DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Xoves, 05 de outubro do 2017

Vigo é unha das universidades participantes en ‘Lapassion’, iniciativa coordinada polo Politécnico do Porto

O Campus CREA S2i internacionalízase cun proxecto que conecta 15 institucións europeas e americanas

Financiado cun millón de euros no programa Erasmus+, promove a mobilidade de docentes e estudantes


ImageA Universidade de Vigo é unha das 15 institucións de Europa e América Latina que forman parte do proxecto europeo Lapassion, que coordina o Instituto Politécnico do Porto e que busca identificar e promover, a ambos lados do Atlántico, boas prácticas docentes vinculadas con proxectos multidisciplinares e de colaboración desenvolvidos polo alumnado nos eidos da creatividade e da innovación social. Dúas liñas de traballo que constitúen o “corazón conceptual” do proxecto de especialización CREA S2i e que motivan que o campus pontevedrés participe de maneira significativa neste proxecto financiado con preto dun millón de euros polo programa europeo Erasmus +. Ao longo dos próximos tres anos, Lapassion promoverá a mobilidade de docentes, que contribuirán á formar a investigadores da América Latina nestes eidos, así como estadías de estudantes nas once institucións americanas participantes.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
A Universidade de Vigo é unha das 15 institucións de Europa e América Latina que forman parte do proxecto europeo Lapassion (Latin-America Practices and Soft Skills for and Innovation Oriented Network), que coordina o Instituto Politécnico do Porto e que busca identificar e promover, a ambos lados do Atlántico, boas prácticas docentes vinculadas con proxectos multidisciplinares e de colaboración desenvolvidos polo alumnado nos eidos da creatividade e da innovación social. Dúas liñas de traballo que constitúen o “corazón conceptual” do proxecto de especialización CREA S2i e que motivan que o campus pontevedrés participe de maneira significativa neste proxecto financiado con preto dun millón de euros polo programa europeo Erasmus +. Ao longo dos próximos tres anos, Lapassion promoverá a mobilidade de docentes, que contribuirán á formar a investigadores da América Latina nestes eidos, así como estadías de estudantes nas once institucións americanas participantes, co propósito de desenvolver proxectos multidisciplinares.

O reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, o vicerreitor do campus, Juan Manuel Corbacho, e o coordinador de Lapassion e vicerreitor do IPP, Carlos Ramos, presentaron este xoves en rolda de prensa na Casa das Campás un proxecto que, como apuntou o reitor, outorgará ao Campus CREA S2i “unha visibilidade a nivel internacional” e unha "enorme posibilidade de captar alumnado” de posgrao. “Estamos moi contento porque estase demostrando que a especialización está dando resultados e que o Campus CREA S2i é unha realidade que se vai consolidando día a día”, engadiu Mato dunha iniciativa na que Vigo participa cos investigadores da Facultade de Belas Artes Lola Dopico, Ignacio Barcia e Fernando Súarez; co profesor de Ciencias Sociais e da Comunicación Oswaldo García, cos docentes da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte Antonia Blanco e Carlos Valcárcel e cos investigadores da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación Antonio Pena e Soledad Torres.

Lapassion é un proxecto de carácter académico que ten como principal obxectivo a creación dunha rede internacional de laboratorios de creatividade e innovación social”, engadiu Mato dunha iniciativa que, como explicou o seu coordinador, foi seleccionada na categoría de proxectos de capacity building para a colaboración con América Latina do programa Erasmus+, na que a taxa de aceptación foi do 18%. “É un proxecto que está a gañar moito interese no Brasil”, engadiu Ramos, quen salientou que as necesidades de formación do profesorado das institucións americanas para programas de doutoramento, “abre un mercado moi interesante para a Universidade de Vigo”.

15 socios de seis países

Coordinado polo Politécnico do Porto, Lapassion suma tamén a outras dúas universidades socias da CRUSOE (Conferencia de Reitores das Universidades do Suroeste de Europa), como son Vigo e Salamanca, xunto coa finesa Universidade Politécnica de Tampere. Do lado americano, integran esta iniciativa catro institutos federais do Brasil, os de Triángulo Mineiro, Goiás, Maranhão e Amazonas, xunto co Consello Federal de Reitores; ás que hai que engadir a Universidad de la República e a Universidad Tecnológica de Uruguai, a Universidad Pontificia y Católica de Chile e a tamén chilena Fundación Instituto Profesional Duoc. Así mesmo, tamén forma parte do proxecto a Asociación Empresarial de Portugal, xa que, como explicou Ramos, un dos propósitos do proxectos é que algúns dos “algúns dos seus desafíos sexan lanzados por empresas que teñen intereses nas áreas creativa e tecnolóxica”.

Mobilidade e traballo multidisciplinar de docentes e alumnados

Como explicou Corbacho, un dos obxectivos deste proxecto é “dotar de competencias” ao profesorado dos títulos de posgrao para adaptalos “ás esixencias de multidisciplinariedade que esixe Boloña”, fundamentalmente nas áreas da creatividade e da innovación social. De aí que unha das mobilidades previstas sexa a de profesorado e persoal técnico que achegarán a América Latina algunhas das boas prácticas de proxectos creativos e de ámbito social de carácter multidisciplinar identificadas polos socios europeos.

A segunda liña de mobilidade abrangue ao alumnado das 15 institucións, que realizarán estadías de dez semanas nas universidades e institutos americanos, onde deberán desenvolver unha serie de proxectos, partindo dos “desafíos” formulados polos organizadores e das metodoloxías deseñadas polo profesorado participante. “Interésanos que os grupos de alumnos sexan multidisciplinares”, apuntou Ramos, que explicou tamén que Lapassion engloba catro tipos de eventos, as reunións de xestión, para a coordinación do evento; as reunións de formación de profesorado en América, o desenvolvemento de proxectos por parte do alumnado e as reunións de control de calidade dos mesmos.

O representante do IPP anunciou así mesmo que, tralo lanzamento do proxecto no Brasil, en novembro, a Universidade de Vigo será a encargada de acoller a primeira reunión de xestión de Lapassion en Europa, na que participarán os coordinadores e coordinadoras nas 15 institucións.

O programa de doutoramento do Campus CREA S2i completa matrícula

Como un “fito histórico que supón o primeiro chanzo na internacionalización e na apertura a outros mercados” do Campus CREA S2i definiu Corbacho a participación neste proxecto Erasmus+, que coincide no tempo coa posta en marcha do programa de doutoramento Creatividade e innovación social e sustentable, que como anunciou neste acto, vén de pechar a súa matrícula, aberta a un máximo de 20 prazas. “Temos listaxe de espera, o que demostra que estamos indo na dirección correcta”, salientou o vicerreitor.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós