DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Martes, 10 de outubro do 2017

O manuscrito coas cantigas de Martin Codax poderá visitarse ata marzo de 2018 no Museo do Mar

O Pergamiño Vindel amósase desde hoxe á beira do mar que o inspirou

Medio cento de pezas de entre os séculos XIII ao XX integran a mostra ‘Un tesouro en sete cantigas’


ImageDende hoxe e ata o vindeiro 4 e marzo de 2018 o Pergamiño Vindel amosarase por primeira vez en Galicia. Trala súa localización a principios do século XX por parte do libreiro madrileño Pedro Vindel e a súa adquisición por parte da Morgan Library en 1977, o manuscrito que contén as sete cantigas de amigo do trobador Martin Codax poderá ser admirado polo público á beira do mar de Vigo que o inspirou hai 800 anos. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejióo, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, foron os encargados de inaugurar esta tarde Un tesouro en sete cantigas, a exposición que, co Pergamiño Vindel como elemento central, amosa medio cento de pezas, a maior parte delas de arte sacro, de entre os séculos XIII ao XX, complementadas con obras de artistas galegos contemporáneos e estruturadas a partir de cada unha das sete cantigas compostas por Codax.

Mª del Carmen Echevarría e M. Del Río | Vigo
Dende hoxe e ata o vindeiro 4 e marzo de 2018 o Pergamiño Vindel amosarase por primeira vez en Galicia. Trala súa localización a principios do século XX por parte do libreiro madrileño Pedro Vindel e a súa adquisición por parte da Morgan Library en 1977, o manuscrito que contén as sete cantigas de amigo do trobador Martin Codax poderá ser admirado polo público á beira do mar de Vigo que o inspirou hai 800 anos. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Fejióo, e o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, foron os encargados de inaugurar esta tarde Un tesouro en sete cantigas, a exposición que, co Pergamiño Vindel como elemento central, amosa medio cento de pezas, a maior parte delas de arte sacro, de entre os séculos XIII ao XX, complementadas con obras de artistas galegos contemporáneos e estruturadas a partir de cada unha das sete cantigas compostas por Codax.

Espiritualidade, imaxe do poder, os ámbitos familiar e íntimo, a contraposición do amor sacro e profano, a oposición entre a paisaxe real e alegórica, o espazo templo-atrio ou a incerteza, son os tramos simbólicos a partir dos que se organiza a mostra, comisariada polo docente e investigador da Universidade de Santiago de Compostela Francisco Singul e que se poderá visitar no Museo do Mar de Galicia os seis próximos meses. O recinto expositivo vigués acolleu esta tarde o acto de inauguración da mostra, no que participou unha ampla representación dos ámbitos político, académico, cultural e social de Vigo e de Galicia.

O Pergamiño Vindel ou o orgullo de sermos galegos

De “día moi feliz para Vigo e para Galicia”, cualificou o reitor Salustiano Mato este martes no que a exposición do Pergamiño Vindel abriu as súas portas. “Que todas as galegas e galegos disfruten da exposición e que se sintan orgullosos do que somos” asegurou o reitor en referencia ao idioma galego que Martin Codax empregou nas súas cantigas e que sigue vivo 800 anos despois. Pola súa banda, o presidente da Xunta referiuse ao Pergamiño Vindel como “a partida de nacemento do galego” ao tempo que manifestou que “este é un momento moi especial no que se sinte o orgullo de ser galego, de ter unha lingua propia e de ser un pobo pequeno en poboación, pero importante desde o punto de vista de produción cultural”. Feijóo felicitou á Universidade de Vigo e á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria por ser quen de traer o Pergamiño de volta a Galicia, ao tempo que invitou a todas as galegas e galegos a visita a mostra “para darse conta da importancia do galego na historia da literatura e na historia política de España e das linguas”.

Mentres, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou sentirse “moi emocionado” polo regreso do manuscrito que contén as cantigas de Martin Codax á cidade que as viu nacer hai 800 anos. “´É un momento emocionante para os que sentimos Vigo como parte da nosa esencia” asegurou Caballero, que expresou o seu recoñecemento ao trobador vigués por cantar ao amor e ao mar de Vigo, ao tempo que manifestou a súa mágoa por que o Pergamiño non puidese quedar para sempre na cidade.

Medio cento de obras que evidencian unha cultura galega de primeiro nivel

Nos 200 metros cadrados especialmente habilitados no Museo do Mar para a exposición, Un tesouro en sete cantigas amosa medio cento de obxectos, na súa maior parte procedentes de igrexas, museos e coleccións privadas de Galicia, entre os que destacan os fragmentos dunha copia en galego das Sete Partidas de Alfonso X O Sabio, un texto xurídico coetáneo do Pergamiño. Capiteis, relicarios, réplicas de instrumentos musicais inspiradas nas esculturas do Pazo de Xelmírez e do Pórtico da Gloria, peites, unha gran talla románica de Cristo crucificado procedente de Vilanova dos Infantes e uns zapatos do bispo Paio II de Cebeira, son pezas que integran a mostra e que, segundo o comisario Francisco Singul, “poñen de manifesto que a cultura medieval de Galicia foi de primeiro nivel”.

O comisario da mostra asegura que “esta exposición busca o equilibrio entre as pezas do século XIII e outras mostras de creatividade contemporánea como o cadro de Urbano Lugrís ‘Paisaxe coas Illas Cíes” que sirve de fondo ao Pergamiño, que se amosa no interior dunha urna, cunhas condicións de temperatura, humidade e iluminación axeitadas para a súa conservación e seguridade.
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós