DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Luns, 09 de outubro do 2017

O Gabinete Psicopedagóxico do campus afronta un novo curso de actividade

O asesoramento académico e psicolóxico corre pola súa conta

A súa programación formativa arrancará o día 2 de novembro


ImageO Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense despediu o curso 2016/2017 superando as 1800 consultas e as 61 horas de formación, datos que supuxeron un fito na súa actividade e a confirmación de que “cada día este servizo é máis coñecido entre o alumnado, o noso principal usuario, e entre o profesorado, que cada vez nos deriva máis estudantes”, como destaca a súa responsable, Isabel Ferreiro. Co curso 2017/2018 en marcha e o reto de consolidar as súas últimas cifras, o gabinete ten en marcha os seus servizos de atención e formación tanto individual como grupal, comezando o día 2 de novembro a súa programación de cursos.

Rosa Tedín | Ourense
O Gabinete Psicopedagóxico do campus de Ourense despediu o curso 2016/2017 superando as 1800 consultas e as 61 horas de formación, datos que supuxeron un fito na súa actividade e a confirmación de que “cada día este servizo é máis coñecido entre o alumnado, o noso principal usuario, e entre o profesorado, que cada vez nos deriva máis estudantes”, como destaca a súa responsable, Isabel Ferreiro. Co curso 2017/2018 en marcha e o reto de consolidar as súas últimas cifras, o gabinete ten en marcha os seus servizos de atención e formación tanto individual como grupal, comezando o día 2 de novembro a súa programación de cursos.

Atención individual e grupal

Un curso académico máis o Gabinete Psicopedagóxico, explica a súa responsable, terá como función fundamental “brindar unha asesoría multidisciplinar e integral nas áreas psicolóxica e psicopedagóxica co propósito de fortalecer a autonomía, a autoestima, a autoaprendizaxe e os valores fundamentais que propicien o equilibrio persoal e melloren a calidade de vida do alumnado”. Deste xeito, ofrecerá servizos fundamentalmente de asesoramento académico e atención psicolóxica. O asesoramento académico abrangue a atención individual ou colectiva sobre calquera cuestión relacionada co proceso formativo e a organización de cursos. A atención psicolóxica abrangue ao alumnado con problemas psicolóxicos que poidan interferir negativamente no seu rendemento académico e inclúe a promoción, prevención e atención en materia psicolóxica, entre outras cuestións.

Co obxectivo de canalizar consultas individuais habituais a actividades grupais, o Gabinete Psicopedagóxico volve un curso máis a ofrecer ao longo do ano diferentes actividades formativas dun ou varios días de duración abertas non só ao alumnado senón tamén a profesorado. Un ano máis, explica Isabel Ferreiro, está previsto que se celebren cursos de motivación de alto impacto, relaxación, falar en público, técnicas de estudo, coaching e intelixencia emocional. “Tamén queremos repetir, polos seus bos resultados, a experiencia do curso pasado do curso Super-acción, na que os asistentes tiveron a oportunidade de pórse na pel de persoas con diversidade funcional”, apunta Isabel Ferreiro. O primeiro destes curso será o 2 e 3 de novembro, cando o campus acolla unha nova edición do seu xa tradicional Curso de Motivación de Alto Impacto, impartido por Pepe Cabello, que levará aos asistentes a realizar probas como camiñar sobre brasas.

Alumnado con necesidades especiais

Outro foco de atención importante do Gabinete Psicopedagóxico ao longo deste curso volverá a ser, explica Isabel Ferreiro, o apoio ao alumnado con necesidades especiais que estuda no campus de Ourense a través do seguimento dun plan personalizado, de acordo co protocolo de actuación establecido para estes casos a través do Plan Piune da Universidade de Vigo. Este plan, sinala Isabel Ferreiro, contempla que cada estudante con estas características conte cunha avaliación das súas necesidades, un plan de atención propio, que se forme e informe aos docentes que lle darán clases e que se faga un seguimento de cada caso ao longo do curso. Alén destes alumnos e alumnas neste servizo tamén atenderán cuestións puntuais de estudantes con necesidades específicas que non requiren dun plan individualizado para o desenvolvemento da súa vida académica.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós