DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 05 de outubro do 2017

A Facultade de Dereito acolleu este xoves o segundo curso profesionalizante da revista 'Redas'

A auga, fonte de ingresos tributarios para as diferentes administracións

No marco do proxecto de especialización do campus de Ourense


ImageA auga é fonte de vida pero tamén fonte de ingresos económicos para as diferentes administracións públicas. Co obxectivo de afondar concretamente no réxime tributario arredor deste recurso natural, a Facultade de Dereito acolleu este xoves o curso Dereito Tributario, Auga e Sustentabilidade, organizado pola Revista de Agua, Derecho y Sostenibilidad-Redas, a primeira publicación xurídica española especializada en auga e medio ambiente e nada no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. Ao longo da sesión, técnicos e expertos de diferentes entidades debateron o marco tributario actual no referido á xestión da auga.

Rosa Tedín | Ourense
A auga é fonte de vida pero tamén fonte de ingresos económicos para as diferentes administracións públicas. Co obxectivo de afondar concretamente no réxime tributario arredor deste recurso natural, a Facultade de Dereito acolleu este xoves o curso Dereito Tributario, Auga e Sustentabilidade, organizado pola Revista de Agua, Derecho y Sostenibilidad-Redas, a primeira publicación xurídica española especializada en auga e medio ambiente e nada no marco do proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga. Ao longo da sesión, técnicos e expertos de diferentes entidades debateron o marco tributario actual no referido á xestión da auga nas súas diferentes fases, desde a súa recollida ao seu uso.

A cita, explicou Roberto O. Bustillo, director de Redas, nace no marco desta revista electrónica xestionada desde a Facultade de Dereito ourensá e que pretende ser non só unha publicación senón un foro para o intercambio de experiencias e coñecemento xurídicos e de xestión entre profesionais especializados en recursos hídricos, medio ambiente e desenvolvemento sustentable. Durante a súa intervención, Bustillo salientou como cando hai tres anos un grupo de docentes do centro decidiron pór en marcha esta revista, un dos compromisos adquiridos foi “crear de forma periódica actividades formativas con carácter profesionalizante, destinadas a profesionais do mundo do dereito ou técnicos tanto do sector público coma privado”.

Nesta liña de acción, apuntou Roberto O. Bustillo, enmárcase a actividade que este xoves acolleu o campus de Ourense. Se na edición celebrada o pasado ano esta acción estivo centrada no papel do dereito administrativo no eido da auga e a sustentabilidade, nesta ocasión a abordaxe realizouse desde o punto de vista do dereito tributario. A iniciativa, recalcou pola súa banda Marta Fernández, decana da Facultade de Dereito, forma parte das “actividades de transferencia de coñecemento, unha das funcións encomendadas á Universidade” e “permite ao noso centro involucrarse unha vez máis no proxecto de especialización do campus de Ourense como Campus da Auga”.

Elemento esencial na economía

O curso tivo como director a Roberto Ignacio Fernández, profesor da Universidade de Vigo, e como coordinador a Iván Quintana, da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, patrocinadora da actividade. Segundo explicou Roberto Ignacio Fernández, a formación naceu tendo “como base e fundamento o estudo do papel que desempeña a auga desde o punto de vista dos ingresos que reporta ás diferentes administracións públicas con competencias neste tema”. Trátabase, apuntou, de analizar as competencias das diferentes administracións, estatal, autonómica e local, en materia tributaria á hora de obter ingresos de todo o ciclo da auga, desde a súa captación, subministro e depuración ata os vertidos e os diferentes usos dela. A auga, subliñou pola súa banda Iván Quintana, constitúe un elemento “esencial para a vida pero tamén para a economía” polo que destacou a pertinencia de abordar esta cuestión desde o punto de vista do dereito tributario.

A sesión comezou cunha intervención sobre a perspectiva tributaria do dominio público hidráulico a cargo de Manuel González, secretario xeral da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, e outra sobre os tributos autonómicos vinculados á xestión da auga, impartida por Juan Carlos Chantrero, técnico de Xestión Tributaria de Augas de Galicia. Durante a súa intervención, Manuel González afondou no concepto de dominio público hidráulico e máis concretamente no labor tributario da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, salientando como a maior parte dos ingresos propios desta entidade proceden das taxas, recollidas na Lei de Augas. A potestade tributaria da administración municipal en materia de augas, coa participación de Javier Freire, xefe do Servizo de Facenda do Concello de Ourense, e as tarifas dos servizos públicos locais, coa intervención de Javier Puertas, director xurídico Centro-Norte do Grupo Suez-Viaqua, foron os outros temas que se abordaron ao longo do curso.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós