DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 10 de outubro do 2017

O campus acolleu este martes as décimo segundas xornadas deste colectivo

300 profesionais da enfermaría debaten en Ourense sobre como fomentar os hábitos saudables

O obxectivo da iniciativa é recoñecer e fomentar a investigación nos diferentes niveis asistencias


ImageCada ano, as Xornadas de Enfermaría de Ourense convocan aos enfermeiros e enfermeiras da provincia co obxectivo de recoñecer e fomentar a investigación no seu eido e abordar en profundidade o debate sobre algún dos retos aos que se enfrontan. Este martes, o campus de Ourense acolleu a décimo segunda edición desta cita, que reuniu a arredor de 300 profesionais e que tivo como lema Hábitos saudables, unha inversión en saúde. Tendo en conta que os hábitos saudables ou a prevención supoñen “unha influencia do 45% nas condicións de saúde dunha persoa, fronte ao 10% que representa a asistencia sanitaria”, ao longo da xornada abordouse un abano moi amplo de temáticas arredor do fomento da vida sa, desde a alimentación á saúde mental. O termalismo e o seus beneficios para a saúde foi un dos protagonista da programación.

Rosa Tedín | Ourense
Cada ano, as Xornadas de Enfermaría de Ourense convocan aos enfermeiros e enfermeiras da provincia e ao alumnado desta área co obxectivo de recoñecer e fomentar a investigación no seu eido e abordar en profundidade o debate sobre algún dos retos aos que se enfrontan. Este martes, o campus de Ourense acolleu a décimo segunda edición desta cita, que reuniu a arredor de 300 profesionais e que tivo como lema Hábitos saudables, unha inversión en saúde. Tendo en conta que os hábitos saudables ou a prevención supoñen “unha influencia do 45% nas condicións de saúde dunha persoa, fronte ao 10% que representa a asistencia sanitaria”, ao longo da xornada abordouse un abano moi amplo de temáticas arredor do fomento da vida sa, desde a alimentación á saúde mental. O termalismo e o seus beneficios para a saúde foi un dos protagonista da programación, tendo en conta a especialización de Ourense como destino termal e a do campus de Ourense como Campus da Auga.

As XII Xornadas de Enfermaría de Ourense, organizadas pola Dirección de Procesos de Enfermaría da Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, foron inauguradas por Jesús Vázquez Almuiña, conselleiro de Sanidade; Dionisio López, responsable do Sergas en Ourense; María José Menor, responsable do departamento organizador; Jesús Vázquez, alcalde de Ourense, e Rosendo Fernández, vicepresidente da Deputación Provincial. Durante a súa intervención, Vázquez Almuiña destacou “a grande importancia que ten o papel da enfermaría na promoción de hábitos de vida saudables, pois a súa proximidade ás persoas e na atención aos pacientes permítelles achegar información e consellos sobre os factores de risco relacionados coa dieta, co sedentarismo, con hábitos tóxicos como o tabaco e o alcohol, ao longo da vida das persoas”. Segundo o conselleiro, “neste momento no que a sociedade presenta un envellecemento da poboación e unha prevalencia de enfermidades en aumento, é especialmente importante tratar este tema e concienciarnos da súa transcendencia”, chamando a atención sobre o papel que xoga tanto a investigación como o colectivo de enfermeiros e enfermeiras neste reto.

Pola súa banda, María José Menor puxo o aceno “na promoción da saúde como un factor clave en enfermaría” e Dionisio López destacou a oportunidade que dan estas xornadas de pór en valor o termalismo, de apostar pola vida saudable e sobre todo de fomentar a investigación e a innovación “na nova forma de facer sanidade”. Deste xeito, o responsable do Sergas en Ourense fixo fincapé en como dos temas e dos traballos abordados na sesión celebrada este martes en Ourense “vai a saír o futuro da nosa sanidade”. Afondando no papel de Ourense como cidade e provincia termal, Jesús Vázquez sinalou pola súa parte a importancia de “ser pioneiros nas experiencias sanitarias derivadas do termalismo” e Rosendo Fernández subliñou a aposta da Deputación polo programa de termalismo social e a necesidade da posta en valor dos recursos termais.

Da microbiota á esquizofrenia

Trala apertura arrancou un amplo programa de actividades cunha conferencia inaugural sobre inmunonutrición e microbiota a cargo de Ascensión Marcos, profesora do CSIC e presidenta da Federación Española de Sociedades de Nutrición, Alimentación e Dietética. Na súa intervención abordou a interacción entre os estados inmunolóxico e nutricional e como a microbiota inflúe neles, facendo un repaso polos sucesos clave que inflúen nela desde o propio nacemento. A actividade continuou pola mañá con dúas mesas redondas, unha sobre os beneficios do termalismo sobre a saúde, na que entre outros relatores e relatoras participou Reyes Pérez, profesora da Escola Universitaria de Enfermaría de Ourense, e outra sobre os avances en prevención, promoción e coidados en enfermaría familiar e comunitaria. O programa completouse cunha terceira mesa, xa pola tarde, sobre saúde mental, coincidindo coa celebración do Día Mundial da Saúde Mental, e na que estaba previsto que se abordasen as vantaxes da visa saudable nestas patoloxías.

A programación deste ano das xornadas incluíu por vez primeira a celebración de dous obradoiros prácticos, paralelos as sesións, sobre exercicio de solo pélvico e alimentación, impartidos por profesionais de atención primaria e hospitalaria de Ourense. Entre os temas abordados desde a organización da cita tamén destacaron a conferencia de clausura, a cargo do capitán enfermeiro e docente da Universidade de Granada Juan Carlos Sánchez, que se achegou ao campus para falar da influencia dunha vida saudable desde súa experiencia como responsable militar de saúde de tropas desprazadas a distintas misións internacionais; e a intervención de Raquel Rodríguez sobre exercicio moderado en medio acuático durante a xestación.

A xornada tamén incluíu a convocatoria do XIX Premio de Enfermería, destinado a pór en valor dos traballos científicos presentados por parte dos profesionais sanitarios da provincia ao longo do último ano en xornadas, congresos ou reunións científicas autonómicas, estatais e internacionais. Entre os máis de 30 traballos presentados, seleccionáronse para a súa presentación nas xornadas cinco, sobre temas como as necesidades dos pacientes sometidos a monitorización non invasiva na sala de observación de urxencias, os beneficios da intervención educativa na dieta e perfil antropométrico de mulleres cun factor de risco cardiovascular e un estudo piloto sobre un programa online para pacientes con esquizofrenia.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós