DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 22 de setembro do 2017

Nun acto celebrado na Morgan Library, o reitor recibiu o manuscrito que contén a obra de Martin Codax

800 anos e máis de 5300 quilómetros despois, o Pergamiño Vindel inicia o seu retorno a Vigo

“Estamos moi contentos de compartir este tesouro coa Universidade”, asegurou o director da Morgan, Colin Bailey


ImageO versos das cantigas de Martin Codax resoaron este venres sala North Parlor da Morgan Library&Museum de Nova York no transcurso da cerimonia na que a institución propietaria do Pergamiño Vindel, que contén a obra poética do trobador galego, entregou temporalmente “un dos seus tesouros”, como recoñeceu o seu director Colin B.Baley, á Universidade de Vigo. A institución académica comezou hai dous anos un proceso de negociación coa Morgan Library co obxectivo de acadar o retorno a Vigo do pergamiño que contén as sete cantigas, seis delas con notación musical, do trobador Martin Codax, co obxectivo de mostralo publicamente na contorna onde foi concibido no século XIII. “Grazas, dicimos en galego. Grazas á Morgan por facer súa a nosa petición e confiarlle a esta universidade un dos seus tesouros máis prezados", dixo Salustiano Mato na súa intervención na Morgan.

Mª del Carmen Echevarría e D. Besadío | Vigo
O versos das cantigas de Martin Codax resoaron este venres sala North Parlor da Morgan Library&Museum de Nova York no transcurso da cerimonia na que a institución propietaria do Pergamiño Vindel, que contén a obra poética do trobador galego, entregou temporalmente “un dos seus tesouros”, como recoñeceu o seu director Colin B.Baley, á Universidade de Vigo. A institución académica comezou hai dous anos un proceso de negociación coa Morgan Library co obxectivo de acadar o retorno a Vigo do pergamiño que contén as sete cantigas, seis delas con notación musical, do trobador Martin Codax, co obxectivo de mostralo publicamente na contorna onde foi concibido no século XIII. “Grazas, dicimos en galego. Grazas á Morgan por facer súa a nosa petición e confiarlle a esta universidade un dos seus tesouros máis prezados. Non defraudaremos esa confianza desde a responsabilidade que se nos esixe ás universidades como creadoras, depositarias e transmisoras de coñecemento”, dixo o reitor na súa intervención, na que fixo seus os sentimentos de emoción, alegría e paixón, que hai oito séculos axitaban o corazón da protagonista das cantigas de Codax.

No acto celebrado, este mediodía na Morgan, e ao que asistiu unha destacada representación do corpo diplomático, encabezada polos cónsules en Nova York de España, Rafael Conde de Saro e Portugal, Manuela Bairos, así como de institucións culturais e académicas da cidade, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodriguez, aludiu ao Vindel como “o berce do noso idioma” e agradeceu “a xenerosidade e amplitude de miras” dos propietarios do manuscrito durante o proceso de negociación. Pola súa banda, Roger Wieck, xefe do departamento e comisario de manuscritos medievais e do Renacemento da Morgan, relatou no seu discurso as peripecias vividas polo Pergamiño Vindel, desaparecido durante séculos, ata ser atopado en 1914 por Pedro Vindel e adquirido por varios propietarios ata chegar á Morgan en 1977. “Na sala de lectura da Morgan os eruditos puideron estudar o manuscrito por primeira vez. Co seu acceso público, a súa fama non fixo senón medrar”, destacou Wieck, que recoñeceu, que o manuscrito que contén a obra de Codax, atrae máis atención que ningún outro.

Un soño feito realidade

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, que foi o encargado de pechar a cerimonia de entrega temporal do Pergamiño, comezou a súa intervención destacando que a Morgan fixo un soño realidade ao permitir “que as cantigas medievais de Martin Codax regresen ao seu lugar de orixe de onde nunca deberon saír”. Tras agradecer o préstamo, Mato invitou ás e aos presentes a acompañalo nunha viaxe que comezou hai 800 anos, no século XIII, cando o trobador galego escribiu e musicou “unha obra cargada de sensualidade e referencias a ritos pagáns, que é unha das pedras angulares da lingua propia de Galicia”. Na súa intervención, o reitor da Universidade de Vigo fixo seus algúns dos sentimentos que expresa a moza protagonista das cantigas, que desexa reencontrase co seu amado. “En primeiro lugar a emoción, contida, pero créanme desbordante, que como reitor e galego para min supón, grazas á xenerosidade de Colin B.Balely e ou seu equipo, que se poda amosar o pergamiño fóra da institución á que pertence”, dixo Mato, que non agochou a súa alegría polo regreso a Galicia da obra de Codax, ao tempo que agradeceu a paixón das persoas que durante dous anos traballaron para facer posible o retorno do Pergamiño a Vigo.

