarse á realidade social, cultural, artística, histórica e lingüística de Galicia a través de todo tipo de actividades, ademais da puramente docente. Por exemplo, o curso comprende visitas culturais a Tui, o castro de Santa Tegra e Baiona, outra ao mosteiro de Carboeiro e a fervenza do río Toxa e unha terceira ao mosteiro de Oseira, Ribadavia e o castelo de Sobroso. O alumnado coñecerá as tradición do entroido ou dos maios, os curros, as mostras máis representativas da literatura, a música, a gastronomía ou da arquitectura, mentres aprenden vocabulario, gramática ou ortografía.

O prazo de matrícula para todos estes cursos estará aberto ata o 22 de setembro e os cursos serán de balde para comunidade universitaria e o alumnado de intercambio, e terán un prezo de 40 para persoas alleas á Universidade de Vigo.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós