DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Mércores, 11 de outubro do 2017

A IV Semana Ibérica de Modelización terá lugar do 16 ao 20 de outubro no edificio Miralles

Un taller internacional facilita o encontro entre empresas e alumnado de mestrados de matemáticas

Recrearase unha contorna laboral para que as e os estudantes traballen sobre problemas industriais reais


ImageUn taller practico no que ao longo dunha semana se recrea unha contorna laboral na que o alumnado de mestrados con formación matemática traballe sobre retos concretos formulados polas empresas e que as matemáticas conseguiron resolver. Isto é o que se propón na IV Semana Ibérica de Modelización, un encontro que se celebrará no edificio Miralles entre o 16 e o 20 de outubro e no que participarán estudantes españois e portugueses que están a piques de saír ao mercado laboral.

Duvi | Vigo
Un taller practico no que ao longo dunha semana se recrea unha contorna laboral na que o alumnado de mestrados con formación matemática traballe sobre retos concretos formulados polas empresas e que as matemáticas conseguiron resolver. Isto é o que se propón na IV Semana Ibérica de Modelización, un encontro que se celebrará no edificio Miralles entre o 16 e o 20 de outubro e no que participarán estudantes españois e portugueses que están a piques de saír ao mercado laboral.

“Cando un estudante acaba a universidade non sempre sabe como se traballa nunha empresa, nin o seu ritmo, nin o que se fai realmente nela”, explica o profesor Javier Roca, un dos organizadores desta cita con marcado toque internacional e organizada de forma conxunta entre o grupo de investigación Sidor -Statistical Inference, Decisión And Operation Research- da Universidade de Vigo, ao que pertence Roca; o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, Itmati, e a Rede Española Matemática-Industria (math-in), en colaboración coa Rede Portuguesa de Matemática para a Industria e a Innovación (Pt-Maths-IN).
Impulsado desde o seu nacemento como unha cita anual, o encontro lévase a cabo de forma alternativa entre España e Portugal. Despois dos encontros realizados en Coimbra, Santiago de Compostela e Oporto chega agora Vigo, que se converte así na sede desta cuarta edición.

Big data, simulación, visión artificial... principais temas a tratar

Os retos formulados ás persoas participantes son exemplos de transferencia de tecnoloxías como o big data, o machine learnig –máquinas que aprenden- e a simulación numérica no campo das telecomunicacións, o deseño de edificios e a industria da pedra. “O carácter transversal das matemáticas fai delas unha ferramenta de utilidade en case calquera sector produtivo”, subliña Roca, ao tempo que fai fincapé en que “calquera empresa ou industria que posúa un problema destas características se podería beneficiar da tecnoloxía matemática existente”, recalca. A redución de custos e tempos de desenvolvemento de produtos, o control e a optimización de procesos industriais, a mellora na asignación e planificación de recursos e tarefas, ou a explotación da información interna mediante técnicas de minaría de datos ou big data, son só algúns do exemplos mencionados polo experto, quen exercerá na xuntanza como un dos coordinadores académicos, cargo que tamén porán en práctica outros profesores da Universidade de Vigo como Elena Martín e Marcos Meis, da Área de Mecánica de Fluídos, ou Javier Martínez, do Centro Universitario da Defensa de Marín.

O primeiro día do taller, as e os participantes elixirán a problemática que máis lles interese e traballarán nela o resto das xornadas baixo a supervisión dun dos coordinadores académicos especializados que estivo involucrado na súa resolución e, nalgúns casos, representantes tamén das compañías. “Isto fai que resulte un escaparate moi interesante para aqueles estudantes que queren que as empresas os coñezan e, para estas, resulta unha oportunidade de coñecer profesionais formados”, resaltou Roca, coordinador tamén do Máster Interuniversitario en Técnicas Estatísticas, unha proposta conxunta das tres universidades galegas que nos seus dez anos de vida sacou xa ao mercado máis de 200 profesionais que traballan en múltiples sectores, desde o biosanitario, ata as finanzas ou a enxeñaría.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós