DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 09 de outubro do 2017

Cunha nova edición de Debut, a última que reunirá traballos de todos os cursos do título propio

O alumnado de Esdemga converterá o Pazo da Cultura nunha pasarela o 23 de novembro

A titulación abriu o prazo de inscrición para as persoas interesadas en colaborar como modelos


ImageComo un xeito de promover a conexión do alumnado co mundo profesional naceu hai once anos Debut, a pasarela na que os novos titulados e tituladas en Esdemga presentan as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos. O 23 de novembro, esta titulación de Belas Artes converterá de novo o Pazo da Cultura nunha pasarela, na que, por última vez, amosaranse os traballos realizados nos tres cursos do título propio, dada á implantación do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Co propósito de reunir a aqueles e aquelas que exhibirán os deseños do alumnado, Esdemga abriu a inscrición para colaborar como modelos nesta pasarela.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Como un xeito de promover a conexión do alumnado co mundo profesional naceu hai once anos Debut, a pasarela na que os novos titulados e tituladas nos Estudos Superiores de Deseño Téxtil e Moda de Galiza (Esdemga) presentan as coleccións que constitúen os seus proxectos de fin de estudos. O 23 de novembro, esta titulación da Facultade de Belas Artes converterá de novo o Pazo da Cultura nunha pasarela, na que, por última vez, amosaranse os traballos realizados nos tres cursos deste título propio, dada á implantación no presente curso do mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda. Co propósito de reunir a aqueles e aquelas que exhibirán os deseños do alumnado, Esdemga abriu a inscrición para as persoas que queiran colaborar como modelos nesta pasarela.

Segundo explica a directora de Esdemga, Lola Dopico, non será ata finais deste mes cando o alumnado defenda diante do tribunal interno os seus proxectos de fin de estudos, e polo tanto “non podemos saber o número exacto de persoas que precisaremos, aínda que dificilmente serán menos de 60 modelos”. Aqueles mozos e mozas interesados en vivir en primeira persoa a experiencia de participar nun desfile de moda, poden poñerse en contacto coa dirección de titulación no correo Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver e achegarse polo despacho de Esdemga. “Poden escribirnos e pechamos con eles un momento para tomarlles as medidas, facerlles unha foto e unha ficha cos seus datos”, explica Dopico dun proceso que rematará, unha vez definidas as coleccións participantes, coa selección dunha serie de grupos de modelos en función das necesidades de cada colección, “xa que ao non ser un desfile no que todo é estándar, precísanse diferentes perfís para facer logo grupos homoxéneos”. Como engade a directora de Esdemga, para participar nesta iniciativa non é precisa experiencia media no mundo da moda, “simplemente que che apeteza participar”. Tralo desfile, Esdemga fará entrega a cada participante dunha memoria usb coas fotos de Debut como agradecemento pola súa colaboración.

O último ano con propostas dos tres cursos

Desde 2014, edición na que Esdemga conmemoraba o seu décimo aniversario, a presentación dos proxectos de fin de estudos víase complementada neste desfile por unha selección de traballos realizados nos dous primeiros cursos da titulación. Algo que, como recoñece Dopico, acontecerá por última vez neste 2017, dada a implantación do máster que substituirá a este título propio, do que no presente curso continúan impartíndose o segundo e o terceiro curso. “O curso pasado foi o último no que tivemos primeiro, polo que a partir do ano que vén haberá que incorporar os resultados do alumnado do primeiro ano de máster”, apunta a directora de Esdemga que sinala que, aínda que “todos os anos intentamos que a posta en escena teña cousas diferentes”, o que non variará neste desfile é o seu “concepto xeral”.

Concepto que pasa por servir como ponte entre os ámbitos académicos e profesional. “Na escola faise un bo traballo, e Debut é a forma de comunicalo”, sinala Dopico dun evento que ten sido o punto de partida para egresadas e egresados que meses despois amosaban os seus proxectos “en certames nacionais e internacionais”. De feito, este escaparate do traballo o alumnado permitiu tamén que, a través de Esdemga, a Universidade de Vigo fose o pasado mes de xuño unha das 32 institución académicas de Europa, Asia e América convidadas a participar na pasarela internacional da Graduate Fashion Week de Londres.

Ao igual que en anteriores edicións, o desfile virá acompañado coa celebración esa semana dunha serie de talleres e conferencias vinculadas ao mundo da moda, no marco dun programa que se pechará na xornada posterior a Debut coas xornadas técnicas, nas que os novos graduados e graduadas manteñen unha serie de entrevistas cos responsables de recursos humanos de diferentes empresas do sector.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós