DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 10 de outubro do 2017

Alberto Rosado ofrece este sábado un concerto gratuíto no Teatro Principal

Piano e audiovisuais na chegada do Festival Vertixe 2017 a Pontevedra

É o primeiro dos seis concertos que o evento coorganizado polo Campus CREA S2i desenvolve na cidade


ImageUnha noite para afondar nas potencialidades que a electrónica outorga ao piano e na que a música se verá complementada con vídeos e fotografías de diferentes artistas. Isto é o que o pianista Alberto Rosado proporá este sábado 14 no Teatro Principal, no primeiro concerto da quinta edición do Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea, que Vertixe Sonora promove xunto co Campus CREA S2i. E-Piano_video&electronics é o título dun recital, con entrada libre ata completar aforo, programado para as 20.30 horas e no que as diferentes pezas se verán acompañadas de traballos audiovisuais.

Duvi | Pontevedra
Unha noite para afondar nas potencialidades que a electrónica outorga ao piano e na que a música se verá complementada con vídeos e fotografías de diferentes artistas. Isto é o que o pianista Alberto Rosado proporá este sábado 14 no Teatro Principal, no primeiro concerto da quinta edición do Festival Internacional de Creación Musical Contemporánea, que Vertixe Sonora promove xunto co Campus CREA S2i. E-Piano_video&electronics é o título dun recital, con entrada libre ata completar aforo, programado para as 20.30 horas, e no que as diferentes pezas se verán acompañadas dos traballos audiovisuais de Aurélio Edler-Copes, Paloma Pájaro, Graciela Iturbide, Hugo Louis, Sevi Asensi, Taller Citlo e Emmanuel Flores.

“Un dos meus grandes esforzos como intérprete é sempre intentar traer boa música escrita no noso tempo a todo tipo de público, tratando de ofrecelo coa mellor calidade posible. Aínda que o formato de concerto tradicional segue a ser válido para a música tradicional, se queremos atraer a outras audiencias, compositores e intérpretes, debemos tratar de atopar novas formas de difundir e facer visible o noso traballo creativo”, salienta Rosado dun dos motivos que o levan a arroupar o seu piano dun soporte audiovisual. Composicións realizadas neste século XXI por Aurélio Esdler-Copes, Iñaki Estrada, Hilda Paredes, Ramón Humet, Cristian Morales Ossio e Arturo Fuentes integran o programa deste recital, no que Rosado afondará en como a combinación coa electrónica fai do piano “un instrumento moito máis flexible”, a través dunha serie de pezas que estes compositores españois e latinoamericanos realizaron para este proxecto. “A idea era presentar nun só proxecto obras de autores moi diferentes entre si, que tivesen unha calidade constrastada e que propuxesen unha mirada nova ao repertorio de piano con electrónica”, salienta este músico no programa deste recital.

Cinco actuacións máis na cidade

A quinta edición deste Festival Vertixe 2017, que botou a andar o 1 de outubro, inclúe no seu programa un total de once concertos nas cidades de Vigo e Pontevedra. Nesta cidade a programación continuará, tralo concerto deste sábado coa primeira actuación en Galicia da formación francesa Ensemble Sillagues, que interpretará Philae na sala Nemonon o xoves 19 e presentará ao día seguinte A batalla de Don Carnal e Dona Coresma no pazo da Cultura. Neste mesmo espazo, o ensemble de Vertixe Sonora estreará o día 22 Die Wanderung, composto por Lula Romero, e en novembro o Sexto Edificio do Museo de Pontevedra acollerá, o sábado 4, o concerto Amygdala, de Defunensemble, e, o 18, o recital (In)visible, de Tag Ensemble.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós