DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 19 de setembro do 2017

É profesora honoraria da Facultade de Filoloxía e Tradución dende 2008

Visita o campus Christiane Nord, máxima representante do funcionalismo tradutolóxico alemán

A súa intervención encheu de estudantes e docentes o salón de actos do centro


ImageConta con máis de 230 publicacións e case 20 monografías sobre teoría, metodoloxía e didáctica da tradución, moitas delas traducidas ao árabe, castelán, chinés, coreano, francés, inglés… o que da fe da súa importancia a nivel mundial. Esta semana visitou o campus a catedrática Christiane Nord, considerada a máxima representante do Funcionalismo tradutolóxico alemán, para impartir dúas conferencias na Facultade de Filoloxía e Tradución. “Este tipo de visitas non son habituais e para nós é toda unha honra que poidades escoitar de viva voz as explicacións dun personaxe da súa talla”, explicou o decano, Luis Alonso Bacigalupe.

D. Besadío | Vigo
Conta con máis de 230 publicacións e case 20 monografías sobre teoría, metodoloxía e didáctica da tradución, moitas delas traducidas ao árabe, castelán, chinés, coreano, francés, inglés… o que da fe da súa importancia a nivel mundial. Esta semana visitou o campus a catedrática Christiane Nord, considerada a máxima representante do Funcionalismo tradutolóxico alemán - punto de partida tanto para a didáctica como para a práctica profesional da tradución- para impartir dúas conferencias na Facultade de Filoloxía e Tradución, da que é profesora honoraria dende 2008. “Este tipo de visitas non son habituais e para nós é toda unha honra que poidades escoitar de viva voz as explicacións dun personaxe da súa talla”, explicou o decano, Luis Alonso Bacigalupe, especialmente satisfeito de ver repleto o salón de actos do centro.

Nord, para quen esta non é a súa primeira visita a Vigo, chegou ao campus convidada polas investigadoras de Bitraga (integradas agora no Grupo de Investigación en Estudos Literarios e Culturais, Tradución e Interpretación BiFeGa), con quen leva anos colaborando, e coa colaboración da Vicerreitoría de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais e a I Cátedra Internacional José Saramago. “Christiane Nord foi docente en varias facultades de tradución e interpretación alemás e en universidades austríacas (Viena e Innsbruck). Ademais foi profesora visitante en universidades europeas doutros espazos culturais, así como en América, Asia, África e no Próximo Oriente”, explicou durante a presentación a profesora Silvia Montero Küpper, integrante de Bitraga, que fixo tamén fincapé en que a autora non só é teórica da tradución, senón tamén tradutora do inglés e do español, destacando, entre outras, a súa tradución, en colaboración co teólogo Klaus Berger, dunha nova tradución ao alemán do Novo Testamento e os textos apócrifos paleocristiáns.

Un modelo que axuda a profesionais e aprendices

Ao longo de dous relatorios, un onte luns e outro hoxe martes, Nord, que este ano cumpre as súas vodas de ouro na docencia universitaria, tivo a oportunidade de explicarlle ao alumnado os aspectos básicos da súa Teoría do Funcionalismo tradulóxico, un enfoque que constitúe o punto de partida tanto para a didáctica como para a práctica profesional da tradución con calquera tipo de texto, un modelo que, segundo explicou, “pode aplicarse tanto á formación de quen traduce como ao exercicio da tradución no ámbito profesional” e que se apoia “en catro funcións básicas, cunha serie de subfuncións cada unha, que poden servir para sistematizar o traballo tanto na clase de tradución como na práctica profesional”..

Nord remarcou tamén a importancia de que os manuais universitarios cumpran tres funcións: unha fática, porque están pensados para establecer unha relación positiva entre o autor e os lectores; unha referencial, que ofrece ao lector unha nova explicación engadida ao argumento ou hipótese, e unha apelativa, que consiste en ilustrar un principio ou unha afirmación recordando ao lector algo que xa coñece para facilitar a compresión. “Isto significa que os exemplos funcionan mellor si se refiren a un obxecto coñecido”, recalcou a autora, que foi ilustrando esta hipótese con diferentes exemplos.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós