DUVI. Diario da Universidade de Vigo
Venres, 13 de outubro do 2017

A docencia iníciase o 30 de outubro na EU de Estudos Empresariais

O Curso de introdución á bolsa chega á súa décimo quinta edición

Os asistentes simularán o proceso de compra-venda de accións do IBEX 35


ImageDentro do programa de cursos complementarios que organiza a Universidade de Vigo para a comunidade universitaria e persoas alleas á institución, o Curso de introdución á bolsa é un dos que conta con máis tradición e unha grande aceptación entre o público. O vindeiro día 30 de outubro arranca a décimo quinta edición desta actividade, que terá unha duración de 32 horas e se desenvolverá en horario de tarde. Á fronte deste curso están o profesor José Luis Sáez Ocejo e a profesora Trinidad González-Portela, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, que deseñaron un programa que comprende conferencias e sesión prácticas e presta especial atención ao uso das novas tecnoloxías.

M. Del Río | Vigo
Dentro do programa de cursos complementarios que organiza a Universidade de Vigo para a comunidade universitaria e persoas alleas á institución, o Curso de introdución á bolsa é un dos que conta con máis tradición e unha grande aceptación entre o público. O vindeiro día 30 de outubro arranca a décimo quinta edición desta actividade, que terá unha duración de 32 horas e se desenvolverá en horario de tarde. Á fronte deste curso están o profesor José Luis Sáez Ocejo e a profesora Trinidad González-Portela, do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade, que deseñaron un programa que comprende conferencias e sesións prácticas e presta especial atención ao uso das novas tecnoloxías. Sáez Ocejo considera que o segredo desta lonxevidade pode estar “nos profesores do curso, xa que un 80% dos contidos son impartidos por profesionais do mundo das finanzas e da bolsa, que unen os coñecementos do mundo real coa docencia, tanto teórica como práctica”. Ademais, a isto únese o feito de que os mercados bursátiles xa non son un tema inaccesible, senón que "é habitual que centre conversas entre persoas da rúa", sendo tamén un eido que forma parte “cada vez máis da educación financeira que tanto se demanda ultimamente”.

Contidos teóricos que se complementan cun xogo de bolsa

O curso, que nesta ocasión leva por título Independencia, Trump e mercados, ten un carácter introdutorio e aborda diversos aspectos relacionados coa bolsa de valores, dende o estudo básico do que é e que significa a bolsa no mercado financeiro español, ata o funcionamento do mercado e as principais estratexias de inversión orientadas ao estudo da análise fundamental e análise técnica, tanto con valores de renda variable como o mercado de derivados. Asemade, lembra o profesor, ofrecerase unha visión do panorama actual do mercado financeiro, argumentando as posibles decisións de inversión futuras nos mercados bursátiles.

Ademais, a parte máis práctica deste obradoiro consistirá nun xogo de bolsa, no que simularán un proceso de compravenda de accións do IBEX 35, competindo entre eles mesmos. “Parten dunha cantidade de 60.000 euros e eles mesmos elaborarán unha carteira ficticia de valores do IBEX 35, nos que operarán comprando e vendendo durante os días que dure o curso, todo cun obxectivo pedagóxico que, ao final, engancha moito”, explica Sáez Ocejo.

As persoas interesadas en matricularse poderán facelo ata o mesmo día de inicio do curso, que arrancará o día 30 deste mes e se estenderá ata o 8 de novembro. O prezo para os membros da comunidade universitaria é de 100 euros e para as persoas alleas á institución de 120 euros.

Quince anos ás costas

Tras estes 15 anos de vida do curso, Sáez Ocejo destaca que as críticas do alumnado das diferentes edicións foron amplamente positivas, “xa que a moitos deles se lles abren os ollos ao mundo da Bolsa, con nocións que un axente de bolsa ou unha axencia de valores nunca che vai dicir, porque eles realmente o que queren é cobrar unha comisión, totalmente lexítima sen lugar a dúbidas, pero que moitas veces desvirtúa o que se pretende realmente co curso, que é valorar a conveniencia ou non de investir nun mercado que para moitos é descoñecido”. Ademais, engade o docente, este tipo de cursos “complementan” a formación de moitos titulados e tituladas que, "a causa da redución na duración dos graos, moitas veces deixan de lado nos plans de estudo o coñecemento do mundo bursátil dende a perspectiva na que se orienta este curso".
< Ant.   Seg. >

Duvi. Diario da Universidade de Vigo. | Contacta con nós