Nunha intervención en galego, inglés e español, o reitor, parafraseou a Codax facendo seu o verso “Treides comig’ a lo mar de Vigo […]” (“Vén comigo ao mar en Vigo […]” ) para invitar aos asistentes á cerimonia a visitar e descubrir “a cidade, o mar e o país no que hai oito séculos comezou unha viaxe, que 800 anos e máis de 5300 quilómetros despois situounos en Nova York. Por facelo posible, en nome de Vigo e Galicia, moitas grazas”, dixo o reitor.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, que se referiu ao de hoxe como un acto “esencial para a miña comunidade, Galicia”, asegurou que as cantigas de Codax “fixaron dun xeito definitivo o nacemento dun novo idioma culto, capaz de crear unha experiencia literaria anovadora e con afán de perdurar”. Rodríguez, que agradeceu a xenerosidade e amplitude de miras da Morgan e “a sensibilidade e capacidade para levar a bo porto a negociación” da Universidade de Vigo, comprometeu o esforzo da Xunta “para que o proxecto expositivo, de exploración das nosas orixes literarias e musicais, sexa un fito para Vigo, para Galicia e tamén para a Morgan Library”.

Os responsables da Morgan, “encantados” co regreso do Pergamiño ao seu lugar de orixe


“Encantado” de poder auspiciar este evento, o director da Morgan Library and Museum, Colin B. Bailey, non dubidou en referirse ao pergamiño coma un dos “tesouros” da biblioteca, unha particular xoia na que a música xoga un papel especial, non en van “é un dos dous únicos manuscritos orixinais de Cantigas con notación musical que sobrevive desde o século XIII”, lembrou Bailey, ao tempo que amosou a súa satisfacción por poder “compartilo coa Universidade de Vigo e o Museo do Mar de Galicia e, de feito, con toda España e Portugal”.

Xunto a Colin B. Bailey na cerimonia de entrega contouse tamén coa participación de Roger Wieck, xefe de departamento e comisario de manuscritos medievais e renacentistas na Morgan, que foi o encargado de explicar como este tesouro bibliográfico descuberto a principios do século XX polo madrileño Pedro Vindel, “sacudindo ao mundo medieval, ao mundo da música e ao mundo da poesía” chegou á biblioteca Morgan, un centro que, tal e como explicou, posúe preto de 1300 manuscritos medievais e do renacemento vidos de todas as partes do mundo. “Cando a petición do Pergamiño Vindel chegou a nós dende Vigo tocou os nosos corazóns porque pensamos que sería moi especial poder prestar este manuscrito único ao lugar onde todo se orixinou”, recalcou Wieck, que admitiu sentirse “conmovido” o reler a poesía e decatarse de que “Vigo se mencionaba en seis dos sete poemas”.

No seu relato de como chegou á Morgan este tesouro, Wieck explicou como o pergamiño foi comprado en 1918 por un diplomático español en Suecia que o arquivou como parte da súa colección e, tras o seu falecemento, a colección permaneceu secreta ata 1960, data na que foi adquirida por “Albi Rosenthal, un vendedor de libros moi famoso, que tratou de venderllo á Morgan en 1970, pero nese momento o centro non amosou interese”, explicou o experto, ao que engadiu que non foi ata 1977 que grazas a Rigbie Turner “quen nese momento era o noso curador de música” se recoñeceu o valor do manuscrito e se procedeu a adquirilo. Foi entón cando, “centos de anos despois da súa creación”, volveu estar dispoñible ao público. Nese momento en Estados Unidos e, en apenas uns días, de novo, na beira do mar de Vigo.

O luns, rumbo a Vigo

Trala cerimonia celebrada este venres, o Pergamiño Vindel, segundo confirmou o director da Morgan, Coling B. Baley será convenientemente preparado para o luns partir cara a Vigo, onde, desde o 10 de outubro e ata o mes de marzo de 2018, será a peza central da exposición Un tesouro en sete cantigas, que se desenvolverá no Museo do Mar de Galicia. A mostra, promovida pola Xunta de Galicia, e que será inaugurada polo Rei emérito, Don Juan Carlos I, inclúe preto de cincuenta pezas de entre os séculos XII ao XV, que se distribúen en sete partes, unha por cada cantiga, abordando temas que van da espiritualidade, á cultura, os símbolos de poder temporal, o espazo íntimo, o amor ou o pensamento sagrado e profano.

A celebración do simposio internacional E irei, madr´a Vigo, organizado polo Departamento de Filoloxía Galega e Latina da Universidade de Vigo, que tamén se encargará da tradución das cantigas de Codax a unha cincuentena de idiomas do mundo, como armenio, náhuatl, xaponés, árabe, totonaco, nasa-yawa, bengalí ou swahili entre outros, forman parte do programa de actividades paralelas co gallo do retorno do Pergamiño a Vigo, entre as que tamén se incluirán concertos, relatorios ou actividades de divulgación.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós