DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 10 de outubro do 2017

A alumna e directora foi unha das seleccionadas nas axudas ao talento que promove a Agadic

O sendeiro de Lucía Estévez avanza por CCSS e da Comunicación

Estudantes da facultade achéganse ao proceso de montaxe da súa nova curta, que leva a cabo no centro


ImageDespois de que a súa primeira curta de ficción, Volver allí, fose seleccionada pola Agadic para formar parte do catálogo Shorts from Galicia, a directora e alumna de Ciencias Sociais e da Comunicación viu neste 2017 como o seu traballo no mundo das curtametraxes era de novo recoñecido pola axencia da Xunta, desta volta escollendo o seu proxecto Sendeiro como unha das cinco curtas beneficiarias das subvencións ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual. Trala rodaxe a comezos de setembro en Vigo e no Rosal, Estévez traballa actualmente na montaxe da súa curta nesta facultade.

Eduardo Muñiz | Pontevedra
Despois de que a súa primeira curta de ficción, Volver allí, fose seleccionada pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) para formar parte do catálogo Shorts from Galicia, a directora e alumna da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación viu neste 2017 como o seu traballo no mundo das curtametraxes era de novo recoñecido pola axencia da Xunta, desta volta escollendo o seu proxecto Sendeiro como unha das cinco curtas beneficiarias das subvencións ao desenvolvemento e promoción do talento audiovisual galego. Trala rodaxe a comezos de setembro en Vigo e no Rosal, Estévez traballa actualmente na montaxe da súa curta nesta facultade, no marco dunha experiencia que permite ao alumnado de Comunicación Audiovisual achegarse ás diferentes fases do traballo de edición deste “conto de irmáns”, que afonda nas relacións entre unha moza e un neno que viven sos na casa familiar.

Dirixidas a promover a incorporación de novos creadores e creadoras á industria audiovisual, a obtención desta axuda de 6000 euros permitiu a Estévez rodearse dun equipo de preto de 30 persoas, entre as que figuran egresadas da facultade como a editora da curta, Iria Silvosa, e os alumnos Javier Lago, Jorge Fernández e Pablo Pastoriza. “O mellor desta axuda foi poder contar con moita xente que tamén achegaba o seu punto de vista. O traballo co equipo foi xenial, porque todos comprenderon a importancia do proxecto para min e axudáronme moito”, salienta esta realizadora, quen ve en Sendeiro o proxecto do que se sinte máis orgullosa. “Despois de facelo, dixen isto é o que quero facer de verdade, polo planeamento técnico, polo tratamento dos diferentes departamento, pola arte, polos decorados...”, engade da curta que agarda estrear nun festival a principios de 2018, para, a partires de aí, iniciar un percorrido por eventos nacionais e internacionais co apoio dunha distribuidora.

Un proceso de aprendizaxe para o alumnado

“A raíz da concesión da bolsa, que é unha subvención a nivel persoal e non a unha produtora, pensamos na posibilidade dunha colaboración de tal forma que en lugar de facer a montaxe na casa a fixese na facultade e puidésemos coordinar o proceso coa aprendizaxe do alumnado, xa que nunha contorna académica como esta é interesante contar con estudantes conectados co sector, con produtos xa no mercado, como é o caso de Lucía”, explica o vicedecano Oswaldo García da “experiencia piloto” pola que a montaxe se combina con actividades co alumnado da materia Técnicas de edición dixital. Trala distribución entre os estudantes do guión literario de Sendeiro, a pasada semana tivo lugar un coloquio no que Estévez e Silvosa lles explicaron “como é o fluxo de traballo desde o punto de vista técnico e creativo”. Xa en novembro, tocará amosar ao alumnado, nun segundo coloquio, os primeiros resultados da montaxe, previos á fase de posprodución.

O vivido e o non vivido

Como un traballo para a materia de cine documental, Estévez deu forma á súa primeira curta, Cuna, na que retornaba con seu pai e súa nai á aldea na que naceu o primeiro. A familia sería tamén o motivo central de Volver allí e tamén o eixo en torno ao que xira Sendeiro. “Cheguei á conclusión de que gústame falar das cousas das que sei e dentro destas, profundar no que non se sabe. Realmente, o que máis valoro cando escribo é o novo, o que aparece en relación ao vivido; o non vivido”, salienta a realizadora, quen ten nesta idea do non vivido, “porque non quixen, non puiden ou porque non me deixaron”, o motor, xunto cos recordos, dos seus guións.

Neste caso, Sendeiro é o resultado de máis dun ano de traballo, no que o guión foi sufrindo diferentes cambios ata practicamente o inicio da rodaxe e que aborda a relación entre de dous irmáns de 22 e 12 anos, interpretados por Cristina Andrade e Xoel Roupar. Trátase, explica, dunha curta que aborda “a infancia como motor da vida”, na que exerceron como actores dous nenos que eran ademais xemelgos. “Traballar con irmáns nunha historia que trata de irmáns pareceunos moi boa idea dende o primeiro momento”, engade Estévez, quen apostou neste proxecto pola busca dunha “neutralidade, sobre todo no vestiario e tamén nos decorados, practicamente todos en interiores”, así como pola busca dunha “teatralidade”, na iluminación, na posición dos actores ou na súa inmobilidade.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós